----

O Consello da Cultura Galega reforzou a presenza dixital no primeiro trimestre do ano

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste xoves unha sesión plenaria ordinaria na que a presidenta, Rosario Álvarez, debullou a acción institucional no primeiro trimestre do ano. Neste tempo programáronse 88 actividades, realizadas na súa maioría a través do sistema dixital da institución. Entre xaneiro e abril organizáronse máis de cen conferencias agrupadas en quince xornadas, catro produtos audiovisuais, 47 actividades en web entre epístolas, roteiros, entradas biobibliográficas, etc., ao tempo que se elaboraron diferentes produtos como a videocreación do Día da Poesía ou a ficción sonora en formato podcast de “La Lindona de Galicia” sobre un texto pouco coñecido do Século de Ouro español.

Ata o 15 de abril o Consello da Cultura Galega programou 88 actividades de natureza moi variada. Comezaron coa exposición “Afonso X e Galicia”, que buscou explorar a faceta menos coñecida do Rei Sabio e remataron nunha xornada sobre a pegada en Galicia da II Guerra Mundial. A mostra estivo moi condicionada polas circunstancias sanitarias xa que permaneceu pechada ao público durante varias semanas. Nese momento aproveitouse para lanzar outras accións ao redor deste fío temático, como unha visita guiada en formato audiovisual ou propostas de roteiros virtuais que percorren Galicia a través do patrimonio afonsino.

Neste trimestre tivo un protagonismo destacado a realización de actividades de carácter audiovisual. Entre elas está “O equilibrio dos extremos”, unha videocreación encargada co gallo do Día da Poesía coa que a institución fusionou a voz poética de Xela Arias coa de novas voces da poesía galega. O documental “O principio do mundo de Julio Camba” centrouse na etapa inicial e menos coñecida do xornalista. No Día Mundial do Teatro realizouse a adaptación en formato podcast de “La Lindona de Galicia”, unha descoñecida comedia do Século de Ouro. Ademais, programouse unha nova edición do ciclo de cinema “Olladas de muller”, que tivo un formato máis reducido cunha única proxección diaria e que incorporou varias estreas.

A actividade deste trimestre estivo moi condicionada pola situación sanitaria actual, que motivou que 81 das 88 actividades se desenvolvesen nun contorno virtual e só 7 presenciais. Entre elas destaca a presentación da programación do CCG para o Día das Letras Galegas, con accións que van máis ala do 17 de maio e fiel á súa liña habitual: un concerto (16 de maio no Auditorio Mar de Vigo), unha publicación (¡Non te amola!) e un espazo web. Sustentabilidade, patrimonio, violencia de xénero foron algunhas das temáticas que se abordaron. Tamén houbo espazos para sesións de traballo, como a que se celebrou a principios de marzo na que foron convocados por primeira vez, representantes dos diferentes grupos parlamentarios para falar de patrimonio. Esta iniciativa insírese no marco do “Foro Patrimonio e Sociedade”, que rematará no segundo trimestre do ano cunha xornada pública (programada para o 19 e 21 de abril) e a presentación do documento final.

Outra das liñas de acción prioritarias que a institución anunciou para este ano pasa por coñecer a realidade da creación cultural contemporánea nas súas diferentes manifestacións. Entre marzo e abril desenvolveuse un ciclo de 4 sesións encamiñado a analizar e reflexionar sobre o papel desempeñado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra cando se cumpren trinta anos da súa creación. Ademais, desde o inicio do seu mandato, Rosario Álvarez defendeu a necesidade de acadar unha maior igualdade e inclusión en diversos sentidos, de modo que neste ano están programadas varias accións orientadas a analizar a igualdade de acceso á cultura en función do hábitat, con especial énfase no mundo rural. Nese sentido, programáronse as xornadas “Futuros presentes: conversas sobre sustentabilidade”, que contaron coa participación de figuras como Óliver Laxe e que tiveron un significativo seguimento nas redes sociais. No marco desta cita avanzouse do informe de carácter cualitativo sobre sustentabilidade que a institución presentará no mes de xuño.

Ao fío da función asesora, fíxose público o “II Barómetro da Cultura Galega”, a cargo do Observatorio da Cultura Galega, e a Sección de Patrimonio e Bens Culturais emitiu un informe sobre o impacto que a liña eléctrica de alta tensión (LAT) Lousame-Tibo pode ter sobre o patrimonio cultural do lugar de Angueira de Castro, na parroquia de Santa Mariña de Ribasar, Rois (A Coruña). Ademais, realizáronse 12 informes de Avaliación de Impacto Ambiental.