Novas da lingua

Rexistros1591 a 1620 de 5145
23/07/2021. INVESTIGACIóN

Unha tese da UVigo constata os beneficios da socialización bilingüe na etapa infantil

A investigadora Marta Díaz Ferro presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento sobre a socialización bilingüe infantil nunha escola de Vigo. O estudo, accesible en formato PDF no repositorio institucional da universidade, analiza o impacto da socialización e alfabetización en galego en nenos de 4 e 5 anos procedentes de familias castelanfalantes e bilingües galego-castelán. Entre as súas conclusións Marta Díaz afirma que "o bilingüismo conseguido, na etapa estudada, tenderá a ser aditivo, xa que non se observa que os nenos sufran dunha merma comunicativa por causa do input en galego". A tese contén tamén unha serie de propostas en relación coa vehicularidade do galego no ensino non universitario, confrontando o recollido no Decreto 79/2010 cos resultados da investigación.
23/07/2021. INVESTIGACIóN

Estudo sobre a toponimia municipal da provincia da Coruña

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega presenta o estudo "Os nomes dos concellos da provincia da Coruña", autoría de Gonzalo Navaza. Nesta publicación ofrécese un comentario histórico e etimolóxico sobre cada un dos nomes dos 93 concellos coruñeses, indicando os rexistros documentais máis antigos dos que se ten coñecemento, as diferentes evolucións ou alteracións que sufriu o topónimo ao longo do tempo e a explicación sobre o seu significado. Na páxina web da RAG podes consultar tamén a súa colección de traballos sobre onomástica, así como a colección específica Terra Nomeada, na que se compilan estudos toponímicos sobre diferentes concellos galegos.
22/07/2021. EMPREGO

Contratación temporal de técnico/a de normalización lingüística

O Concello de Quiroga publica as bases do proceso selectivo para a contratación temporal (ata o 15 de outubro de 2021) dun técnico de normalización lingüística, que desenvolverá o seu traballo na agrupación de concellos de Quiroga e Ribas de Sil. O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgún dos seguintes graos: Lingua e Literatura Galegas; Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos lingüísticos e literarios, ou as licenciaturas equivalentes aos ditos graos, ou calquera titulación das áreas de Humanidades ou Ciencias Xurídicas e Sociais (sempre que teñan o Celga 5). O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 26 de xullo de 2021. Podes consultar as bases e o modelo de solicitude premendo aquí.
22/07/2021. OUTRAS

Incorpórase a biografía de Aníbal Otero ao Álbum de Galicia

Aníbal Otero Álvarez (1911-1974) foi un filólogo lugués, nado na aldea de Barcia, en Ribeira de Piquín, que traballou como enquisador do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, traballo de campo polo que foi detido (e posteriormente condenado) durante o golpe de estado en España de 1936. Así mesmo, tamén nos deixou como legado numerosas contribucións lexicográficas e etimolóxicas, o seu traballo como compilador de romances e as súas creacións literarias. O perfil biográfico de Aníbal Otero, asinado polo profesor Xosé Afonso Álvarez, está xa accesible no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, xunto con outros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica e recursos en liña), que conforman o que quere ser un recoñecemento á vida e obra deste lingüista lugués.
19/07/2021. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o concurso público de once bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Legado científico de Jürgen Untermann, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga), Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega), Terminoloxía científico-técnica, Informes de literatura, Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, Lírica profana galego-portuguesa, Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (Birmed), Dimensións da identidade colectiva de Galicia e Legados literarios. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
15/07/2021. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia resolve as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica a resolución das subvencións ás entidades locais para o ano 2021, destinadas á creación, mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí. [Listaxe coas modalidades das axudas]
14/07/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2021. Podes consultar o texto completo da resolución, coa listaxe de entidades beneficiarias, premendo aquí.
07/07/2021. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra organizan a sexta edición da Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o 16 de outubro de 2021 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo, nesta ocasión o fío temático da xornada serán os nomes dos lugares do Camiño de Santiago. As persoas interesadas en asistir teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o 14 de outubro. As sesións tamén se retransmitirán en directo a través da páxina web da RAG. Para ampliar información, preme aquí.
07/07/2021. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a traxectoria a prol do galego do catedrático Antonio Rigueiro

O xurado da cuarta edición do Premio Luís Porteiro Garea acordou por unanimidade entregar o galardón a Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático no Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC. O xurado salientou, entre outros méritos, o seu labor docente exclusivamente en lingua galega, a súa traxectoria de divulgador científico no noso idioma e a súa participación activa na elaboración e estandarización da terminoloxía galega no seu ámbito de especialidade.
A Universidade de Santiago de Compostela outorga ese galardón, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
05/07/2021. OUTRAS

Florencio Delgado Gurriarán será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 2 de xullo de 2021, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 será Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). Avogado de formación, foi poeta, articulista, tradutor, editor literario e intelectual de referencia no activismo cultural e político do exilio en México. No eido literario, é autor dos poemarios Bebedeira (Editorial Nós, 1934), Galicia infinda (Galaxia, 1963), Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). Así mesmo, a súa estreita colaboración con outros autores galegos no exilio deu como froito colectáneas poéticas como Cancioneiro da loita galega (1943) ou o volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946). Tamén foi un dos fundadores de Vieiros. Revista do Padroado da Cultura Galega de México (1959-1968). En 1981 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega. A través da homenaxe a Delgado Gurriarán, a RAG quere recoñecer o importante labor cultural do exilio republicano en México. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/07/2021. DINAMIZACIóN

XX Concurso de relato oral "Tíralle da lingua"

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca a vixésima edición do concurso de relato oral "Tíralle da lingua", un proxecto dirixido ao alumnado e ao profesorado co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral do idioma galego. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de novembro de 2021. A fase final do concurso celebrarase a finais de novembro en Santiago. Podes consultar as bases do concurso premendo aquí.
01/07/2021. EMPREGO

O Parlamento de Galicia convoca dúas prazas da escala técnica de publicacións

O Parlamento anuncia, no Diario Oficial de Galicia do 30 de xuño de 2021, a convocatoria do proceso selectivo para cubrir dúas prazas da escala técnica de publicacións do corpo superior desta institución. O sistema de selección será o de oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado/a ou grao en Filoloxía ou o título de licenciado/a ou grao en Tradución, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O prazo é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/07/2021. DINAMIZACIóN

Volven os contos ao verán vigués

Como xa é costume por estas datas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do programa No verán... un conto, unha iniciativa dirixida a público infantil e familiar, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito do lecer durante os meses estivais. O programa inclúe contos, música, poesía, teatro, regueifas... A entrada é libre en todas as actividades. Para ampliar información sobre as datas, horarios e lugares de celebración, preme aquí.
29/06/2021. OUTRAS

En liña os catro códices das Cantigas de Santa María

A Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial acaba de inaugurar o espazo web da súa biblioteca dixital coa publicación en liña dos dous códices das Cantigas de Santa María que custodia Patrimonio Nacional: o Códice Rico e o Códice dos músicos. Coincidindo co aniversario do nacemento de Afonso o Sabio, a comezos deste ano 2021 a Real Academia Galega solicitoulle a Patrimonio Nacional a posta ao dispor do público destes dous códices, xa que dos catro que compoñen a colección das Cantigas de Santa María, eran os que aínda non estaban accesibles en versión dixital. Os outros dous manuscritos son o Códice de Toledo, que custodia a Biblioteca Nacional de España, e o Códice de Florencia, conservado na Biblioteca Nacional Central de Florencia. Se queres saber máis sobre a pegada de Afonso X na historia e cultura galegas, preme aquí.

24/06/2021. DINAMIZACIóN

Programa de voluntariado lingüístico no Concello de Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa Elos, destinado a facilitar o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que queren colaborar ensinando. Con todo, a colaboración entre os membros da parella lingüística pode ser recíproca, pois quen aprende galego pode á súa vez ensinarlle outra lingua ao compañeiro/a. Para ampliar información sobre a iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
24/06/2021. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Eladio Rodríguez

O Álbum de Galicia, colección dixital de biobibliografías do Consello da Cultura Galega, acaba de incorporar a entrada de Eladio Rodríguez González. Lexicógrafo, poeta, xornalista e intelectual comprometido co movemento político e cultural do galeguismo, foi tamén socio numerario fundador da Real Academia Galega, institución da que chegou a ser presidente entre os anos 1926 e 1934. No ámbito da lingüística, a súa obra de referencia é o Diccionario enciclopédico gallego-castellano (editado postumamente por Galaxia entre 1958 e 1961), que serviu de base para a posterior lexicografía galega dos séculos XX e XXI. Ao texto biográfico, asinado polo profesor Xoán Carlos Lagares, engádense outros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde múltiples ópticas á vida e obra do polígrafo ourensán.
22/06/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino privado

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica as resolucións das axudas para os proxectos de fomento do galego desenvolvidos polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para o curso escolar 2020/2021. Podes consultar as listaxes de centros beneficiarios aquí: centros privados da Coruña, centros privados de Lugo, centros privados de Ourense e centros privados de Pontevedra.
18/06/2021. DINAMIZACIóN

#Somosculturagal, nova porta de entrada aos contidos en galego na Rede

Co ánimo de contribuír a fomentar o uso e difusión do idioma galego entre a xente nova, Carlos Cerecedo, alumno do grao de Comunicación Audiovisual da UVigo, desenvolveu #Somosculturagal, unha plataforma en liña que aglutina o contido en galego das principais redes sociais. O obxectivo é darlles visibilidade aos creadores e creadoras que difunden os seus contidos en galego e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso a esta información, ao agrupala toda nun mesmo lugar. Para saber máis sobre esta iniciativa, preme aquí.
17/06/2021. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de normalizadores ligüísticos no Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán publica as bases do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de traballo de técnicos/as de normalización lingüística. A duración do contrato será de 2 anos, cunha xornada de 18,5 horas semanais de luns a venres. O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: licenciatura en Filoloxía Galega, licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, licenciatura en Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), grao en Estudos de Galego e Español (módulos lingua e literatura galegas ou módulos lingua galega e española) ou grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOP de Pontevedra.
16/06/2021. OUTRAS

Campaña para que o alumnado galego se inscriba na materia de portugués

A asociación Docentes de Português na Galiza (DPG) está a difundir unha campaña, dirixida ao alumnado de ESO e bacharelato, para animalo a inscribirse na materia de portugués. No vídeo de promoción, titulado "Amor à primeira vista", expóñense diferentes alicientes para que os mozos e mozas decidan incorporar este idioma ao seu acervo lingüístico, facendo especial mención ás vantaxes de aprendizaxe que teñen os galegofalantes, dada a proximidade entre ambas as dúas linguas (galego e portugués). Para ampliar información, preme aquí.
16/06/2021. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal das administracións autonómica e institucional

A Escola Galega de Administración Pública anuncia a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértase un curso de "Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega", de 30 horas de duración, que se desenvolverá en formato mixto (teleformación e telepresenza) durante os meses de outubro e novembro de 2021. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/06/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o XII Premio Rosalía de Castro de Lingua

O xurado da duodécima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer as persoas e proxectos galardoados. Os premiados nesta edición de 2021 foron o debuxante Xaquín Marín, na categoría de persoas; a Agrupación Astronómica Ío, na de entidades; e Twitter en galego, na categoría de iniciativas dirixidas á poboación máis nova. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/06/2021. DINAMIZACIóN

Recollida de tradición oral sobre o San Xoán na Comarca de Ferrol

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acaba de crear o seu servizo de normalización lingüística, que traballará na promoción e dinamización da lingua galega nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño. O seu programa de actividades estréase cun proxecto de recollida de lembranzas relacionadas co San Xoán. Desde o SNL convidan á poboación da comarca a entregar nos seus respectivos concellos cantigas, coplas, refráns, receitas da auga de San Xoán, ditos, etc. Unha selección do material recollido exporase nos diferentes concellos e difundirase tamén nas redes sociais.
11/06/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de materiais didácticos en galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soporte impreso ou dixital, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

10/06/2021. OUTRAS

Declaración institucional do Consello Económico e Social de Galicia sobre o uso do galego

O Consello Económico e Social de Galicia (CES), como foro permanente de diálogo entre as organizacións socioeconómicas e as institucións autonómicas, fixo pública unha declaración institucional sobre o uso e presenza da lingua galega na vida social e económica do país. Desde o CES consideran que cómpre dar maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións socioeconómicas, facendo unha alusión explícita á necesidade dun desenvolvemento legal que concrete os dereitos dos consumidores recollidos na Lei 1/2010, do 11 de febreiro, ou na Lei 2/2012, do 28 de marzo. Así mesmo, no seu comunicado o CES solicítalles aos poderes públicos "un aumento significativo de acción e compromiso" no fomento do galego na totalidade dos ámbitos económicos, sociais e institucionais (poñendo especial énfase no eido dixital), e ás organizacións sociais pídelles que mobilicen as súas bases para que exerzan os seus dereitos lingüísticos. Para consultar o texto completo da declaración preme aquí.
10/06/2021. DINAMIZACIóN

II Festa do Apego en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a II Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer. O programa inclúe música, teatro, contos, baile, obradoiros e xogos; e as actividades desenvolveranse o sábado 19 de xuño no Pazo da Peregrina. O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de xuño. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
04/06/2021. DINAMIZACIóN

Chega Youtubeiras co seu magnetismo en liña

Os servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, da Deputación da Coruña e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan a quinta edición do Proxecto Youtubeiras, unha iniciativa deseñada para fomentar a produción de contidos audiovisuais en galego e a visibilización de referentes no noso idioma na plataforma Youtube. No marco deste proxecto, ofértanse diferentes obradoiros formativos e convócanse os Premios Youtubeiras, dirixidos a persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube autoproducidas. O prazo de inscrición comeza o 10 de setembro de 2021 e remata o 22 de outubro de 2021.
04/06/2021. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias públicas para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades de Barcelona (UAB), Kiel, Leipzig, Oxford e País Vasco; e seis bolsas de formación nos lectorados das universidades de Madrid (UCM), Padua, París (París III), Río de Janeiro, Salvador de Bahia e Zadar. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
04/06/2021. DINAMIZACIóN

BIOGA comprométese co galego

Coincidindo coa conmemoración do Día da Galeguidade Empresarial, o Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida (BIOGA) asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Foro Enrique Peinador en materia de normalización lingüística. BIOGA é unha entidade que agrupa as organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico con sede en Galicia e, en virtude do convenio asinado, comprométese co uso do galego na comunicación interna, nas relacións empresariais externas cos clientes e nas accións formativas que organice no eido da biotecnoloxía. Para ampliar información, preme aquí.

04/06/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino público

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública. Para consultar a listaxe completa de centros beneficiarios, preme aquí.