O Consello da Cultura Galega acaba de poñer a andar o Especial do Día das Letras Galegas. Un espazo web co que a institución dá a coñecer o fondos propios sobre a figura homenaxeada. Entre os materiais que aparecen neste especial destaca o único rexistro sonoro coñecido de Florencio Delgado Gurriarán. Trátase dunha entrevista que concedeu en 1968 ao programa “Poetas de Galicia” do centro territorial de Radio Nacional de España en Galicia. Nela o autor repasa a súa poesía, a súa vida en América e escoitamos recitados por parte dos locutores e do propio poeta dalgunhas das súas composicións máis coñecidas.
O especial inclúe tamén unha escolma de artigos do autor en dúas das publicacións senlleiras da cultura galega no exterior como son Vieiros ou Saudade. Textos que pretenden dar conta do seu pensamento e activismo cultural, así como das características da súa poesía. “Ir a misa de doce” é o título dun poema, escrito en 1938, no Galicia, a publicación semanal da Federación de Sociedades Gallegas en Bos Aires, trasládanos ao ambiente represivo da Guerra Civil. Outro dos textos que inclúe titúlase Noiturnio da noiva jarocha. Son veracruzano. Foi publicado no primeiro número de Saudade (25 de xullo de 1942) e permite ver unha das características máis notables da poesía de Delgado Gurriarán: a fusión entre a lingua e literatura galegas e a cultura e os ambientes mexicanos.
Delgado Gurriarán no Álbum de Galicia
O Consello da Cultura Galega abriu a actividade sobre Florencio Delgado Gurriarán en xaneiro, coa súa entrada no Álbum de Galicia, asinada por Xosé Ramón Fandiño. A entrada, da conta do seu perfil biográfico no que fai finacapé no seu papel activo e moi comprometido, sobre todo, coa defensa do idioma. A súa militancia no Partido Galeguista fixo que estivera agochado en varios lugares de Valdeorras e Valladolid ao inicio da Guerra Civil. E de aí iniciou o seu exilio, que o levaría por varios espazos antes de chegar a México, país no que seguiu loitando polo ideal galeguista como creador das revistas Saudade e Vieiros, fundador do Padroado da Cultura Galega e como representante na delegación de Galeuzca en México.
Asegura Fandiño na súa entrada que os vértices da súa poesía arredor de tres eixes temáticos e estilísticos: “a obra lírica e sensual de Valdeorras, compilada no libro Bebedeira; a poesía de loita e defensa da lingua galega e belixerante contra o fascismo, que se publicou sobre todo en Nueva Galicia e se recolleu no libro O soño do guieiro. O terceiro eixe é o da poesía crioula recollida nas revistas Saudade e Vieiros e no libro Galicia infinda, na que o autor mostra a súa admiración pola realidade mexicana, e a capacidade da lingua galega para dialogar cun sistema literario tan diferente como o mexicano”.
A obra publicada por Florencio complétase coas súas traducións da poesía francesa ao galego. En 1982, el mesmo recoñecería: “Eu, como exercicios para arrequecer o meu pobre vocabulario galego, fixen tantiñas traduzóns, ou máis ben paráfrases, de poemas de sobranceiros poetas franceses”.
A súa entrada do Álbum chega acompañada de diferentes recursos que permiten completar o seu perfil biográfico, así como unha serie de epístolas que intercambiou con Valentín Paz Andrade.
O CCG no Día das Letras Galegas
O Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras Galegas cun programa de actividades que se estenden máis alá do 17 de maio e teñen a vontade de percorrer todo o ano. A presentación do espazo web é a primeira das actividades previstas, que incluirá como cada ano unha publicación conmemorativa e un concerto institucional. O Concerto institucional, na véspera da propia celebración, terá lugar nun espazo próximo á figura homenaxeada e incluirá unha estrea.


