A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan a cuarta edición do programa Toponimízate, que ten como obxectivo preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego. No marco desta iniciativa, entre outubro e decembro de 2021 desenvolveranse unha serie de charlas divulgativas en nove concellos galegos (Ortigueira, Triacastela, Carnota, Outeiro de Rei, Meaño, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Marín e O Irixo). Os asistentes a estas sesións, que serán impartidas por Vicente Feijoo (técnico do Seminario de Onomástica da RAG) terán ocasión de coñecer a orixe e significado dos nomes de lugar da súa contorna, así como familiarizarse co funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada. Para ampliar información, preme aquí.
29/09/2021. DINAMIZACIóN
28/09/2021. EMPREGO
O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe, 28 de setembro de 2021, o anuncio da convocatoria da praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Carballo. Polo tanto, desde mañá e ata o vindeiro 18 de outubro estará aberto o prazo para presentar as solicitudes de participación neste proceso selectivo. As bases completas da convocatoria, publicadas no BOP da Coruña do 27 de agosto de 2021, podes consultalas premendo aquí.
28/09/2021. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo anuncia diferentes ofertas formativas relacionadas coa oralidade que se desenvolverán no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo durante o primeiro trimestre do curso 2021-2022. Trátase, en concreto, do Curso de improvisación oral en verso, que será impartido por Kike Estévez, e de tres obradoiros sobre narración oral: "Introdución á técnica vocal", "A tradición oral, a narración e a literatura popular como ferramenta de normalización lingüística" e "Os signos contan. Lingua de Signos aplicada á Narración oral".
27/09/2021. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a campaña "Iniciativa Xabarín 2.0", para demandar que a nova Lei xeral do audiovisual inclúa unha cota mínima de contido dobrado e subtitulado en galego nas plataformas dixitais (como Netflix, HBO, Prime Vídeo ou Movistar). Trátase da continuación do traballo comezado coa coñecida "Iniciativa Xabarín", que o pasado mes de maio chegou ao Parlamento de Galicia en forma de proposición non de lei e conseguiu o apoio de todos os partidos con representación parlamentaria. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, ou apoiala coa túa sinatura, premendo aquí.
27/09/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol (servizo compartido polos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño), en colaboración cos SNL dos concellos de Fene, Ferrol, Cedeira e Narón, promoven o Día do Orgullo Neofalante, que se celebrará o vindeiro 1 de outubro, coincidindo coa data de nacemento de Andrés do Barro. Ao abeiro desta iniciativa, que ten como principal obxectivo gañar falantes e espazos de uso para o galego, presentarase o documental Barullo, que trata sobre a diversidade musical en lingua galega. O acto de presentación terá lugar na Casa de Cultura de Neda, o 30 de setembro, ás 19:00 h, e nel intervirán Xosé Bocixa e Pepe Cunha. Podes ampliar información premendo aquí.
24/09/2021. OUTRAS
O vindeiro domingo, 26 de setembro, o Consello de Europa celebra o Día Europeo das Linguas, unha conmemoración instaurada en 2001 co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía. No sitio web conmemorativo atoparás máis información sobre a riqueza cultural que supón o multilingüismo europeo, así como sobre as actividades que está previsto desenvolver nesta data. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega tamén participará en diferentes actos oficiais conmemorativos. Rosario Álvarez, presidenta da institución, asiste este venres en Nápoles aos actos convocados polo Instituto Cervantes, e o vindeiro domingo (26 de setembro) participará tamén no acto institucional que terá lugar na Praza das Praterías de Santiago de Compostela. Para ampliar información, preme aquí.
24/09/2021. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos de iniciación á lingua galega, un de nivel cero e outro de nivel 1, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro de 2021. O curso de nivel cero está deseñado para persoas sen apenas coñecementos de galego. O curso de nivel 1 está dirixido a alumnado que poida acreditar unha formación básica do idioma. As sesións terán carácter presencial e desenvolveranse no auditorio Mar de Vigo, na planta 5ª (aula número 8). No web do SNL do Concello de Vigo atoparás máis información sobre as programacións didácticas e os trámites de inscrición.
24/09/2021. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organizan as palestras "O galego ten saúde!", nas que se tratarán contidos de psiquiatría, psicoloxía, medicina familiar e comunitaria, farmacia ou toxicoloxía. Os obxectivos da iniciativa son fomentar as actitudes lingüísticas positivas do alumnado e do profesorado desta facultade sobre o exercicio docente e profesional en galego, así como darlles visibilidade a profesionais que xa son referentes no uso do noso idioma. As sesións terán lugar os días 6, 13 e 21 de outubro, ás 20:00 h, no Salón de Actos da Facultade de Medicina. Tamén poderán seguirse a través de Teams. O prazo de inscrición remata o 4 de outubro. Para coñecer o programa completo das palestras ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
23/09/2021. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Arzúa presenta o documental "2021, 40 anos despois", en referencia ás catro décadas transcorridas desde a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que recoñece o galego como lingua propia e cooficial da comunidade. Nesta peza audiovisual, o alumnado do curso 2020-2021 (na súa maioría, galegofalante) reflexiona sobre a situación sociolingüística actual, sobre os usos lingüísticos da mocidade, sobre as vantaxes que nos ofrece a lusofonía ou sobre as perspectivas de futuro para o noso idioma.
21/09/2021. DINAMIZACIóN
Se desexas aprender galego, ou se xa es galegofalante pero queres axudar a outras persoas na súa aprendizaxe, o Departamento de Lingua do Concello de Santiago convídate a inscribirte no programa Elos. Trátase dunha iniciativa de voluntariado lingüístico onde os membros da parella se comprometen a conversar xuntos, como mínimo, unha hora á semana, tendo en conta que a colaboración pode ser recíproca, xa que quen aprende galego pode ensinarlle tamén outro idioma que domine ao compañeiro/a. Podes ampliar información sobre a iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí
21/09/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, en colaboración coa Aula da Natureza, promoven a I Ruta do Apego, un itinerario que transcorre polos lugares de Lens e Oca, deseñado para fomentar entre os nenos e nenas o coñecemento e o apego polo seu patrimonio natural, cultural e lingüístico. No camiño as familias atoparán espazos para o xogo e o descanso, así como un mapa sensorial e paneis informativos accesibles para os máis pequenos/as. Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
20/09/2021. AXUDAS E PREMIOS
Os departamentos de Comercio e Lingua Galega do Concello de Santiago promoven unha nova edición do programa Coidar para mellorar, ao abeiro do cal se adxudicarán 36 cheques de consultoría para o comercio local, nas modalidades de comunicación, escaparatismo e mercadotecnia visual, e transformación dixital. Entre os obxectivos do programa está a promoción da normalización do noso idioma no ámbito do comercio, polo que os negocios composteláns que o desexen poderán optar a algún dos 12 cheques de consultoría que se adxudicarán para contratar servizos de asesoramento e formación para mellorar a comunicación do seu negocio. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
20/09/2021. AXUDAS E PREMIOS
Ata o vindeiro 22 de outubro de 2021 estará aberto o prazo de inscrición para participar na quinta edición dos Premios Youtubeiras, dirixidos a persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube en galego autoproducidas. A iniciativa está promovida polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, da Deputación da Coruña e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e ten como obxectivos fomentar a produción de contidos audiovisuais no noso idioma e darlle visibilidade a referentes na difusión de contidos en galego na plataforma Youtube. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
17/09/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Outes está a desenvolver a campaña "en Outes, en galego!", co dobre obxectivo de promover a lingua galega como marca de calidade e darlle visibilidade ao tecido comercial e hostaleiro do municipio. No marco desta iniciativa distribuiranse entre os comerciantes e a súa clientela diferentes materiais, como folletos explicativos, bolsas de tea e adhesivos co lema da campaña. Así mesmo, o SNL municipal ofrecerá un servizo de asesoramento gratuíto a todos os negocios que o demanden. Para ampliar esta información, preme aquí.
16/09/2021. DINAMIZACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presentan a segunda edición do programa Falamos, que nesta ocasión se desenvolverá na modalidade presencial. A iniciativa está deseñada para crear novos espazos de uso para o galego no campus de Pontevedra, e o alumnado pode inscribirse en calquera das seguintes actividades: club de lectura, club de cociña, teatro e voluntariado lingüístico. Podes ampliar información premendo aquí.
16/09/2021. DINAMIZACIóN
As comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convocan o VI Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. O obxectivo é contribuír á creación de contidos divulgativos en galego sobre ciencias da saúde. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Ata o vindeiro 15 de novembro, os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. Repartirase un único premio (de 300 euros) entre os participantes alleos á USC, e outros catro premios (de 300, 250, 200 e 150 euros) entre os membros da comunidade universitaria.
14/09/2021. EMPREGO
O Concello de Ames convoca unha bolsa para realizar prácticas no seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden presentarse todas aquelas persoas que teñan o título de grao en Lingua e Literatura Galegas, posúan coñecementos sobre o manexo de procesadores de texto e teñan o carné de conducir. A duración da bolsa será dun ano. O prazo para presentar as solicitudes remata o 24 de setembro, ás 14:00 horas. Para ampliar información, preme aquí.
14/09/2021. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4). As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada. As datas definitivas de realización das probas podes consultalas no DOG do 27 de outubro de 2021. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/09/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove está a organizar o programa "Bicos con lingua. Unidade didáctica", que se desenvolverá durante os meses de setembro e outubro de 2021 e que ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade. O programa inclúe diferentes accións de carácter lúdico e didáctico, como a presentación da obra "Bicos con lingua" (de Talía Teatro), a difusión dunha unidade didáctica sobre esta mesma obra teatral entre o profesorado de Lingua Galega dos institutos de secundaria do concello, a organización dun certame de TikTok para poñer en valor a variedade dialectal falada no Grove, ou a impartición entre o alumnado da ESO da charla "Xeliña fala galego. Un modelo de escritora monolingüe", a cargo da profesora Patricia Arias Chachero. Para ampliar información, preme aquí.
09/09/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC organiza un obradoiro de podcast, dirixido a toda a comunidade universitaria e deseñado para fomentar a creación de contidos dixitais no noso idioma. O curso, de 15 horas de duración, será impartido por Ana González Liste, Cibrán Tenreiro, Duarte Romero e Miguel Rodríguez, coñecidos creadores de contidos dixitais en galego. As sesións terán lugar os días 27 e 30 de setembro; e 4, 7 e 14 de outubro de 2021. O prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de setembro. Podes ampliar información sobre os contidos e os trámites da matrícula, premendo aquí.
08/09/2021. OUTRAS
O Álbum de Galicia, colección dixital de biobibliografías do Consello da Cultura Galega, acaba de incorporar a entrada de Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1811 - Vigo, 1876). Xurista de profesión, destacou polo seu activismo cultural e pola súa defensa da lingua galega, e como autor literario (cunha obra poética practicamente monolingüe en galego), está considerado coma o precursor do Rexurdimento Galego. Desde o punto de vista filolóxico, foi tamén un importante lexicógrafo. O texto biográfico que presentamos, asinado por María do Carme Ríos Panisse, está acompañado doutros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra deste autor.
02/09/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) convoca a cuarta edición do Premio Xela Arias, creado para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación. Todas as persoas interesadas en presentar candidaturas teñen de prazo ata o vindeiro 15 de setembro de 2021 para enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da candidata ou candidato e os motivos polos que se considera que merece o premio. Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
27/08/2021. EMPREGO
O Concello de Carballo publica as bases da convocatoria para a provisión (como funcionario de carreira, grupo A1) dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao da área de Humanidades ou ciencias xurídicas e Sociais, sempre que se acredite o Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
26/08/2021. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega presenta a publicación «Da fonte máis fonda». Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galego, autoría de Aquilino Iglesia Alvariño. A obra inclúe a versión orixinal do texto «A lengua gallega. Historia do seu vocabulario», escrito por Iglesia Alvariño para ser incluído na Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), pero que permanecía inédito ata o momento; así como outros traballos do mesmo autor sobre a norma, as ideoloxías lingüísticas e a situación xeral do idioma galego. A maiores, o volume contén tres estudos introdutorios de Ramón Villares, Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez, que axudan a contextualizar os textos na súa etapa histórica, cultural e sociolingüística.
24/08/2021. INVESTIGACIóN
A Xunta de Galicia presenta o Dicionario galego-ruso, unha obra lexicográfica con preto de 11.000 lemas deseñada como ferramenta de traballo para lingüistas, tradutores/as, docentes e alumnado que está a aprender os idiomas galego ou ruso. Trátase da primeira achega dun proxecto en continua actualización, que conta poder acadar na súa versión final unhas 40.000 entradas. O dicionario inclúe tanto léxico normativo sancionado pola RAG, como outros termos procedentes de obras de referencia da literatura galega. Podes ampliar información sobre esta iniciativa, así como acceder á obra en formato PDF, premendo aquí.
23/08/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior en liña) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2021/2022. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos a empregados/as públicos/as das administracións autonómica e local galegas, e da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 1 ata o 10 de setembro de 2021, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 4 ata o 14 de xaneiro de 2022, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
23/08/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza o curso "Ferramentas da educación social ao servizo da normalización lingüística", dirixido especialmente a técnicos/as de SNL, a docentes ou responsables de EDNLG e, en xeral, a traballadores/as do ámbito da normalización da lingua. O curso será impartido por Ana González Quinteiro, educadora social no Concello de Pontevedra, e as sesións desenvolveranse presencialmente os días 27 de setembro e 4 de outubro de 2021 en Santiago de Compostela. O prazo de inscrición será entre o 1 e o 19 de setembro de 2021. Podes ampliar información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
23/08/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publicou a resolución das axudas aos concellos da provincia para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción do idioma galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
23/08/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a resolución das axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias no DOG do 17 de agosto de 2021.
23/08/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica, no DOG do 13 de agosto de 2021, a listaxe de entidades beneficiarias das axudas dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.

