Novas da lingua

Rexistros1 a 30 de 5280
21/01/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2025/2026, organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados están dirixidos á comunidade universitaria da UVigo e son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Corrección da escrita coas TIC (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio de 2026, na modalidade en liña. O prazo de inscrición estará aberto entre o 2 e o 20 de febreiro de 2026, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
20/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gasto do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2026.

Os solicitantes teñen un un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución provisional no Boletín Oficial da Provincia, para comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros. Transcorrido o prazo de 10 días sen que por parte dos solicitantes se desista expresamente, a subvención considerarase aceptada tacitamente.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
19/01/2026. DINAMIZACIóN

Bota a andar a rede de grupos de conversa en galego “Falarmos nós”

A Área de Lingua da Deputación Provincial da Coruña promove a creación da rede provincial de grupos de conversa en galego “Falarmos nós”, deseñada para ofrecer espazos de uso no noso idioma a persoas que xa o coñecen pero non o empregan habitualmente, porque non contan con contornas sociais favorables ou porque non teñen os coñecementos suficientes.

Trátase dunha rede aberta á que poden adherirse diferentes entidades da Administración local (como os servizos de normalización lingüística ou as bibliotecas municipais), así como outras entidades sociais.

Podes ampliar información premendo aquí.
19/01/2026. INVESTIGACIóN

O número 42 de Cadernos de Lingua céntrase na investigación sociolingüística

A Real Academia Galega publica o número 42 da súa revista Cadernos de Lingua, que nesta ocasión se centra de xeito case monógrafico na investigación sociolingüística.

O volume inclúe unha análise de Henrique Monteagudo dos principais datos referentes ao coñecemento e uso do idioma galego da “Enquisa estrutural a fogares de 2023” do Instituto Galego de Estatística; un artigo de Martín Vázquez Fernández no que presenta os resultados do Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela (investigación elaborada pola RAG a pedimento do Concello de Santiago); unha exposición dos resultados acadados no proxecto de investigación-acción “Modo galego, actívao!”, a cargo de Gabino S. Vázquez-Grandío e Rosa Moreiras Cuñarro; e unha investigación de María López-Sández e Alejandro Doval Casas sobre a influencia da variable xénero nas prácticas lingüísticas do profesorado galego de matemáticas.

Todos os artigos están accesibles en liña na páxina web da RAG.
19/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premios Internacionais de Pódcast Xosé Mosquera Pérez

Xa está aberto o prazo de inscrición na oitava edición dos Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos", dirixidos a alumnado de educación primaria de Galicia e Portugal; alumnado de centros de educación secundaria (tamén para adultos), así como o doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia; e alumnado das universidades de Galicia e Portugal.

Os participantes deberán elaborar un podcast inédito e orixinal en galego ou portugués, cunha duración non superior aos 5 minutos, relacionado con algún destes temas: a figura de Xosé Mosquera Pérez, o inicio da radio en Galicia, a cultura tradicional e contemporánea galega e portuguesa (oralidade, música, lingua, literatura...), ou calquera materia dos plans de estudos dos diferentes niveis educativos aprobados pola Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición remata o 13 de febreiro de 2026. Os traballos deben entregarse antes do 1 de maio de 2026.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
19/01/2026. DINAMIZACIóN

Comeza a oitava edición do programa “21 días co galego e +”

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia promove unha nova edición do programa “21 días co galego e +”, no que participarán ata o vindeiro 6 de febreiro de 2026 dez centros educativos das catro provincias galegas. No marco desta iniciativa o alumnado comprométense a falar exclusivamente en galego durante 21 días, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os seus usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

Podes manterte ao día das novidades a través do seu blog.

No Portal da Lingua Galega tamén podes consultar máis información sobre esta iniciativa.
19/01/2026. DINAMIZACIóN

En liña as intervencións da última edición do LGx15

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publica as intervencións da última edición do LGx15, que tivo lugar o pasado 25 de outubro de 2025 en Santiago de Compostela. Podes consultalas na súa canle de Youtube e mais na páxina web do proxecto.

O LGx15 é unha iniciativa organizada pola CTNL na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta última edición participaron Carlos Callón, María Maroño, Miguel López del Pueyo, Mariña Lema, Artur Trillo e Fátima Pego. Da condución do acto, a música e a poesía ocupouse Cintaadhesiva.
14/01/2026. OUTRAS

Ourense acollerá os actos conmemorativos do 150 aniversario do xornal O Tío Marcos d’a Portela

Onte, 13 de xaneiro de 2026, presentouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o programa de actos que se celebrarán a partir do vindeiro 7 de febreiro para conmemorar o 150 aniversario do xornal O Tío Marcos d’a Portela, pedra fundacional do xornalismo en lingua galega; así como para homenaxear o seu fundador, Valentín Lamas Carvajal.

O programa inclúe actividades diversas, como unha xornada sobre lingua e medios de comunicación, outra sobre intelixencia artificial e desinformación, unha foliada, un roteiro por lugares da cidade de Ourense vinculados á biografía de Lamas Carvajal, unha ofrenda floral, unha festa popular, un concerto a cargo da Coral de Ruada, a publicación dun especial temático no xornal La Región, a dixitalización da colección completa de O Tío Marcos d’a Portela, a reprodución facsimilar do primeiro número do xornal ou a edición dun cupón da Once en homenaxe a Lamas Carvajal, que tivo unha discapacidade visual severa.

Na comisión organizadora participa o Consello da Cultura Galega, xunto coa Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, A Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a Fundación ONCE, a Coral de Ruada, AMEGA, o Liceo de Ourense e familiares de Lamas Carvajal.

Se desexas máis información, preme aquí.
14/01/2026. OUTRAS

Convócanse probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convoca probas de avaliación en competencias clave para persoas que desexen cursar accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.

O lugar, os días e os horarios de realización das probas publicarase na páxina web desta Consellería. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

As competencias clave que se valorarán son matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés. No Campus Virtual da Consellería podes atopar materiais de autoformación para preparar as probas.
13/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2025/2026, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada.

En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
13/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2026 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/01/2026. DINAMIZACIóN

Bota a andar a cuarta edición do programa “Modo galego, actívao!”

A Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron a nova edición do programa de investigación-acción “Modo galego, actívao!”, que desenvolven de xeito colaborativo desde 2023 co obxectivo de incidir nos usos lingüísticos do alumnado de infantil, primaria e secundaria escolarizado neste concello. Como novidade, nesta edición incorpóranse ao proxecto as escolas deportivas de xestión municipal.

Na páxina web da RAG podes ampliar información sobre esta iniciativa.
13/01/2026. EMPREGO

Bolsas de formación no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao en Tradución e Interpretación, no que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grado en Lingua e Literatura Galegas; o grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou titulacións equivalentes.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí (corrección de erros en relación ao prazo de solicitudes).

13/01/2026. OUTRAS

Xenocidio, Palabra do Ano 2025

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público o termo elixido como Palabra do Ano 2025: xenocidio. Trátase dun neoloxismo acuñado polo xurista polaco de orixe xudía Raphaël Lemkin (1901-1959) co obxectivo de que se recoñecese a matanza perpetrada polo nazismo como un crime contra a humanidade. O termo volveu poñerse de actualidade na comunicación pública ao longo do ano 2025 para denominar as matanzas do estado de Israel na Franxa de Gaza.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
23/12/2025. OUTRAS

En liña a base de datos da dobraxe en galego

O novo sitio web adobraxe.com compila información relacionada coa dobraxe en lingua galega. Nesta base de datos atoparás as producións dobradas ao galego con cadanseu cadro de actores de voz; así como información sobre as empresas, directores e demais profesionais que participaron nestas producións.

Trátase dun proxecto de carácter participativo aberto ás achegas dos propios usuarios/as.
22/12/2025. DINAMIZACIóN

Festa do Apego para despedir o ano en Compostela

O vindeiro sábado, 27 de decembro de 2025, as familias con nenos/as de 0 a 6 anos de Santiago de Compostela teñen unha cita no Auditorio de Galicia, onde se celebrará a Festa do Apego. O evento, organizado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela, está deseñado para crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer infantil e o programa inclúe música, xogos, teatro e moita lingua.

Para consultar o programa completo, preme aquí.
22/12/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a produción e creación de contidos dixitais en galego

No marco do XIII Festival Carballo Interplay, que terá lugar entre os días 16 e 19 de abril de 2026, o Concello de Carballo publica dúas convocatorias de premios que teñen como obxectivo poñer en valor, visibilizar e fomentar o traballo dos creadores e creadoras que difunden contidos en lingua galega en Internet.

No BOP da Coruña do 22 de decembro de 2025 podes consultar as bases completas:
-Bases dos premios á mellor creación dixital en galego do Festival Carballo Interplay 2026.
-Bases do premio a produción de contido dixital en galego do Festival Carballo Interplay 2026.

En ambas as convocatorias o prazo de inscrición remata o 29 de marzo de 2026.
19/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

Actividade formativa de recollida e validación de datos de voz en galego

O Proxecto Nós, en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC, oferta un curso formativo de recollida e validación de datos de voz en galego a través de Common Voice. A actividade, de 25 horas de duración, está dirixida ao alumnado de grao das diferentes titulacións da USC. Os/as participantes terán a oportunidade de familiarizaranse coas tecnoloxías da fala en galego e participarán na recollida de datos lingüísticos en aberto a través da gravación e validación de fragmentos de voz en galego na plataforma Common Voice.

O prazo de inscrición está aberto durante todo o curso académico. Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
18/12/2025. OUTRAS

O Parlamento de Galicia declara o 2026 como Ano Oteriano

Onte, 17 de decembro de 2025, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a declaración institucional pola que se declara o 2026 como Ano Oteriano, coincidindo co cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (1888– 1976).

Coñecido como o «Patriarca das Letras Galegas», no texto da declaración defínese como unha “figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea” e como “un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”.

Así pois, para honrar a súa dedicación á lingua e cultura e galegas, ao longo do vindeiro ano o Parlamento de Galicia promoverá un amplo programa de actividades de investigación e difusión da súa vida e obra, en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país.
18/12/2025. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES Antonio Fraguas leva o galego a pé de barrio

O barrio compostelán de Fontiñas converterase no escenario dun proxecto piloto de intervención lingüística promovido polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Antonio Fraguas, que busca fomentar o uso do galego no comercio local de proximidade. A campaña leva por lema Galego a pé de barrio e foi presentada nun acto público o pasado martes, 16 de decembro de 2025, no centro comercial Área Central.

No Diario de Compostela atoparás máis información sobre esta iniciativa.
18/12/2025. INVESTIGACIóN

A RAG edita dous novos volumes coa toponimia de Zas, Padrón e Pontecesures

A colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia, incorpora dous novos volumes.

Nun deles, que leva por título Toponimia de Zas, Xosé María Lema estuda as orixes etimolóxicas dos nomes de 117 lugares e máis de vinte espazos xeográficos de interese deste concello pertecente á Terra de Soneira. No segundo, Toponimia de Padrón e Pontecesures, Fernando Cabeza Quiles indaga na etimoloxía e no significado de 125 topónimos destes dous concellos contiguos situados en ambas as beiras do río Ulla.

Se o precisas, na páxina web da RAG podes ampliar información.
18/12/2025. DINAMIZACIóN

Dispoñible en liña o catálogo de videoxogos en galego

Se che gustan os videoxogos e tes dificultades para atopar xogos en galego nas diferentes tendas e plataformas dixitais, agora dispós dun catálago de videoxogos en galego accesible en Internet que che permitirá coñecer todos os recursos dispoñibles no noso idioma clasificados segundo o seu xénero.

A iniciativa é autoría de Recuncho Gamer e nace co obxectivo de darlles visibilidade aos videoxogos en galego e promover o seu uso como recurso educativo útil para normalización lingüística.
15/12/2025.

Ponte... nas Ondas!, elixida pola Unesco para presentar o proxecto web de boas practicas na salvagarda do PCI

En decembro de 2022 a UNESCO incluíu oficialmente a iniciativa Ponte... nas ondas! no seu Rexistro de Boas Prácticas na Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). O pasado venres, 12 de decembro de 2025, no transcurso da 20ª Sesión do Comité Intergobernamental do PCI que tivo lugar en Nova Delhi (India), Ponte... nas ondas! foi tamén a iniciativa elixida a nivel mundial pola UNESCO para presentar o proxecto piloto da nova plataforma web que está a elaborar para difundir e promocionar este rexistro oficial de boas prácticas. O lanzamento da versión difinitiva da plataforma terá lugar no vindeiro ano 2026, no marco da 21ª Sesión do Comité Intergobernamental do PCI.

Podes ampliar información premendo aquí.
15/12/2025. INVESTIGACIóN

O CCG presenta o repositorio dixital “Papés d´emprenta condenada”

Os textos producidos en lingua galega entre os anos 1797 e 1846, que xa foran compilados na colección bibliográfica Papés d´emprenta condenada (editada por Ramón Mariño Paz e Damián Suárez Vázquez e publicada en tres volumes polo Consello da Cultura Galega), poden consultarse agora en formato web a través dun arquivo dixital homónimo.

Con este repositorio dixital o CCG ponlle o ramo a un proxecto de máis de 15 anos de investigación no que se confirma que entre os Séculos Escuros e o Rexurdimento tamén houbo unha rica produción literaria en lingua galega, concretamente unha “efervescencia de papés —follas soltas, diálogos satíricos, proclamas— que serviron de vehículo para o debate ideolóxico entre absolutistas e liberais”. Así mesmo, os documentos son de grande utilidade para o estudo do proceso de estandarización do galego escrito moderno.
15/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

A UVigo organiza unha xeira para reflexionar sobre o futuro da filoloxía galega

O vindeiro mércores, 17 de decembro de 2025, terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a xeira As linguas, tamén o galego, na que se debaterá sobre os retos futuros da filoloxía galega. O encontro está organizado pola Área de Normalización Lingüística da UVigo e ten como obxectivos “motivar a reflexión colectiva sobre os retos actuais da lingua e a literatura galegas; difundir investigacións recentes en ámbitos como a neoloxía, análise do discurso ou creación literaria e promocionar espazos de colaboración que impulsen novas liñas de traballo”.

No Diario da Universidade de Vigo tes máis información.
11/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

LingüisticaMente V. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística

Mañá, 12 de decembro de 2025, terá lugar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a xornada LingüisticaMente V. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística, organizada polo Instituto da Lingua Galega, o Instituto de Psicoloxía e o Grupo Procesos Cognitivos e Conduta da USC.

Os relatores serán Lucía Vieitez (IPsiUS), que falará sobre o rol da identidade de xénero na interacción entre a gramática e a emoción; e Francisco Dubert (ILG), que tratará a representación da variación na competencia lingüística.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.

Podes ampliar información premendo aquí.

11/12/2025. DINAMIZACIóN

Xa podes descargar o Calendario Apego 2026

As familias con nenos/as de 0 a 6 anos, as ludotecas e o persoal das escolas infantís teñen ao seu dispor un novo recurso didáctico deseñado para promover a aprendizaxe e uso do galego a través do xogo. O Calendario Apego 2006, que se pode descargar de balde na páxina do proxecto Apego, contén cancións infantís, refráns, recitados e adiviñas para que os/as máis pequenos/as da casa poidan seguir medrando con apego á lingua ao longo do vindeiro ano.
11/12/2025. OUTRAS

M8 por ler, a rede do libro en galego

A Fundación Cultural Galega Xistral presenta o proxecto web M8 por ler, “un lugar de encontro, intercambio e conversa arredor do libro galego”. Trátase dunha iniciativa de carácter interactivo onde atoparás as principais novidades sobre a produción literaria galega e, ao mesmo tempo, os lectores e lectoras que se rexistren poderán recomendar, valorar e redactar as súas propias recensións sobre os libros que desexen.
11/12/2025. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición de Nadal en Rede

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presenta a nova edición do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, que ao longo deste mes de decembro percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística con actividades de música, máxia, teatro, narración oral, espectáculos circenses e un obradoiro de xogos de mesa para que os nenos e nenas poidan gozar destas festas en galego.

A maiores, no Portal da Lingua Galega tamén se ofrece un repositorio de recursos con panxoliñas e nadais, modelos de cartas para escribirlles aos Reis Magos ou discursos para que estes poidan dirixirse aos nenos e nenas na nosa lingua.

Podes consultar o repositorio e mais o calendario de actividades premendo aquí.
09/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e á cultura galegas

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia oferta, a través da súa Plataforma de Teleformación, o Curso de introdución á lingua e á cultura galegas, dirixido a todas as persoas interesadas en achegarse ao idioma galego, especialmente a aquelas que non teñen coñecementos previos, ou teñen uns coñecementos moi básicos.

O curso consta de cinco unidades temáticas, que inclúen exercicios de autocorrección e actividades de resposta aberta. Para apoiar a aprendizaxe, tamén se elaborou un manual, accesible en liña de xeito gratuíto.

No Portal da Lingua Galega tes máis información sobre esta iniciativa.