No Dia Mundial da Língua Portuguesa o Municipio de Guimarães, a Universidade do Minho e o Instituto Camoes organizaron un seminario para analizar o papel desta lingua en diferentes ámbitos, desde o contexto académico ata o papel da diáspora sen esquecer os desafíos de futuro. Unha cita á que asiste a presidenta Rosario Álvarez. No marco do programa tamén ha participación galega, representada no profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Elías Torres, que ofrecerá un relatorio titulado “Língua de varias línguas, cultura de varias culturas”.
Epistolario
Paulo Rónai (Budapest,1907-Nova Friburgo, Estado do Río de Xaneiro, 1992), foi un tradutor, crítico, e profesor brasileiro de francés e latín, de orixe húngara. Foi un amigo persoal de Valentín Paz Andradre, un dos contactos que tivo o intelectcual e empresario que teceu unha rede en países como Brasil e en colonias como Mozambique. Neste especial inclúense cincuenta e dúas cartas, que o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai escribe a Valentín Paz-Andrade entre os anos 1974 e 1988 e que poñen en evidencia, alén da gran amizade e das confidencias persoais, o profundo coñecemento de ambos a respecto do escenario cultural da época nos seus respectivos países.
As epístolas revelan a relación crítica-reflexiva das lecturas que realizaban das súas respectivas producións intelectuais. A lectura desta correspondencia permite coñecer e seguir ao longo dos anos os proxectos conxuntos que estaban a elaborar como por exemplo a tradución do libro de Valentín Paz-Andrade por Paulo Rónai: A galeguidade na obra de Guimarães Rosa do que as cartas nos descobren o seu proceso de elaboración. Esta obra é unha adaptación a partir do discurso pronunciado polo intelectual galego para a súa entrada como membro na Real Academia Galega en 1978. As cartas dan noticias de que Paz-Andrade informaba ao amigo do proceso de elaboración do discurso. É posible percibir que, ao mesmo tempo que Paz-Andrade escribe esta tese sobre a galeguidade en Guimarães Rosa, prepara ao amigo no coñecemento e estudo da lingua galega, enviándolle obras de autores galegos e introducíndoo na vida cultural de Galicia. Os premios recibidos por Rónai foron celebrados con Paz-Andrade, especialmente o premio Jabuti en 1984, pois foi concedido pola tradución desta obra de Valentín Paz-Andrade.
Entrada no Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia incorpora, como cada mércores, unha nova entrada. Nesta ocasión inclúe a de Pilar Vázquez Cuesta (1926-2019) pioneira no ensino do portugués, xa que foi a primeira persoa que gañou unha cátedra desta lingua en España, e tradutora de textos de Portugal e de Brasil. Combinou estudos lingüísticos e literarios nos ámbitos portugués, brasileiro e galego, unha circunstancias pouco frecuente. Ademais da súa dilatada produción bibliográfica no medio académico, onde destaca a coñecida “Gramática Portuguesa elaborada con María Albertina Mendez da Luz, foi unha prolífica tradutora. A súa primeira tradución fíxoa con 23 anos, era un conto de Miguel Torga, “El Estrela y su mujer” pertencente ao libro Rua (1942), polo que tivo unha intensa devoción. Desde aí desenvolveu unha intensa traxectoria de forma plural que atendeu a textos literarios, ensaios e tradución institucional.
O primeiro estudo sobre o portugués en Galicia
Co gallo desta efeméride o Consello da Cultura Galega fixo public en 202o “O valor do Portugués en Galicia”, o primeiro grande estudo que analiza o uso, actitudes e ensino desta lingua no noso país. O informe, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), concluía que o 60% da cidadanía galega posúe competencias en portugués pero só o 18% ten un dominio elevado desta lingua. O 73,2% considera que en Galicia se debería estudar pero só o 17% sabe que xa existe esa posibilidade no Ensino Secundario grazas á Lei Paz Andrade


