A modernidade e a conseguinte transformación definitiva das sociedades labregas tradicionais deu lugar un abondoso patrimonio industrial que é moi pouco recoñecido e valorado no noroeste peninsular. Na metade do século XX desenvolveuse neste contexto desenvolveuse unha industria particular que caracterizou a chamada "guerra do volframio" e que ten no noso país varios expoñentes: o poboado de Fontao en Silleda, as minas de San Finx ou o poboado de Casaio en Valdeorras. O Consello da Cultura Galega analiza neste último espazo, o contexto e características do patrimonio derivado destes acontecementos.
O programa
O programa comeza coa chegada a Casaio nunha visita comentada pola aldea e pola exposición de materiais da guerrilla que axuda a entender o contexto do espazo que se analizará. Os relatorios terán lugar de tarde, trala inauguración a cargo da coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, Rebeca Blanco-Rotea e de Laura Martínez Panizo, investigadora do Grupo de Investigación Patrimonio Minero del Noroeste Industrial que colabora con esta iniciativa.
O primeiro deles é o de Esther Aparicio Rabanedo, do Proxecto do Museo Nacional de la Energía, que falará deste museo e o seu valor no territorio. De seguido o enxeñeiro Diego Casal falará do patrimonio industrial da mina de Fontao.
A dimensión social e cultural deste proxecto está da man dos escritores Abel Aparicio e Manuel Gago. O primeiro presentará o libro ¿Dónde está nuestro pan? Mentres que Gago falará de guerrilla e imaxinario na cultura galega.
A última sesión corre a cargo do grupo de investigación Sputnik Labrego, onde os seus membros (Francisco Alonso Toucido, Mario Fernández Pereiro, Laura Martínez Panizo, Carlos Tejerizo e Diego Torres Iglesias) presentarán o proxecto de declaración de BIC da mina de volframio de Casaio.
O patrimonio industrial
Esta xornada sitúase nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que este semestre pretende poñer o foco no patrimonio industrial, encadrado nos chamados patrimonios emerxentes. A primeira cita tivo lugar o pasado 8 de setembro cunha xornada presencial en que analizaron un aspecto concreto do patrimonio industrial como é o ferroviario. Nesa cita explicaron que urxe un inventario do inxente patrimonio que hai en Galicia vencellado ao ferrocarril e que vai desde o material (infraestruturas, pontes, maquinaria...) ata o inmaterial (historias vencelladas ás vivencias das persoas, ao sindicalismo derivado da construcións dos trazados….).



