Novas da lingua

Rexistros1441 a 1470 de 5280
19/01/2022. OUTRAS

Nova etapa de Proxector con máis contidos e novo aspecto gráfico

Convidámoste a visitar o novo sitio web de Proxector, o espazo destinado a compilar, clasificar e difundir audivisuais de apoio á docencia en lingua galega, que xestionamos conxuntamente co SNL da USC. Cunha apariencia gráfica renovada, comezamos esta nova etapa con 600 recursos audivisuais clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados (universitario ou secundario). Tamén inauguramos unha nova sección na que periodicamente ofreceremos seleccións temáticas vinculadas a efemérides, persoeiros ou feitos salientables.Podes ampliar información premendo aquí.
14/01/2022. DINAMIZACIóN

2022 estréase con calendario científico escolar en galego

365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico, acompañadas dunha guía didáctica para o aproveitamento transversal deste recurso educativo nas aulas de primaria e secundaria obrigatoria. Isto é o que nos ofrece a nova edición do Calendario Científico Escolar en galego, froito da colaboración co CSIC da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña. A edición impresa será distribuída nos centros de ensino. A edición dixital podes descargala aquí.
30/12/2021. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o Musigal 2022

A Deputación de Pontevedra publica as bases do programa Musigal 2022, deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Ao abeiro deste programa crearase un catálogo de grupos musicais profesionais que fagan música galega e en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. Posteriormente, este catálogo ofertaráselles aos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes para que poidan solicitar a actuación dos grupos. O prazo de presentación de solicitudes de inclusión, baixa ou modificación de datos para os grupos musicais estará aberto do 1 ao 15 de xaneiro de cada ano natural. Os concellos interesados poderán presentar as solicitudes entre o 20 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2022. Podes consultar as bases completas do programa premendo aquí.
29/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2022. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria do BOP da Coruña, e finalizará ás 14.00 horas do vixésimo día natural posterior.
29/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2021/2022; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
27/12/2021. OUTRAS

Tanxugueiras é a palabra do ano 2021

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público que o termo elixido como Palabra do Ano 2021 é Tanxugueiras. Trátase da forma plural do microtopónimo da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro escolleron no seu día para dar nome ao seu grupo musical, converténdose na actualidade nun "referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega". No segundo posto quedou resiliencia, que é a capacidade dos seres humanos de adaptarse positivamente ás situacións adversas, mais que mellor demostración de resiliencia ante a adversidade ca a ilusión que está a transmitir en todos e todas nós a música das Tanxugueiras, como símbolo do noso máis prezado patrimonio colectivo: a cultura e a lingua galegas. Podes ampliar esta información premendo aquí.
21/12/2021. INVESTIGACIóN

Manual sobre a política lingüística durante a ditadura franquista

A editorial Galaxia vén de tirar do prelo, na súa colección de manuais, a obra O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización, autoría do académico e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Henrique Monteagudo. O autor analiza neste estudo a política lingüística da ditadura franquista, caracterizada pola imposición do castelán e a marxinación do galego, poñendo o foco na resistencia político-cultural galeguista ao réxime represor. Podes obter máis información premendo aquí.
21/12/2021. EMPREGO

Contrato de investigación no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Atlas Lingüístico Galego”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de once meses e medio, cunha xornada do 75%. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 27 de decembro de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
21/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXII Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela deron a coñecer os galardoados da vixésima segunda edición dos Premios Manuel Beiras. Neste ano 2021, os premiados foron o espazo enocultural Vide Vide!, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; o colectivo empresarial Creativas Galegas, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e Código Cero, na categoría de empresa innovadora no uso da lingua galega. Se precisas máis información, preme aquí.
20/12/2021. OUTRAS

Aumenta a edición en Galicia pero diminúen os títulos en galego

O Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicos os datos da estatística de produción editorial de libros en 2019, un estudo de periodicidade anual que facilita información sobre o número e as características dos libros e folletos editados en España. No ano 2019 editáronse en galego no conxunto do Estado 1.048 títulos, que supón o 1,6 do total de títulos editados (dúas décimas menos ca en 2018). No que respecta aos datos da edición en Galicia, en 2019 editáronse na nosa comunidade 2.213 títulos (215 títulos máis ca en 2018), pero só o 40,3% deles se publicaron en lingua galega, o que supón unha clara diminución con respecto ao ano anterior (no que os títulos editados en galego en Galicia representaron o 45% do total). No web do INE podes consultar os datos completos da produción editorial do período 1998-2019. Tamén tes ao teu dispor un resumo coas cifras máis salientables de 2019.
20/12/2021. DINAMIZACIóN

Festiña do Apego en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un encontro lúdico coas familias que están a criar os seus fillos/as con apego á lingua. A Festiña do Apego é un espectáculo escénico e musical deseñado para crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer infantil e terá lugar o 30 de decembro de 2021 no Auditorio de Galicia. O programa inclúe tres espectáculos: Arrolos de Salitre e Os tres porquiños (para nenos/as de 0 a 3 anos); Aguratrat (a partir dos 6 anos); e A fiestra dos soños (para todos os públicos). Os convites para cada un destes espectáculos poden retirarse a partir do 20 de decembro. Para ampliar información, preme aquí.
17/12/2021. DINAMIZACIóN

Narón gaña co galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón está a desenvolver, coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón, a campaña "Narón gaña co galego", unha iniciativa dirixida ao sector socioeconómico co obxectivo de promover o comercio local de proximidade e vincular o uso do galego neste eido a un valor engadido asociado a calidade e autenticidade. O SNL municipal proporcionaralles a todos os comercios de Narón que se adhiran á campaña diferentes materiais de utilidade para impulsar as vendas, publicitará os seus negocios nas redes sociais e ofreceralles aos comerciantes a formación e o asesoramento lingüístico que precisen para exercer a súa actividade profesional en galego. Para ampliar información, preme aquí.

16/12/2021. INVESTIGACIóN

A xente nova incrementa o seu interese por agasallar produtos culturais cando están en galego

O Consello da Cultura Galega presenta un avance do estudo Disposición a agasallar contidos culturais a menores de 16 anos en Galicia, froito dunha enquisa sobre os hábitos culturais da infancia en Galicia e a percepción social sobre a oferta dispoñible de produtos culturais para menores de 16 anos. En termos xerais, os datos obtidos amosan que a poboación galega ten boa disposición a agasallar contidos culturais aos menores (7,9 puntos, nunha escala de 0 a 10), aínda que ese interese se reduce lixeiramente (7,6) se falamos de contidos culturais en lingua galega. Con todo, resulta interesante salientar que en determinados sectores da poboación (xente máis nova, estudantes e persoas que lles falan galego aos seus descendentes) o interese por regalar produtos culturais aumenta cando estes produtos están elaborados especificamente en lingua galega.

16/12/2021. DINAMIZACIóN

Cantos e contos en galego no Nadal de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No Nadal… un conto”, unha iniciativa que ten como obxectivo crear espazos de lecer en galego para o público familiar e infantil. Desde o vindeiro mércores 22 de decembro de 2021 e ata o 9 de xaneiro de 2022, os máis pequenos/as e as súas familias terán oportunidade de gozar dun amplo programa de cantos, contos e xogos en galego. Na páxina web do SNL podes consultar a programación completa, así como os lugares, datas e horas nos que se celebrará cada actividade.
16/12/2021. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia convídate a sacar o galego que levas dentro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta a campaña “Saca o galego que levas dentro”, unha iniciativa de promoción do uso da lingua galega dirixida ao conxunto da sociedade. A principal acción da campaña consistirá en colocar en puntos céntricos de diferentes concellos galegos unha estrutura de gran tamaño con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos ao tempo que len a mensaxe “Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro”. Tamén terán ocasión de tirar unha foto e comprartila nas redes co cancelo #sacaogalegoquelevasdentro e a a mensaxe "E compárteo con orgullo". Podes ampliar información premendo aquí.
15/12/2021. DINAMIZACIóN

CTNL: 25 anos traballando en lingua

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua quere conmemorar o seu cuarto de século de traballo a prol do galego (1996-2021) difundindo unha serie de conversas en liña, conducidas pola xornalista e escritora Rosa Aneiros, nas que nos convidan a reflexionar en clave sociolingüística sobre os feitos máis salientables acontecidos nestes últimos 25 anos, así como sobre os retos que cómpre encarar no futuro no eido da planificación lingüística. Os vídeos publicaranse na canle de Youtube da CTNL entre os días 15 e 19 de decembro de 2021 (ás 21:00 h), mais xa podes ver un pequeno adianto. Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.

15/12/2021. EMPREGO

Prazas de técnico/a de normalización lingüística na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo publica as bases do proceso selectivo para cubrir dúas prazas de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a superior de normalización lingüística da Universidade de Vigo, grupo I, unha pola quenda de acceso libre e outra pola quenda de promoción interna. O sistema de selección será o concurso-oposición e as persoas aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas citados: acceso libre ou promoción interna. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOE. [Modificación da convocatoria no DOG do 24 de marzo de 2022 e novo prazo de presentación de solicitudes de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOE do 16 de maio de 2022.]

14/12/2021. DINAMIZACIóN

Os Bolechas comezan a súa tradicional xira de Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza, coa colaboración da Televisión de Galicia, Bolanda Edicións e Gadis, a programación do Nadal en Rede 2021, unha iniciativa de dinamización lingüística dirixida ao público infantil e familiar que nesta edición levará á familia dos Bolechas de xira por oito localidades galegas adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (Santa Comba, Vimianzo, Abadín, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e As Pontes). Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como consultar o calendario concreto de actuacións premendo aquí.
13/12/2021. DINAMIZACIóN

Por unha peseta

Convidámoste a que visites no web do Consello da Cultura Galega o especial Por unha peseta, unha colección de cinco pezas audiovisuais con cantos e contos para poñer en valor, con retranca e humor, a transmisión oral da lingua entre as diferentes xeracións. Con este traballo de Faia Díaz e Vero Rilo (Apatacón) puxémoslle o ramo o pasado 4 de novembro aos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística.
13/12/2021. DINAMIZACIóN

Crebacabezas en galego para aprender os nomes das profesións

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón elaborou, no marco do programa Apego, unha serie de crebacabezas coas imaxes e os nomes en galego de diferentes profesións (mariñeiro, granxeira, mestre, bombeira, enfermeiro, doutora, albanel e enxeñeira). O obxectivo é contribuír á elaboración de materiais lúdicos que faciliten a socialización en lingua galega desde a infancia. Podes ampliar esta información premendo aquí.
10/12/2021. INVESTIGACIóN

Constátase o escaso consumo de música en galego entre a poboación en idade escolar

O proxecto Ao Son da Nosa Música, dirixido por Manuel Maseda Deán e Martiño Ramos Soto, presentou os resultados dunha enquisa realizada a 1.000 escolares das catro provincias galegas (CEIP, CPI e IES), nos que se constata que o galego está practicamente desaparecido dos seus hábitos de consumo musicais (un 80% afirma que nunca ou case nunca escoita música en galego). Ao Son Da Nosa Música é un proxecto socio-educativo pensado para conectar e difundir de xeito colaborativo a actividade que se fai nas aulas dos centros escolares arredor da música en galego. No seu sitio web atoparás, entre outros recursos, un repositorio audiovisual no que diferentes artistas opinan sobre os hábitos de consumo musical da mocidade galega, ou unha selección de vídeos didácticos sobre a radio escolar como ferramenta educativa.
10/12/2021. DINAMIZACIóN

Preséntase o proxecto “Meniños Cantores 2”

A asociación Ponte…nas ondas! e o Consello da Cultura Galega presentan o proxecto “Meniños Cantores 2”, unha iniciativa de preservación do patrimonio oral galego-portugués na que participaron 17 centros educativos de Galicia e Portugal. Ao abeiro deste proxecto gravouse un disco con 18 temas musicais do repertorio da música popular galego-portuguesa, elaborouse un documental e editouse un libro que recolle información sobre a iniciativa, así como un glosario co léxico característico dos municipios aos que pertencen os diferentes centros educativos. Podes ampliar información premendo aquí.
10/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o V Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames

O xurado da cuarta edición Premio Lingua e Empresa, promovido polo Concello de Ames, acordou por unanimidade que as empresas galardoadas nesta edición do 2021 son PixelinPhoto (Bertamiráns), na categoría de "uso continuado da lingua desde hai máis de dous anos", e Autonomogal Asesores (Milladoiro), na categoría de "nova incorporación ao galego". O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, convoca anualmente este certame co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso das empresas municipais coa nosa lingua. Para obter máis información, preme aquí.
10/12/2021. INVESTIGACIóN

Un volume do CCG estuda a pegada que Afonso X deixou na historia de Galicia

Neste 2021 no que se cumpren 800 anos do nacemento de Afonso X (1221-1284), o Consello da Cultura Galega organizou diferentes iniciativas para conmemorar este efeméride e poñer de relevo a decisiva pegada que o Afonso o Sabio deixou na historia de Galicia. Entre estas iniciativas atópase o volume que acaba de saír do prelo: Galicia no tempo de Afonso X, editado por José M. Andrade e Simón R. Doubleday, no que diferentes especialistas reflexionan, desde a perspectiva histórica ou filolóxica, sobre a relación que Afonso X tivo co Reino de Galicia, coa súa cultura e coa súa lingua.

09/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

XXII Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa

O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésimo segunda edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego". O prazo para presentar as candidaturas remata o 12 de decembro de 2021, e o acto oficial de entrega de premios terá lugar o 20 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h. No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
09/12/2021. OUTRAS

Aprende vocabulario galego con “Dic dac docs”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia difunde na súa páxina web a serie audiovisual “Dic dac docs”, elaborada pola produtora Adarme Visual. Trátase dunha colección de cinco vídeos didácticos, de sete minutos de duración cada un, dirixidos á poboación infantil de dous a sete anos. O obxectivo é facilitar a adquisición de vocubulario en galego e cada capítulo céntrase nun campo temático diferente: a casa, a cidade, a granxa, a horta e os transportes.

09/12/2021. DINAMIZACIóN

A Mesa difunde o Catálogo de Nadal 2021

Un ano máis por estas datas, A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Catálogo de Nadal 2021, que compila as diferentes propostas de agasallos en galego que ofrecen as empresas adscritas ao proxecto Abertos ao Galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, o comercio de proximidade e o idioma. Podes ampliar esta información premendo aquí.
03/12/2021. CURSOS E CONGRESOS

Conclusións dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística

Os pasados días 25 e 26 de outubro, e 4 de novembro de 2021, tiveron lugar os XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta edición se centraron na transmisión interxeracional da lingua galega. Partindo das reflexións, debates e comentarios realizados, tanto nos relatorios como nas sesións de debate posteriores, a Comisión Técnica do CDSG elaborou un documento de conclusións que cre pertinente facer de dominio público. Podes acceder en liña a todos os vídeos dos XXIII Encontros, tanto a través da páxina web do CCG como da súa canle de Youtube.

02/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os XXVIII Premios de Publicidade en Galego

O Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro Enrique Peinador convocan os XXVIII Premios de Publicidade en Galego, co obxectivo de promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario. A convocatoria está dirixida ás empresas anunciantes, ás axencias de publicidade e aos centros educativos (públicos, privados ou concertados) especializados nalgunha área de coñecemento relacionada coa publicidade. Poden presentarse ao certeme aquelas accións publicitarias, difundidas ou transmitidas integramente en galego, entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2020; así coma os traballos educativos realizados durante o curso 2020-2021. O prazo de inscrición remata o 30 de decembro de 2021. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
01/12/2021. OUTRAS

Sabela Labraña, nova entrada no Álbum de Galicia

Cando están a piques de cumprirse os seis anos do seu pasamento, o Álbum de Galicia incorpora a entrada de Sabela Labraña Barrero, co ánimo de homenaxear a
figura da mestra, da filóloga e, sobre todo, da embaixadora de Galicia en Cataluña. Nada en Cedeira en 1952, en 1980 trasládase a Cataluña, onde exerce como docente en diferentes niveis educativos (infantil, universitario, educación adultos) e se implica activamente nos movementos de renovación pedagóxica que buscaban a integración do alumnado inmigrante a través da inmersión lingüística. Na Universidade de Barcelona impartiu materias de lingua, fonética e sociolingüística do galego (áreas nas que tamén centrou o seu traballo investigador). No eido sociolingüístico destacou especialmente polo seu papel de impulsora e directora do Proxecto Galauda, a través do cal se converteu nunha verdadeira embaixadora da lingua e cultura galegas en Cataluña. O texto biográfico está asinado por Eduard Velasco e presentámolo acompañado por outros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra de Sabela.