Nado en La Laguna en 1952, Chichi Campos era por aquel entón o sétimo fillo dos Campos Álvarez. Cando aínda non cumprira un ano de idade, a familia trasladouse a Madrid e, tras máis de dous anos na capital, mudáronse á Coruña, onde nacerían os restantes cinco fillos do matrimonio. A morte do seu irmán Miguel con pouco máis de vinte anos marcou a Chichi Campos, que comezou a desvincularse do fogar paterno e a afianzar a súa relación con Ángeles Ripoll, coa que casaría en 1977.
A irmá de “Anciñas” Ripoll era a moza de Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo, co que Chichi Campos emprendería diversas colaboracións artísticas. Cos irmáns Xosé e Rosendo Díaz e mais con Luís Caparrós Esperante formou o Grupo de Cómic do Castro, un colectivo en que se conxugaban a cultura propia de Galicia que viviran os irmáns Díaz polo influxo do seu pai e as influencias do underground americano que aportaban Luís e Chichi. A agrupación empezou a facer exposicións nas festas do Castro e, despois, mostras itinerantes polos institutos de Galicia, que a miúdo eran retiradas pola policía ou destruídas por fascistas. Porén, é en 1973 cando o grupo acada o seu momento álxido ao encomendarlle a editorial Roi Xordo de Xenebra o encargo de facer unha revista de cómic en galego. A Cova das Choias foi o título desa publicación, que se imprimía en Suíza e se traía clandestinamente a Galicia, onde se distribuía de man en man. Malia que a revista “non tivo un segundo número, conseguiu que publicacións como Ruedo Ibérico se fixaran na agrupación e os invitaran a colaborar en varios números”, subliña Nico Campos na entrada que asina no Álbum de Galicia. O grupo fixo tamén numerosas exposicións, como as da Asociación O Galo ou a Mostra Homenaxe a Castelao, ata que en 1975 cesou a súa actividade.
Chichi Campos mudouse ese mesmo ano a Lugo e alí, tras colaborar con Xesús Alonso Montero en distintos proxectos, rematou traballando na libraría Souto e autoeditando fanzines como O Carallo 29. Esta época coincide tamén co momento en que intensificou a súa militancia no Partido Comunista de Galicia. De feito, integrouse no Consello da Xuventude Comunista de Galicia e foi de número nove nas listas da Coruña polas eleccións ao Parlamento español de 1977.
A principios de 1978, trasladouse a Santiago de Compostela tras recibir a chamada de Isaac Díaz Pardo para poñer alí en marcha a galería Sargadelos. Nos anos seguintes, participou nas distintas actividades que esta desenvolvía, como o I Seminario Galego do Humor, “onde coñecería a Pepe Carreiro e de onde sairía o xerme de Can sen Dono, a revista de humor gráfico en galego na que Chichi colaborou en todos os números ata a súa morte”, tal e como subliña Nico Campos na súa biografía. Ademais, empezou a escribir para xornais como A Nosa Terra, El Correo Gallego ou El Ideal Gallego e a colaborar con revistas e fanzines como La Naval ou Valiundiez.
En 1984, prodúcese o seu despedimento da galería Sargadelos e o seu abandono voluntario do Partido Comunista. A partir de entón, Chichi Campos creou o estudo de deseño B, C & D asociados, xunto con Xosé Díaz e Pepe Barro, proxecto que durou apenas un ano, e mantivo as súas colaboracións con distintos xornais e revistas. A principios de 1986 empezou a traballar na TVG en programas como Entre Nós, A ver que vai ser isto, S.O.S., Máis Ozono ou Adiviña quen vén esta noite e continuou debuxando para xornais como Diario 16 de Galicia ou Xornal Diario. En 1991, con 39 anos de idade, faleceu vítima da sida.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Luís Rei, Agustín Acevedo, Marcos Valcárcel e Alfonso Zulueta.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.