Novas da lingua

Rexistros1531 a 1560 de 5145
09/11/2021. CURSOS E CONGRESOS

Vigo convídate a mellorar a competencia lingüística a través do patrimonio marítimo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do "Curso de auga salgada: Chegou o mar á ribeira", que se desenvolverá ao longo dos meses de novembro e decembro de 2021. A iniciativa está dirixida a persoas adultas con coñecementos previos de lingua galega, que queiran perfeccionar a súa competencia lingüística achegándose ao coñecemento do medio cultural e natural de Vigo, e á súa relación histórica co medio mariño. Para obter máis información sobre o programa do curso, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
09/11/2021. AXUDAS E PREMIOS

IV Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez

O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, en colaboración con Ponte... nas ondas!, organizan a cuarta edición dos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos", dirixidos a alumnado de primaria (quinto e sexto curso) e educación secundaria de centros galegos, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 10 a 18 anos dos centros educativos públicos do norte de Portugal. Os participantes deberán elaborar un podcast inédito e orixinal, cunha duración non superior aos 3 minutos, relacionado coa vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, e outros aspectos do patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal. O prazo de inscrición remata o 21 de decembro de 2021. Os traballos poden entregarse ata o 14 de maio de 2022.
08/11/2021. DINAMIZACIóN

Novembro tamén é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas

A Xunta de Galicia organiza unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, co obxectivo de contribuír á divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado polo manifesto dun científico/a galego/a e nesta edición asínao Amparo Alonso Betanzos, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial. A maiores, tamén atoparás en Internet unha compilación de materiais didácticos e bibliografía de referencia en galego de temática científica.
03/11/2021. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL convoca os III Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a terceira edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos destinados ao incremento do prestixio do galego e á promoción do seu uso, desenvolvidas total ou parcialmente en 2019, 2020 ou 2021. O prazo para a inscrición das candidaturas, que debe ser realizada pola propia entidade organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2022.
03/11/2021. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega para o programa da TVG “Dígocho eu”

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2021 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio ao programa “Dígocho eu”, presentado por Esther Estévez na TVG, no que se resolven dúbidas relacionadas co uso correcto do galego usando unha linguaxe comunicativa moderna que conecta co público de todas as idades. Nas restantes categorías, os/as premiados/as son Bernardino Graña (Letras), Antón Pulido (Artes Plásticas), Nova Galega de Danza (Artes Escénicas), Natalia Lamas (música), Zeza Ceballos (Audiovisual), o Mosteiro de San Pedro de Rocas (Patrimonio Cultural) e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
02/11/2021. AXUDAS E PREMIOS

Luis García Montero e Helena González recibirán as medallas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) acordou, na súa sesión plenaria do pasado 27 de outubro, concederlles as medallas do Consello da Cultura Galega (distinción instaurada en 2018 para recoñecer o labor de persoas que sobresaen polos servizos prestados ao CCG ou á cultura galega en xeral) a Luis García Montero, actual director do Instituto Cervantes, e mais a Helena González, profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona. En ambos os dous casos, con estas distincións o CCG quere poñer o foco na importancia estratéxica da diplomacia cultural e da promoción da lingua e cultura galegas no exterior. Para ampliar esta nova, preme aquí.
02/11/2021. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Narón

O Concello de Narón publicou no BOP da Coruña do 28 de xuño de 2021 as bases para a provisión dunha praza de técnico/a superior de normalización lingüística (grupo A1). O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa; Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); ou do grao en Lingua Galega ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no BOE.
29/10/2021. INVESTIGACIóN

Reflexións e desexos sobre a lingua en 2050

Fernando Ramallo, profesor e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, presenta a publicación A lingua en 2050, editada por Catro Ventos. Baixo a súa coordinación, a obra recolle as reflexións sobre o futuro do galego de 25 persoas ligadas (a nivel profesional, político ou ideolóxico) á promoción e defensa do noso idioma. O obxectivo é contribuír ao debate sobre a situación sociolingüística actual e propoñer estratexias e metodoloxías de traballo que garantan un futuro próspero para o galego. Podes ampliar información premendo aquí.
28/10/2021. AXUDAS E PREMIOS

III Premio “Ponteareas, lingua e empresa”

O Concello de Ponteareas convoca a terceira edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, co obxectivo de promover o uso do galego no ámbito empresarial e, ao mesmo tempo, recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística das empresas e profesionais con sede social ou actividade económica en Ponteareas. Concederase un premio por cada unha das seguintes categorías: “uso continuado da lingua galega”, “incorporación recente ao uso da lingua galega” e “traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”. O prazo de presentación de candidaturas é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación do extracto no BOP de Pontevedra. Podes consultar as bases do premio premendo aquí.
27/10/2021. DINAMIZACIóN

Novembro, mes da ciencia en galego no ensino

A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) promove o XII Día da Ciencia en Galego, coincidindo coa celebración o vindeiro 10 de novembro do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, instaurada en 2001 pola Unesco. Neste 2021, declarado "Ano da economía creativa para o desenvolvemento sostible, a IA e os novos poliedros", os científicos homenaxeados son Alan Turing, considerado o precursor da informática moderna, e Tarsy Carballas, pioneira na realización de estudos sobre a xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona tépeda e húmida de España, e especialista no impacto dos incendios nos ecosistemas forestais. Ao abeiro desta iniciativa, deseñouse un programa de videoconferencias didácticas, dirixidas aos centros educativos galegos, que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de novembro. Podes consultar as datas e horarios premendo aquí.
27/10/2021. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas 2022

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os centros participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua de Florencio Delgado Gurriarán, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para o gañador de cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 25 de xaneiro de 2022. Para obter máis información, preme aquí.
25/10/2021. DINAMIZACIóN

Mes da restauración da memoria lingüística de Galicia

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) promove, un ano máis, o Mes da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Con esta finalidade, a AFNLG convida ás forzas políticas galegas e aos rexedores/as municipais a adherirse á iniciativa, ao abeiro da cal se desenvolven as seguintes accións: colocación de placas nas entradas dos cemiterios co texto: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; substitución simbólica de lápidas en castelán por outras en galego; e promoción de actos públicos de sinatura de actas de vontades.
25/10/2021. INVESTIGACIóN

Publícase o primeiro dicionario do galego de Asturias

A Universidade de Vigo publica o Dicionario do Galego de Asturias, autoría de Carlos Xesús Varela Aenlle, doutor en Filoloxía Galega pola UVigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. Trátase da primeira obra lexicográfica que recolle a riqueza léxica (con máis de 32.000 entradas) dos 19 concellos do occidente de Asturias que conforman a comarca do Eo-Navia, xa que ata o momento só contabamos con vocabularios de determinados concellos ou lugares concretos. Podes ampliar información premendo aquí.
25/10/2021. AXUDAS E PREMIOS

Os XXX Premios San Martiño de Normalización Lingüística xa teñen gañadores

O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os gañadores da súa trixésima edición. Na categoría “A Estrada e comarca de Terra de Montes”, o galardoado foi José Manuel Bértolo, catedrático de grego e investigador sobre temas culturais e históricos da comarca. O colectivo poético Rompente (integrado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel Romón) recibiu o premio na categoría "Galicia enteira", e o programa de radio Sempre en Galiza (creado en 1950 en Montevideo por emigrantes galegos) foi o galardoado na modalidade "Toda unha vida".

25/10/2021. DINAMIZACIóN

Actividades de Samaín en familia no Concello de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta un programa de actividades para celebrar en familia o Samaín. O programa inclúe espectáculos infantís, obradoiros lúdicos e didácticos, actuacións musicais, teatro e contacontos. As actividades desenvolveranse entre o 30 de outubro e o 1 de novembro de 2021 (na Doblada e en Navia), e entre o 12 e o 14 de novembro (en Coia e en Bouzas). Podes consultar o programa completo con todos os horarios premendo aquí.
22/10/2021. CURSOS E CONGRESOS

XXIII Encontros para a Normalización Lingüística

Desde o CDSG presentámosche o programa dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta edición terán un formato mixto (telemático e presencial) e xirarán arredor da transmisión interxeracional da lingua galega. Os vindeiros 25 e 26 de outubro difundiremos en "consellodacultura.gal" unha serie de vídeos nos que adiantamos aqueles contidos de carácter máis teórico ou expositivo. Posteriormente, o 4 de novembro, terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela) a xornada presencial, que tamén será retransmitida en directo a través da nosa canle de Youtube, onde celebraremos catro coloquios con especialistas académicos, profesionais e representantes de colectivos que traballan co sector da infancia. Por suposto, tamén incorporaremos as reflexións do público asistente, tanto desde a propia sala como desde Internet. A matrícula é de balde e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
22/10/2021. EMPREGO

Contrato de colaboración no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “A lingua das novas xeracións: competencia, cambio lingüístico, actitudes, mantemento e transmisión da lingua”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de cinco meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de outubro de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.

20/10/2021. DINAMIZACIóN

As primeiras 25 palabras da crianza con Apego

O Concello de Rianxo, como entidade integrante do Proxecto Apego, publica o álbum “As miñas 25 primeiras palabras”, onde as familias poden deixar reflectidos os primeiros termos que pronuncian os bebés que se crían con apego ao galego. A publicación está promovida de xeito colaborativo polas concellerías de “Educación e Normalización Lingüística” e “Benestar, Igualdade e Diversidade” e diríxese especialmente ás 150 familias de Rianxo que participan na Comunidade do Apego, mais pode descargarse de balde na páxina web do SNL municipal.
20/10/2021. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre os recursos educativos en galego no contexto da Covid-19

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XIV Xornada "Os recursos educativos en galego”, que nesta edición se centrará nos materiais elaborados no contexto da Covid-19. A xornada, dirixida a alumnado, PDI e PAS das universidades galegas, desenvolverase o 18 de novembro de 2021 mediante videoconferencia a través de Lifesize. O prazo de matrícula remata o 14 de novembro de 2021. Para coñecer o programa ou ampliar información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
19/10/2021. DINAMIZACIóN

Redondela aposta polo galego como elemento identificador do pan de calidade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela e a Real Academia Galega, organizan a campaña "Nós Galego 365", deseñada para promover o uso do noso idioma nas panadarías e nos establecementos de venda de pan, así como para fomentar a etiquetaxe en galego como marca de calidade. Ao abeiro desta iniciativa distribuiranse 25.000 sobres de pan e 2.000 bolsas comerciais entre os establecementos colaboradores, convidando a reflexionar sobre o valor do idioma como elemento identificador de produtos de proximidade e calidade. Se queres ampliar información sobre a campaña, preme aquí.

19/10/2021. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o IV Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames promoven a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica municipal e recoñecer publicamente o compromiso das empresas que apostan decididamente polo noso idioma. Poden optar a este premio as empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no Concello de Ames. O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Outorgarase un premio de 1.500 euros en cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas remata o 16 de novembro de 2021. Podes ampliar información premendo aquí.
18/10/2021. DINAMIZACIóN

Bota a andar o Correlingua 2021

O Correlingua 2021, iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique o uso do galego, comezará o vindeiro 20 de outubro baixo o lema “Inmunízate co galego!”. O programa desta edición inclúe oito concertos dirixidos a máis de 1.500 escolares, que se celebrarán polo sistema de "aula burbulla" e tamén serán retransmitidos a través de Youtube. Podes consultar o calendario destas festas concerto, así como ampliar información sobre a iniciativa, premendo aquí.
15/10/2021. DINAMIZACIóN

A boa medicina require boa comunicación

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC promove a campaña de normalización lingüística "A boa medicina", deseñada para axudar a desbotar os posibles prexuízos sobre a lingua e cultura galegas, promover o mantemento lingüístico do alumnado galegofalante e sensibilizar sobre a importancia do factor comunicativo no exercicio profesional da medicina. Ademais da campaña de sensibilización que se está a difundir a través da Rede, ao abeiro desta iniciativa desenvolveranse outras accións, como un obradoiro de xestión das linguas nas aulas, un curso de galego para non galegofalantes, un programa de voluntariado lingüístico ou a difusión dunha guía de recursos en liña para estudar medicina en galego. Para ampliar información, preme aquí.

14/10/2021. DINAMIZACIóN

Convócase o XI Certame de curtas AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca a undécima edición do seu Certame de curtas, deseñado para promover a creación audiovisual como canle de difusión da lingua e literatura galegas. O certame inclúe dúas categorías, unha xeral e outra destinada especificamente aos centros de ensino. A temática das pezas debe xirar arredor da literatura galega de calquera época. Poden presentarse curtas inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de setembro de 2018 e o 13 de novembro de 2021. O prazo de presentación remata o vindeiro 12 de novembro, ás 14 h. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
11/10/2021. CURSOS E CONGRESOS

O ILG organiza un simposio conmemorativo en homenaxe a tres dos seus principais investigadores

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, organiza a vixésimo primeira edición do Simposio ILG, que coincide cos 50 anos da fundación da entidade. Por este motivo, nesta ocasión o simposio ten carácter conmemorativo e o programa está deseñado en homenaxe a tres dos seus principais investigadores: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. As sesións terán lugar entre os días 18 e 21 de outubro de 2021 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 18 de outubro ás 12 h.
08/10/2021. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o proxecto "Xela e Gianni"

No marco do programa de actividades en homenaxe a Xela Arias, protagonista das Letras Galegas 2021, o Consello da Cultura Galega presenta en formato sonoro os Contos ao teléfono de Gianni Rodari, preservando a tradución orixinal ao galego de Xela e Valentín Arias. Na páxina web Xela e Gianni atoporás os doce contos de Rodari, dirixidos a público infantil, na voz da narradora oral Charo Pita. A maiores, tamén podes consultar a introdución da profesora da USC Montse Pena Presas, que contextualiza e explica o valor normalizador e pedagóxico que no seu día tivo a tradución ao noso idioma destes contos. O proxecto, realizado coa colaboración dos herdeiros de Gianni Rodari, estará accesible ao público durante un ano. Para ampliar información, preme aquí.
07/10/2021. INVESTIGACIóN

Accesible en liña o Mapa sociolingüístico escolar de Ames

A Real Academia Galega facilita o acceso en liña á publicación Mapa sociolingüístico escolar de Ames, desenvolvida no seo do Seminario de Sociolingüística da RAG en colaboración co Concello de Ames. O obxectivo da investigación era obter unha visión completa do panorama sociolingüístico dos 21 centros educativos, tanto públicos como privados, deste municipio e identificar os factores concretos que están a favorecer a diminución do uso do galego entre os escolares (poboación de 0 a 16 anos). En termos xerais, os datos obtidos constatan unha perda de galegofalantes iniciais (ata un 10%) xa no primiero contacto co ámbito educativo na etapa infantil, e este proceso de substitución lingüística cara ao castelán vai medrando ao longo das diferentes etapas escolares. A radiografía actual amosa datos especialmente preocupantes entre o alumnado de Secundaria, onde o 77% afirma usar "só castelán" ou "máis castelán" como lingua habitual. Para ampliar información, preme aquí.
06/10/2021. CURSOS E CONGRESOS

Aprender galego seguindo o curso da auga doce en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do Curso de auga doce, deseñado para ampliar o coñecemento da lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia, lendas...) empregando como fío condutor a auga doce, en concreto, a relación de Vigo cos seus ríos, muíños e bosques de ribeira. O curso, de 20 h de duración, desenvolverase durante os meses de outubro e novembro de 2021 no edificio Mar de Vigo. Para obter máis información sobre os horarios, os contidos e os trámites de inscrición, preme aquí.
04/10/2021. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do LGx15

O sábado 16 de outubro, ás 18:00 h, terá lugar no Centro Sociocultural de Santa Marta (Santiago de Compostela) unha nova edición do LGx15, iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta ocasión os/as protagonistas serán Alice Piccardi (xornalista), Ana Moreiras (docente e coordinadora de Olloboi), María Vázquez (actriz), Paco Cerdeira Pakolas (músico), Xosé Luís Reza (especialista en márketing) e Agos Reigosa (impulsor de Twich en Galego). O acto será presentado polo escritor e humorista Carlos Meixide. As intervencións serán gravadas e difundiranse, posteriormente, en Internet. As entradas, de carácter gratuíto, poderán reservarse a partir do vindeiro 7 de outubro.
04/10/2021. INVESTIGACIóN

Presentación do Mapa sociolingüístico escolar de Ames

O Concello de Ames e a Real Academia Galega anuncian a presentación da publicación Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un estudo de investigación, desenvolvido no seo do Seminario de Sociolingüística da RAG, sobre a realidade sociolingüística (tanto no ámbito escolar como familiar) da poboación de 0 a 18 anos do Concello de Ames. O acto de presentación terá lugar o vindeiro mércores, 6 de outubro, ás 19:00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Participarán Blas García (alcalde de Ames), Víctor F. Freixanes (presidente da RAG), Escarlata Pampín (concelleira de Normalización Lingüística de Ames), Henrique Monteagudo (coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG) e Alonso Barreiro (director do CEIP de Barouta). O acceso é libre, mais cómpre confirmar asistencia no correo normalizacion@concellodeames.gal (indicando nome, apelidos e teléfono) antes do 5 de outubro.