NOTICIA

----

Actividades que afondan no implicación da cidadanía centran a Semana do Patrimonio

O vindeiro 16 de novembro é o Día Mundial do Patrimonio, unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra cada ano con actividades arredor do patrimonio cultural. Nesta ocasión, e seguindo as indicacións descritas na guía práctica Foro Patrimonio e Sociedade, o CCG centra as súas accións en dar a coñecer a importancia da cidadanía no proceso de construción patrimonial. Unha das xornadas terá lugar en Santiago, para analizar o patrimonio inmaterial da emigración a Portugal, a outra en Monforte (días 18 e 19), para amosar o proxecto de educación patrimonial arredor do Colexio de Nosa Señora da Antiga.

“Para que unha pedra se converta en patrimonio debe ser identificada, valorada e aceptada pola cidadanía. Sen esa construción cultural non hai patrimonio”, afirma Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais e responsable de todas as accións arredor do patrimonio que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG). Por iso, as actividades previstas durante a Semana do Patrimonio parten da necesidade de que “a sociedade debe xogar un papel determinante na ratificación do patrimonio, na súa xestión e en todas as fases da práctica coñecida como cadea de valor do patrimonio cultural, reforzando, mantendo e transmitindo eses vínculos identitarios entre a sociedade e o patrimonio”, en palabras de Blanco-Rotea.

O patrimonio da emigración a Portugal
A Semana do Patrimonio comeza o propio día 16 cunha xornada que pretende poñer o foco na investigación da emigración ao país veciño, Portugal, cuxo fluxo migratorio se consolidou no século XVIII e tivo continuidade ata os anos 60 do século XX por motivos económicos e políticos. A xornada, titulada Patrimonio material e inmaterial da emigración galega a Portugal (séculos XVIII-XX). A solidariedade e cooperación transfronteiriza na Raia Seca, contará con especialistas de diferentes disciplinas de ambos os dous lados da fronteira, que reflexionarán sobre a emigración galega a Portugal como fenómeno histórico e social, no que destacan as redes de solidariedade que se foron tecendo no tempo, o intercambio económico-cultural, a cooperación e a identidade raiana. Sobresae a presenza de Antonio Lourenço Fontes, coñecido como padre Fontes, sacerdote, historiador, escritor e hoteleiro que, en 1983, impulsou o Congresso de Medicina Popular de Vilar de Perdizes, que xa celebrou a súa 36ª edición, no que xuntando o sagrado e o profano transformou o misticismo nunha atracción turística.

Monforte e o Colexio de Nosa Señora da Antiga
Os días 18 e 19 de novembro celebrarase en Monforte de Lemos a xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos). Un exemplo de educación patrimonial, na que se analizará unha pioneira iniciativa levada a cabo en Galicia: o proxecto de educación patrimonial que desenvolveu no centro Mar Bóveda. Por proposta da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e en paralelo á elaboración do expediente de incoación como ben de interese cultural (BIC) deste espazo, haberá unha cita que amosará o proxecto educativo executado e os actuais traballos de rehabilitación, analizará o edificio como elemento patrimonial presentado polo propio alumnado do centro e debaterá arredor dos procesos de participación social que se levaron a cabo no marco da elaboración da declaración do colexio como BIC.

O Colexio de Nosa Señora da Antiga está actualmente xestionado por unha fundación que leva o mesmo nome. Foi mandado construír por D. Rodrigo de Castro Osorio (1523-1600), cardeal de Sevilla, na visita que fixo a Santiago de Compostela en 1590 con tres obxectivos: que fora centro de cultura para Galicia, panteón familiar e museo de arte. Inicialmente, foron os xesuítas os encargados de dirixir a construción e rexentar o colexio, ata que son expulsados en 1767 por orde de Carlos III. Ata o momento en que os escolapios asumen a rexencia do colexio en 1873, este mudou varias veces de función: Real Seminario, Centro Real Colexio de Humanidades e Belas Artes e Instituto Provincial de Lugo, etapa que tivo como consecuencia a ruína do edificio. En 1873 os escolapios fanse cargo do colexio, tras asinar un contrato co conde de Lemos, D. Jacobo Fitz James Stuart. Ese mesmo ano comeza o curso escolar con 153 alumnos, o cal segue en funcionamento 146 anos máis tarde. Hoxe o centro vive un novo proceso de renovación, como se amosará durante as xornadas.

Unha celebración estendida a todo o ano
Estas xornadas pechan un ano marcado por unha das liñas recollidas na guía práctica Foro Patrimonio e Sociedade, a que fai referencia ao patrimonio, educación, formación e cidadanía. As actividades do ano en materia de patrimonio comezaron na Pastoriza cun encontro monográfico do patrimonio cultural titulado Os centros interpretativos como lugares de educación e formación da cidadanía nos espazos rurais. Máis recentemente, en Verín, tivo lugar a 4ª edición do ciclo de cinema galego-portugués, onde se proxectaron diversas pezas audiovisuais centradas na morte e na dor, e tamén no papel que as mulleres xogan nestes eidos. Olladas persoais e íntimas que percorreron, sobre todo, a inmaterialidade patrimonial desta complexa realidade que nos une a galegos e portugueses na lingua, nas prácticas e nos tempos.

Como afirma a coordinadora, “estamos convencidas de que só a través do compromiso social, do investimento en educación patrimonial, conseguiremos poñer ao patrimonio no centro das políticas culturais”.