Novas da lingua

Rexistros1411 a 1440 de 5145
29/03/2022. INVESTIGACIóN

Seminario "Falando coas máquinas"

A Facultade de Filoloxía da USC e o Máster Interuniversitario en Lingüística Aplicada organizan o seminario Falando coas máquinas. As tecnoloxías da fala na sociedade dixital, impartido pola investigadora Carmen Magariños. Esta actividade distribúese en dúas xornadas que terán lugar o 29 de marzo e o 5 de abril, ás 16:00 horas, na sala de videoconferencias B13 da facultade. A primeira sesión estará dedicada á síntese de voz e a segunda ao recoñecemento da fala.

24/03/2022. OUTRAS

Estrea de 1981, Ano zero da língua galega

A AGAL estrea 1981, Ano zero da língua galega, un documental que reflexiona sobre os 40 anos de oficialidade do galego partindo dos debates lingüísticos e políticos que tiveron lugar nos primeiros momentos da democracia. A presentación terá lugar o sábado 26 de marzo, ás 12h, na sala Juanjo Gallo da sede da Deputación da Coruña. Ese mesmo día, o audiovisual publicarase na plataforma Vimeo. Mentres, ofrécennos este avance.
24/03/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego na provincia de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra convoca dúas liñas de subvencións para a realización de actividades de dinamización da lingua galega no ano 2022, unha dirixida aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, e outra ás entidades culturais sen fins de lucro. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
24/03/2022. LEXISLACIóN

Ares aproba a súa ordenanza de normalización lingüística

O Concello de Ares publica, no BOP da Coruña do 24 de marzo de 2022, a Ordenanza de uso social da lingua galega, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato; así como as de explotación mixta. No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
23/03/2022. DINAMIZACIóN

Nova edición da Primavera das Letras

A Real Academia Galega presentou no CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras) a nova edición do seu proxecto didáctico Primavera das Letras, centrado este ano no poeta Florencio Delgado Gurriarán, ao se lle dedica o Día das Letras Galegas 2022. No web atoparás materiais lúdicos e didácticos para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria; información biográfica e bibliográfica sobre este autor; así coma as bases do certame “Contádenos o voso Día das Letras 2022”, deseñado para fornecer espazos de participación onde os centros escolares poidan contar como celebran as Letras Galegas. Para ampliar información, preme aquí.

22/03/2022. INVESTIGACIóN

Seminario sobre violencia simbólica e represión lingüística

O Instituto da Lingua Galega organiza un seminario sobre o libro O idioma galego baixo o franquismo (autoría de Henrique Monteagudo), que terá lugar o vindeiro venres 25 de marzo, ás 12:30 horas, no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC. O acto leva por título "Violencia simbólica e represión" e nel participarán Ramón Villares (USC), Pere Comellas Casanova (UB), Elisa Fernández Rei (ILG-USC), Álex Alonso Nogueira (ILG-USC e Brooklyn College-CUNY) e Antón Santamarina (ILG-USC).

22/03/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para o ano 2022 destinadas a fomentar a creación e o talento audiovisual galego. En concreto, subvenciónanse os proxectos de guión para longametraxes cinematográficas escritas en galego; as curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega; as curtametraxes en construción, gravadas en versión orixinal galega; as longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega; e os proxectos de webserie en versión orixinal galega. Enténdese por “versión orixinal galega” a rodaxe/gravación en lingua galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

22/03/2022. DINAMIZACIóN

Presentación do proxecto Aquí medra a lingua

IES Perdouro de Burela, CPI Virxe da Saleta de Cea, IES Félix Muriel de Rianxo, CEIP Barouta de Ames, CRA Nosa Señora de Ponteceso e CEIP Barouta de Moaña. Son os nomes dos centros de ensino que protagonizan Aquí medra a lingua, un proxecto audiovisual do Consello da Cultura Galega que viaxa a través da actividade dos Equipos de Dinamización Lingüística para dar a coñecer iniciativas de gran valor para a transmisión da lingua galega. Os vídeos irán publicándose semanalmente dentro dun especial que arranca adentrándose no IES Perdouro e o recoñecido Modelo Burela. Podes velo nesta ligazón.
21/03/2022. CURSOS E CONGRESOS

II xornadas a sobre lingua galega e a filosofía na USC

A Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Filosofía da USC organiza a segunda edición das súas Xornadas de Normalización Lingüística, co propósito de promover unha reflexión sobre as accións precisas para normalizar o uso da lingua galega na creación filosófica e na docencia. As sesións, que terán lugar os días 28 de marzo e 4 de abril, poden seguirse de balde a través de Zoom ou ben inscribíndose na Secretaría Virtual da Universidade ata o 28 de marzo.
18/03/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Valga

O Concello de Valga publica as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a provisión temporal, como funcionario/a interino/a (A1), dun posto de traballo de técnico/a de normalización lingüística; así como para a formación dunha bolsa de traballo. O proceso selectivo será o de oposición. Os/as aspirantes deberán estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega ou do grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/03/2022. OUTRAS

Probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4). As probas realizaranse nos meses de maio e xuño de 2022 en Santiago de Compostela e en Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. Podes consultar as datas de realización das probas premendo aquí.
18/03/2022. DINAMIZACIóN

Actos de promoción do galego nos ámbitos xurídico e empresarial

O colectivo Galeguizar Galicia desenvolverá nas vindeiras semanas diferentes actos de promoción do galego nos ámbitos xurídico e económico. O primeiro deles terá lugar o vindeiro 28 de marzo, día no que o Foro Enrique Peinador celebrará no Porriño o 70 aniversario da publicación do Almanaque Agrícola ZZ. Posteriormente, a Irmandade Xurídica Galega organizará dúas homenaxes, unha a Xosé Luís Franco Grande, que terá lugar o 1 de abril na Universidade de Vigo; e outra en Ourense, o día 7 de abril, para conmemorar a primeira sentenza en galego na provincia ourensá, ditada polo maxistrado Xoán Alfaya.
18/03/2022. INVESTIGACIóN

A USC edita un glosario plurilingüe sobre xestión universitaria

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta a obra Termos esencias de xestión universitaria (en galego–español–inglés-catalán), autoría de Xusto A. Rodríguez Río e María Maneiro Mayo. O glosario compila 650 termos relacionados con diferentes ámbitos da xestión administrativa universitaria (avaliación, tramitación administrativa, investigación...), co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade lingüística dos profesionais que traballan nestas áreas. Para ampliar información, preme aquí.
18/03/2022. DINAMIZACIóN

O baloncesto compostelán comprométese co galego

O Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles acaban de asinar un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do cal o club de baloncesto compostelán promoverá o galego nas súas redes sociais e nos partidos da Caldeira. Con esta iniciativa ponse de relevo que o mundo do deporte pode ser tamén un excelente vehículo para transmitir valores culturais e lingüísticos. Podes ampliar esta información premendo aquí.
17/03/2022. DINAMIZACIóN

Os asociados a Abertos ao Galego poderán ter de balde o dominio .gal

Grazas a un acordo entre a asociación PuntoGal e a Mesa pola Normalización Lingüística, os establecementos adheridos ao proxecto Abertos ao Galego poderán mudar de xeito gratuíto os seus dominios web para .gal. A asociación PuntoGal, que agrupa a máis de 110 entidades galegas, naceu en 2006 co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito tecnolóxico e ten na actualidade máis de 6.300 dominios activos. Para ampliar esta información, preme aquí.
17/03/2022. DINAMIZACIóN

Amplo programa de actividades para promover o galego no Bierzo

O pasado 9 de marzo, coincidindo coa celebración do Día do Galego no Bierzo, comezaron as XIV Xornadas do Galego no Bierzo, que nesta edición terán un carácter continuo e desenvolveranse ata o vindeiro 17 de maio. Así pois, baixo o lema “A fala que compartimos Bierzo e Valdeorras” desenvolvéronse xa diferentes actividades, como a presentación da convocatoria dos Premios Morales, a preestrea da serie documental Fálame sempre, ou unha mesa de traballo para avaliar os 20 anos de existencia do Programa de Promoción do Galego na comarca. Nos vindeiros meses continuarán a desenvolverse diferentes iniciativas de promoción do galego, entre elas dúas emisión radiofónicas semanais de temática sociolingüística. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
17/03/2022. DINAMIZACIóN

Máis galego en Netflix

A plataforma de streaming de audiovisuais Netflix anuncia que durante o ano 2022 vai incorporar ao seu catálogo 70 títulos en galego. 200 horas de subtitulación e 20 horas de dobraxe, tanto para público xeral coma infantil, que achegarán a lingua galega a subscritores e subscritoras de 190 países do mundo.
16/03/2022. DINAMIZACIóN

Presentación pública de Alingua

O vindeiro luns, 21 de marzo de 2022, ás 12:30 h, terá lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) a presentación pública da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua). Trátase dunha entidade constituída formalmente en 2019 que agrupa actualmente a dezasete concellos galegos, e que ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización lingüística. O acto de presentación estará conducido por Gloria Rico e, ademais dos membros da directiva, participarán tamén o poeta Ismael Ramos e a creadora de contido dixital Todomalva. Se desexas asistir, envía un correo cos teus datos ao enderezo alingua@alingua.gal.

16/03/2022. OUTRAS

Incorpórase a entrada de Carlos Casares ao Álbum de Galicia

Coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento, o Álbum de Galicia incorpora a entrada de Carlos Casares (1941-2002), escritor, xornalista literario e activista cultural. Como autor literario está considerado un precursor da literatura infantil en galego e un referente das letras galegas, e coas súas populares colaboracións xornalísticas contribuíu tamén decididamente á normalización do noso idioma. Fortemente influenciado por Ramón Piñeiro no seu pensamento político, foi elixido en 1981 nas listas do PSdG/PSOE ao primeiro Parlamento de Galicia, destacando a súa participación na redacción da Lei de normalización lingüística. Como xestor cultural, foi director da Editorial Galaxia e da revista Grial, e presidiu o Consello da Cultura Galega entre 1996 e 2002. O texto biobibliográfico está asinado por Henrique Monteagudo e presentámolo acompañado por outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, audios, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra deste prolífico autor.
15/03/2022. AXUDAS E PREMIOS

Premios de poesía, relato curto e tradución 2022

Está aberta a convocatoira dos Premios de poesía, relato curto e tradución que convoca a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. O certame está dotado con 700 euros para o primeiro premio e dous accésits de 250 € en cada unha das tres categorías, ademais da publicación nun monográfico especial. As persoas interesadas, que poden ser alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, teñen de prazo ata as 14 h do 8 de abril de 2022 para presentar as súas creacións.
14/03/2022. OUTRAS

Adaptación ao galego de toponimia ucraína

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega vén de aprobar as adaptacións ao galego de varios topónimos de cidades de Ucraína que non estaban incorporados no Dicionario da RAG. Seguindo as recomendacións internacionais, así como as normas necesarias para a transliteración e adaptación ao galego, sancionáronse Kíiv, Khersón, Khárkiv, Mariupol, Luhansk, Donbás ou Donetsk. Podes ampliar a información na páxina web da Academia.
14/03/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de apoderamento lingüístico na USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un Obradoiro de apoderamento lingüístico. Consta de dúas sesións teórico-prácticas centradas na introdución de chaves para “a comprensión do actual escenario de conflito lingüístico” e “na procura de novas iniciativas coas que reforzar o galego no e a través do ensino”. O obradoiro está dirixido, de xeito preferente, ao estudantado da materia Educación e linguas en Galicia, ao alumnado dos graos en Mestre/a en Educación Infantil e Mestre/a en Educación Primaria.Conta con 30 prazas e o prazo de inscrición remata o 24 de marzo. A matrícula pode formalizarse nesta ligazón.
14/03/2022. AXUDAS E PREMIOS

Premio Xosé Luís Franco de Investigación Xurídica en Lingua Galega

Co obxectivo fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica e de promover o proceso de dinamización lingüística, a Universidade de Vigo crea este premio que levará o nome de Xosé Luís Franco Grande por votación popular da propia comunidade universitaria. Segundo as bases da convocatoria, ao certame pode presentar traballos alumnado matriculado en calquera universidade española, entre os cursos 2019-2020 e 2021-2022, ata o 20 de abril de 2022.
14/03/2022. AXUDAS E PREMIOS

Chega a décima edición do concurso AXI de banda deseñada

O IES Arcebispo Xelmírez I e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan o X Certame de Banda Deseñada AXI. O concurso conta con dúas categorías (12 a 15 anos e 16 anos en diante) e poden participar nel, de xeito individual ou colectivo, estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e ciclos formativos de toda Galicia. O prazo de presentación de traballos remata o 30 de xuño de 2022. Podes consultas as bases completas nesta ligazón.
10/03/2022. DINAMIZACIóN

Convocado o concurso Cantalingua 2022

Correlingua 2022 quenta motores abrindo o prazo para presentar propostas ao concurso Cantalingua.
No certame poden participar bandas e solistas de calquera estilo musical. As cancións, preferentemente creadas para esta actividade, deben ser orixinais e cantadas integramente en galego. O premio inclúe dotación económica e a actuación en concertos polos centros participantes.
Pódense enviar composicións ata o 3 de abril de 2022.
Se desexas consultar as bases do concurso, preme aquí.
10/03/2022. OUTRAS

Luísa Villalta será homenaxeada o Día das Galegas nas Letras

A Sega comunica que Luísa Villalta será homenaxeada o vindeiro 15 de agosto, data en que a plataforma de crítica literaria celebra o Día das Galegas nas Letras. Esta escritora e activista social veu xa recoñecido o seu compromiso coa nosa lingua a través do premio ás iniciativas normalizadoras que leva o seu nome.
10/03/2022. OUTRAS

Semana do Cinema Galego na Coruña

Do 8 e o 13 de marzo de 2022, exhíbese no Teatro Colón da Coruña o mellor audiovisual galego estreado en Galicia no último ano. Nesta terceira Semana do Cinema Galego, que organiza a Academia Galega do Audiovisual, proxéctanse as finalistas a mellor película e mellor documental dos premios Mestre Mateo. O peche vaino poñer A galiña Turuleca, premio Goya á Mellor Película de Animación. A entrada é de balde pero require retirada previa en ataquilla.com.
09/03/2022. INVESTIGACIóN

A oferta cultural en Galicia aproba con nota

O Consello da Cultura Galega vén de presentar o informe Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos. Entre as conclusións deste traballo, para o que se realizaron 900 entrevistas a familias con e sen menores de 16 anos entre os seus membros, destaca a que evidencia a valoración positiva das propostas culturais en galego, puntuadas cun 6,15. Así mesmo, tamén se comprobou que a propia oferta estimula a demanda de máis produtos, especialmente de libros e videoxogos. A nota negativa pona a comparativa cos datos xerais. No que respecta á música, o 5,2% di non consumila nunca; a cifra ascende ao 37,4 % se se trata de música en galego. No caso do cinema, nove de cada dez persoas consultadas afirman que nunca asistiron a unha sesión no noso idioma. Deste estudo coñecemos un avance o pasado mes de decembro, centrado na vontade de agasallar en lingua galega. Podes consultalo na seguinte ligazón.
09/03/2022. OUTRAS

Axeitar a lingua para axitar o mundo

A CIG Ensino e a AS-PG presentaron onte, 8 de marzo, o libro Axeitar a lingua: orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino, das autoras Montse Pena e María Caamaño. Trátase dun manual pensado para contribuír á formación do profesorado e fornecelo de recursos didácticos prácticos de cara á fixación de termos inclusivos e á renovación da lingua consonte os cambios que se producen na sociedade. A publicación, que comprende todas as etapas educativas de infantil a bacharelato, pode descargarse aquí.
09/03/2022. INVESTIGACIóN

O uso do galego como lingua habitual descende

O uso da lingua galega nas relacións persoais e laborais mantén a súa dinámica de descenso, segundo apunta o barómetro trimestral de Sondaxe. No estudo, informa La Voz de Galicia, confírmanse os datos do IGE, pois o castelán é a escolla maioritaria coa familia, un 40,9% fronte ao 38,4% dos que prefiren expresarse en galego. Estes datos son aínda máis preocupantes se nos fixamos na educación ou nas relacións laborais. Por franxas de idade, más da metade da poboación de entre 18 e 29 anos di empregar o castelán de forma maioritaria ou exclusiva. A enquisa recolle tamén datos por sexo, localidade ou orientación política. Podes atopar máis información neste artigo.