----

Vigo acolleu a xornada final do Congreso internacional “Mil e un Cunqueiros” e John Rutherford reclamou “unha boa edición crítica da obra completa do escritor”

Cunha glosa da dimensión galega e internacional de Álvaro Cunqueiro, da súa relación coa cultura anglófona, feita polo ilustre galaicista da Universidade de Oxford, John Rutherfod, concluiu hoxe no Auditorio Municipal de Vigo o Congreso internacional “Mil e un Cunqueiros”, organizado polo Consello da Cultura Galega e as tres universidades galegas. “Era obrigado vir a Vigo, dixo Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura, porque a Vigo está unido o nome do escritor, que aquí creou boa parte da súa obra literaria e xornalistica”. O congreso, con dúas xornadas en Santiago de Compostela e unha na Coruña, agrupou nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e trinta comunicacións, que permitiron revisar e aportar novas miradas ao legado dun clásico, “necesitado dunha boa edición crítica da súa obra completa”, ao ver de Rutherford. Ramón Villares, o concelleiro de Normalización Lingüística e deportes, Manel Fernández, e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Henrique Costas, participaron no acto de clausura deste congreso, punto culminante das actividades do “Ano Cunqueiro”, organizado polo Consello da Cultura e iniciado tamén en Vigo o pasado mes de febreiro para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo,1981).

O profesor John Rutherford, presentado por Ramón Villares como “gran embaixador da lingua e da cultura galegas na Universidade de Oxford e él mesmo unha figura esencial da cultura galega”, reparou nos coñecementos que do inglés -tamén de francés e de latín- posuía Cunqueiro e que lle permitiron acometer algunhas traduccións, “con erros e acertos”, e coñecer a fondo a obra de Shakespeare “que claramente lle influiu e que admiraba pola universalidade do seu teatro”. Esa admiración levouno a impoñerse o coñecemento do idioma inglés para achegarse a súa literatura e buscar novos camiños no seu quefacer literario, él que, ao dicir de Rutherford, vivía máis na literatura que na realidade, aínda que “nunca fixo literatura escapista”.

HAMLET E ULISES

O conferenciante recordou unha carta de Cunqueiro a Francisco Fernández del Riego, na que o mindoniense afirmaba que Hamlet e Ulises eran para él “coma unha relixión, a relixión do home” e aludiu ao moito que o contrariou o feito de que nin Celestino Fernández de la Vega nin Ánxel Fole souberan ler axeitadamente a súa obra teatral “O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca”.
Aludiu John Rutherford ao particular tratamento dos mitos por parte dun Cunqueiro “que collía os elementos esenciais, xogaba con eles e acababa desfacéndoos”. Era moi consciente o autor de “Merlín e familia” da “necesidade que temos dos mitos e dos soños, pero tamén sabía que ao final hai que despertar e por eso non fixo literatura escapista”.

FETICHISMO E OUTROS MUNDOS

A derradeira xornada do congreso “Mil e un Cunqueiros”, celebrada ao longo destaq mañá en Vigo, comezou coa conferencia de Alberto Moreiras, profesor e xefe do Departamento de Estudos Hispánicos da Universidade de Texas, nacido en Vigo, que reflexionou sobre o tema “Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental”, con especial referencia a “Las mocedades de Ulises”.

A última mesa redonda analizou “Os outros mundos de Cunqueiro” con relatorios do escritor César Morán Fraga, a profesora María Xesús Lama (Universidade de Barcelona) e Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña), moderados por Camino Noia (Universidade de Vigo).
César Morán aludíu ao “espazo catalán e espazo árabe nalgúns poemas de Cunqueiro” e lembrou que o autor de “Herba aquí e acolá” cría na literatura como elemento construtor da identidade dos pobos e tamén no poder da palabra e nas súas capacidades de incidenci e transformación”.
Carlos Paulo Martínez Pereiro fixo tamén unha lectura dos poemas cunqueirianos, “un autor grande, un clásico, creedor e creador de mitos e dono dunha obra que vai sendo coñecida progresivamente”. “Con Cunqueiro, afirmou, eu son optimista sobre o futuro do pesimismo”.
Pola súa parte, María Xesús Lama falou sobre “o celtismo e a Materia de Bretaña na obra de Cunqueiro”.