O 3 de setembro 1950 comezou a emitirse en Montevideo "Sempre en Galicia", o programa de radio máis antigo de emisión totalmente en galego que aínda pervive. Aproveitamos esta efeméride para dar a coñecer “Radiodifusión galega na emigración”, un repertorio histórico das actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos fundamentalmente en América e Europa, pero tamén noutros destinos menos frecuentes con presenza galega.
03/09/2019
02/09/2019
A praza da Ferraria acolleu este sábado un gran concerto que xuntou aos catro coros históricos que permanecen activos: Coral de Ruada de Ourense, Cántigas da Terra da Coruña, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol e Cantigas de Agarimos de Santiago. Asistiron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a concelleira de festas, Carme da Silva, que foron as dúas entidades que organizaron esta actividade. O acto rememorou o concerto que estas formacións (agás Cantigas e Agarimos, creada en 1921) celebraron hai cen anos para render homenaxe a Perfecto Feijoo, fundador do xa desaparecido coro Aires da Terra (1983-1914) de Pontevedra.
25/07/2019
Co gallo da celebración do Día Nacional de Galicia, o Consello da Cultura Galega ofrece tres versións do Himno Galego. Foron realizadas entre 1919 e 1928 e correron a cargo de Toxos e Froles de Ferrol, a Banda Municipal de Barcelona e Cántigas de Terra. Unha iniciativa que se insire no proxecto "Lousas" que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra.
22/07/2019
Son 300 pezas musicais que compilan a tradición musical de Manzaneda e das Terras de Trives, que Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, recompilou ao longo de corenta anos de recollida tradicional. O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá a presentación do libro Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, unha extensa compilación e estudo antropolóxico dos cánticos agrarios e festivos desta comarca ourensá. O acto, encabezado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, contou coa participación de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda, Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives e Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, ademais do propio Xosé Lois Foxo.
07/06/2019
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e o alcalde en funcións de Tui, Carlos Vázquez asistiron esta tarde en Tui ao concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. Tanto Pomar como Núñez Seixas salientaron a importancia de iniciativas coma esta que, ademais de afondar na nosa tradición oral e musical, fomentan o esforzo e a convivencia entre as alumnas e alumnos participantes no concerto. Ademais, aproveitaron para anunciar que a vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar en Allariz.
23/05/2019
Foi un dos focos culturais máis representativos de Galicia no inicio da democracia. Polo Ateneo da Coruña Curros Enríquez desfilaron políticos, escritores e boa parte da intelectualidade galega e española da época. Todos eses actos culturais foron gravados e repousan en 502 casetes que gardaba o Ateneo Republicano de Galicia (ARGA) e lle acaba de ceder ao Consello da Cultura Galega (CCG) para a súa dixitalización e posta en valor. O acordo asinárono esta mañá os presidentes das dúas entidades, Rosario Álvarez, do CCG, e Juan Luis Pérez Alvajar, de ARGA, que destacaron o valor de conservación e difusión deste legado.
20/05/2019
Ferrol acolle estes días a exposición do Consello da Cultura Galega (CCG) Son de Galicia, na que se recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. Como complemento do discurso expositivo, mañá terá lugar un parladoiro no que se afondará no labor que xogaron os coros na divulgación dos símbolos de Galicia. Esta cita contará coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e nela participarán Javier Jurado, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Belén Sáenz-Chas Díaz e o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas. A sesión comeza ás 19:30 horas na sede de Toxos e Froles.
29/03/2019
Chamáronse “discos de pedra” ou de “pizarra”, polo composto terroso e escuro, que lembraba os encerados de colexio, pero en realidade estaban integrados por goma, resina, celuloide, lousas ou capas de papel. As lousas desapareceron coa chegada dos vinilos e gravaban un máximo de catro minutos en cada cara. O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo Sonoro de Galicia, garda este material que desde hoxe está en rede. “Lousas” é o proxecto web que presentou esta mañá a secretaria da institución, Dolores Vilavedra, quen destacou a relevancia deste proxecto que “pon á disposición do público unha parte importante e delicada do noso patrimonio e faino con valor engadido, como son os textos explicativos e as imaxes”. Canda ela estaban a coordinadora técnica do Arquivo Sonoro, Cristina Pujales, e o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa, quen fixo un chamamento á cidadanía para que contribúa a conservar este patrimonio.
21/12/2017
O Mapa Sonoro de Galicia (mapasonoro.consellodacultura.gal) é un novo proxecto web do Consello da Cultura Galega (CCG) que nace co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución (no Arquivo Sonoro de Galicia) ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.
13/02/2017
Carlos Casares foi o terceiro presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002), e unha figura comprometida coa potencialidade da cultura e da lingua galegas para construír unha Galicia mellor. É por iso que, co gallo do Día das Letras Galegas 2017, o CCG vai prestar unha atención importante á dimensión de Carlos Casares como intelectual público a través dunha programación de actos que se prolongará ao longo do ano 2017.
08/10/2014
Este ano cúmprense 250 anos do pasamento de Benito Jerónimo Feijoo, un referente da recuperación da identidade galega do século XIX. Para conmemoralo, o Consello da Cultura Galega leva a cabo mañá xoves en Ourense un seminario encamiñado a pór de manifesto a vixencia do seu pensamento. Relacionado con esta efeméride, acaba de poñer a disposición dos usuarios na rede unha conferencia que outro ilustre ourensán, Ramón Otero Pedrayo, pronunciou en 1964 detallando a relevancia histórica e perfil de Feijoo.
09/11/2001
El libro Poetas e Narradores nas súas voces, editado por el Arquivo Sonoro de Galicia el pasado mes de junio ya es accesible a través de la Red gracias al especial que el portal cultural del Consello da Cultura Galega (CCG), www.culturagalega.org, acaba de publicar en Internet. Gracias a este trabajo, todas aquellas personas interesadas en la literatura gallega contemporánea podrán disponer de esta obra, en la que se incluyen los textos, en ocasiones inéditos, y las voces de estos poetas y narradores gallegos contemporáneos en la lectura de sus propias creaciones.
28/09/2012
A Federación de Asociacións da Prensa de Galicia (FEGAPE) fixo entrega hoxe ao Consello da Cultura Galega dunha gravación inédita do discurso pronunciado por Valentín Paz-Andrade, o 10 de xullo de 1984 no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, con motivo da constitución da FEGAPE, en calidade de presidente de honor da mesma. O Presidente do CCG, Ramón Villares, agradeceu a donación, que incorpora ao Arquivo Sonoro de Galicia unha testemuña máis de Valentín Paz-Andrade, a quen Luís Menéndez, presidente da Asociación da Prensa de Santiago, glosou como “mestre de xornalistas”.
27/04/2012
O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, organizou o venres 27 de abril unha xornada de reflexión e debate “V Encontro o son da Memoria” sobre “As grandes coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”. A xornada celebrouse, en sesións de mañá e tarde, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia e ocupouse da situación dos arquivos sonoros na radiodifusión, nas universidades, nas institucións galegas e nos grupos de recompilación etno-musical. Consideráronse novas formas de coordinación e cooperación entre posuidores e/ou xestores de coleccións de gravacións sonoras ao abeiro das posibilidades abertas polo traballo en rede.
14/02/2012
Publicada orixinalmente en 1996 polo Arquivo Sonoro de Galicia co gallo do Día das Letras Galega dedicado ao polígrafo Xesús Ferro Couselo, e dentro da súa iniciativa de dixitalización da colección As Nosas Voces, poden consultar dentro da Mediateca do CCG a conferencia "Orixe e formación da cidade de Ourense", impartida por este autor en 1968.
Acceda á Mediateca
Acceda á Mediateca
01/02/2012
O Consello da Cultura Galega incorporou nestes días á Mediateca da institución a dixitalización de novos volumes da colección As Nosas Voces, que editou o Arquivo Sonoro de Galicia na década dos 90. Son valiosas achegas sonoras coa voz de Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, Ramón Suárez Picallo e Manuel Meilán que pode consultar na Mediateca do CCG.
19/01/2012
Dentro da iniciativa para a dixitalización da colección As nosas voces, editada nos 90 polo CCG en cassete, é a quenda de Ramón Otero Pedrayo en América (I), publicada polo Arquivo Sonoro de Galicia en 1993. O volume recolle a intervención de Don Ramón Otero Pedrayo nun acto con emigrantes da colectividade galega de Bos Aires, e pódese descubrir a vibrante oratoria do profesor ourensán.
Escoite a conferencia na Mediateca
Escoite a conferencia na Mediateca
17/01/2012
Continuando co proceso de dixitalización e incorporación de fondos antigos do CCG, damos a coñecer a dixitalización do primeiro volume da colección As Nosas Voces, do Arquivo Sonoro de Galicia. Orixinalmente publicada como cassete, a dixitalización contén 45 minutos de conferencias e intervencións de Eduardo Blanco Amor. Pode consultar a gravación na Mediateca do CCG.
29/12/2011
O Consello da Cultura Galega estrea hoxe, coa conferencia A realidade histórica de Galicia, impartida por Álvaro Cunqueiro no Centro Galego de Lisboa en 1971, a publicación dixitalizada da colección "As nosas voces" do Arquivo Sonoro de Galicia, e publicadas inicialmente nos 80 e 90 como cassettes. "As nosas voces" inclúe as voces de Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo, Rafael Dieste, Celso Emilio Ferreiro, Ánxel Fole...O CCG publicará na Mediateca desta web dous novos volumes cada semana a partir da primeira semana de xaneiro, e iníciase con Álvaro Cunqueiro para celebrar o peche do ano conmemorativo do centenario do seu nacemento.
Pode escoitar a conferencia completa aquí
Pode escoitar a conferencia completa aquí
03/06/2011
O Consello da Cultura Galega acollerá os días 9 e 10 de xuño un Curso de conservaciòn de rexistros sonoros, organizado polo seu Arquivo Sonoro de Galicia en colaboración coa Asociación Española de Documentación Musical (AEDOM).


