Novas da lingua

Rexistros1651 a 1680 de 5280
23/02/2021. DINAMIZACIóN

Comeza a terceira edición de "21 días co galego e +"

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a terceira edición do programa “ 21 días co galego e +”, que se inaugurou onte, 22 de febreiro, e na que participan dez centros de ensino galegos. O programa está deseñado para implementar na educación secundaria, mais nesta edición incorporouse tamén, como experiencia piloto, un centro de educación primaria. O obxectivo é que o alumnado desenvolva durante 21 días as propostas didácticas, adquira o hábito de falar galego en diferentes contextos e reflexione sobre a situación actual do noso idioma. Para ampliar información, preme aquí.
23/02/2021. DINAMIZACIóN

A mocidade de Cerceda solicita que o galego sexa oficial no Parlamento Europeo

O alumnado de 4º da ESO do CPI O Cruce de Cerceda participa este ano no programa educativo "Escolas embaixadoras do Parlamento Europeo", que lles permitirá difundir entre a comunidade educativa todo o que nos une como europeos/as, pero tamén aquelo que nos distingue e constitúe un dos maiores patrimonios da UE, como é a súa diversidade lingüística. Unha das iniciativas que están a desenvolver no marco deste programa educativo é a campaña en Change.org para solicitar que o galego, o catalán e o éuscaro sexan recoñecidos como idiomas oficiais do Parlamento Europeo. Na páxina web do centro podes ver o vídeo de presentación do proxecto.
19/02/2021. DINAMIZACIóN

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

O vindeiro domingo, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2021, o eixo temático elixido é "Fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e a sociedade". Coincidindo con esta data, a Real Academia Galega difunde en liña o relato "Xeliña fala galego", escrito por Valentín Arias en 1968, que ten como protagonista a súa filla Xela Arias, a quen a RAG dedica este ano o Día das Letras Galegas. Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística retransmitirá ese día en directo a actuación "Puño, puñete", de Baobab Teatro, dirixida a nenos e nenas de 1 a 7 anos e ás súas familias.
19/02/2021. OUTRAS

Termos esenciais de vacinas

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os Termos esenciais de vacinas, un recurso que permite acceder directamente a 125 fichas do bUSCatermos que describen conceptos relacionados co ámbito das vacinas, as súas tipoloxías e as campañas de inmunización. En cada ficha atoparás o nome polo que é coñecido cada concepto en galego, español e inglés, así como a área ou áreas temáticas en que se inscribe. Na maior parte dos casos, tamén podes consultar a súa definición en galego.
17/02/2021. OUTRAS

Recursos en galego para educar en tempos de covid

O alumnado da materia “Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos” da Facultade de Ciencias da Educación da USC, xunto cos profesores Jesús Rodríguez e Tania Caamaño, elaboraron un banco de recursos educativos en liña relacionados coa pandemia da Covid-19. Os materiais están clasificados segundo o nivel educativo ao que van dirixidos (educación infantil, primaria ou secundaria) e en función da fonte de localización (Youtube, editoriais, redes sociais, revistas…). A maiores, hai un apartado dirixido ás familias, outro aos docentes e un terceiro, aos centros educativos. Trátase dun proxecto cooperativo que se irá completando cada curso escolar. Así mesmo, os internautas tamén poden colaborar enviando suxestións.
16/02/2021. DINAMIZACIóN

Conmemoración colectiva da obra de Rosalía e dos/as autores/as das nosas Letras

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade de Ordes organiza a actividade "Rosalía e as nosas Letras", co ánimo de conmemorar entre a comunidade educativa o Día de Rosalía (que se celebrará o vindeiro 24 de febreiro) e mais o Día das Letras Galegas, que este ano 2021 está dedicado a Xela Arias. A actividade está dirixida ao alumnado de educación primaria e ESO dos centros educativos da comarca de Ordes (concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo). Para participar cómpre crear un vídeo ou audio recitando versos de Rosalía de Castro, ou un fragmento da obra de calquera outro/a escritor/a ao/á que se lle dedicaran as Letras Galegas, e colgalo no evento de Facebook creado para a ocasión. Repartiranse diferentes premios entre os/as autores/as dos vídeos e audios máis valorados. Para ampliar esta nova, preme aquí.
15/02/2021. OUTRAS

Unidadade didáctica sobre o Día Internacional da Lingua Materna

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha unidade didáctica sobre o Día Internacional da Lingua Materna, que a Unesco conmemora cada 21 de febreiro desde 1999. No recurso, deseñado para alumnado de 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, explícanse conceptos coma o de "lingua materna" ou "identidade lingüística", e ofrécese información sobre a diversidade lingüística do planeta e a importancia de preservar este patrimonio común.
15/02/2021. DINAMIZACIóN

Lingua de Namorar 2021

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Os participantes nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35 anos) poden enviar as mensaxes
a través da páxina web do concurso. Como novidade, este ano engádese unha nova modalidade para participar a través de Instagram. Neste caso cómpre ser seguidor/a dos perfís @xuventudegalicia e @linguagalega. O prazo para enviar as mensaxes remata o 2 de marzo de 2021. Para ampliar información, preme aquí.
12/02/2021. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxes específicas para o persoal da Administración

A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxes específicas, unha na que se ofertan cursos de linguaxe xurídica galega para o persoal da Administración de Xustiza que presta servizos fóra de Galicia, e outra na que se ofertan cursos de linguaxe administrativa e xurídica destinados ao persoal ao servizo das distintas administracións galegas. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de oito días, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

11/02/2021. OUTRAS

Declaración en defensa do plurilingüismo como patrimonio común

A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans, como institucións con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción do galego, éuscaro e catalán, publican unha declaración conxunta reivindicando o plurilingüismo como patrimonio común. O obxectivo do texto é contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas no sistema educativo, sinalando que "para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán". As tres institucións póñense ao dispor dos poderes públicos do Estado para asesorar nos asuntos relativos aos tres idiomas que representan, "en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español".
11/02/2021. OUTRAS

Proposta de colaboración para incorporar o galego a "Common Voice"

O Proxecto Trasno (comunidade de voluntarios/as que se dedica a localizar software libre ao galego) está a traballar para incorporar o noso idioma ao proxecto Common Voice, promovido pola Fundación Mozilla. O obxectivo é
crear unha tecnoloxía para que as máquinas baseadas na intelixencia artificial (asistentes de voz, lectores de textos para persoas con necesidades especiais, etc.) tamén poidan entender e falar o galego. Así pois, desde o Proxecto Trasno piden a colaboración de falantes nativos de galego para que envíen frases curtas de uso cotián e, posteriormente, as graven co seu propio estilo e acento. Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre as diferentes fórmulas de participación, preme aquí.
10/02/2021. LEXISLACIóN

Análise do cumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias

A Universidade de Vigo presenta o proxecto CELMI (Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias), unha base de datos que permite consultar o grao de cumprimento dos vinte e cinco estados que ratificaron este convenio internacional. No proxecto, autoría de Fernando Ramallo, intégranse as conclusións do Comité de Expertos en relación aos informes periódicos presentados polos diferentes estados. CELMI permite realizar buscas comparadas entre linguas, países, grupos lingüísticos ou artigos da Carta, e comprobar como evolucionou o cumprimento dos compromisos adquiridos ao longo do tempo. Se o desexas, no sitio web do Consello de Europa podes tamén consultar todos os documentos orixinais (tanto os informes presentados polos estados coma as avaliacións e recomendacións do Comité de Expertos).
10/02/2021. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o IV Premio Luís Porteiro Garea

A Universidade de Santiago de Compostela convoca a cuarta edición do Premio Luís Porteiro Garea, co obxectivo de recoñecer publicamente o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade, e ao mesmo tempo, homenaxear a figura deste profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego no ámbito universitario. O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico. O prazo para presentar as candidaturas remata o 30 de abril de 2021.
10/02/2021. DINAMIZACIóN

Festival de Cine Escolar “Olloboi 2021”

A Asociación Olloboi organiza unha nova edición do Festival de Cine Escolar Olloboi, un certame de videocreacións (ficción ou documental) no que pode participar calquera persoa pertencente á comunidade escolar (alumnado, profesorado e PAS). Poderán presentarse videocreacións realizadas nos últimos tres anos, accesibles en Internet (nas canles Vimeo ou Youtube), de temática libre e cunha duración non superior aos 20 minutos. No blog “Aprendo con Olloboi” atoparás recursos didácticos sobre as diferentes fases do proceso cinematográfico. A maiores, nesta edición de 2021 tamén se ofrecen como novidade “Ollobradoiros en liña”. O prazo de inscrición dos traballos remata o 14 de maio. Podes consultar as bases completas premendo aquí.
09/02/2021. AXUDAS E PREMIOS

Premios á innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional publican unha convocatoria dirixida aos centros de ensino de titularidade pública, para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2020-2021. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2.000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse no sitio web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de marzo de 2021. Podes ampliar esta información premendo aquí.

09/02/2021. AXUDAS E PREMIOS

Premio a proxectos de serie en galego

O Concello de Carballo convoca o Premio a proxectos de serie en galego 2021, no marco da oitava edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará entre o 8 e o 11 de setembro de 2021. O obxectivo deste certame é fomentar a creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en Internet. O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros e o prazo para presentar os proxectos remata o 31 de xullo de 2021. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
05/02/2021. DINAMIZACIóN

7 de febreiro: Día dos Medios en Galego

O vindeiro domingo, 7 de febreiro, celébrase en Galicia o Día dos Medios en Galego, co ánimo de conmemorar a publicación do xornal O Tío Marcos d´A Portela, que saíu por primeira vez á rúa o 7 de febreiro de 1876, converténdose na primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) festexa desde 2018 esta efeméride organizando diferentes actos de carácter lúdico e cultural. Neste 2021, por mor das restricións vixentes en materia sanitaria, a celebración farase en liña, en clave de LateNight, e poderá seguirse en directo. Podes manterte ao día sobre a data de emisión a través da páxina web da AMEGA.
05/02/2021. DINAMIZACIóN

Premio para os mellores vídeos de TikTok en galego

As concellarías de Lingua e de Mocidade do Concello de Ponteareas organizan o concurso #TikTokTea, dirixido aos mozos e mozas maiores de 13 anos, co ánimo de estimular a súa creatividade e fomentar a creación de vídeos en galego en TikTok, rede social de moda entre a mocidade. Os vídeos deben ser de creación propia, ter unha duración de entre 20 e 60 segundos, estar relacionados tematicamente con Ponteareas e neles debe usarse a lingua galega (de xeito oral, escrito ou musical). O prazo de inscrición remata o 17 de febreiro de 2021. Outorgaranse dous premios de 100 euros en cada categoría. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como consultar as bases do concurso, premendo aquí.
05/02/2021. OUTRAS

Novo suplemento temático para correctores ortográficos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela amplía a súa colección de suplementos temáticos para correctores ortográficos, que permiten ampliar o dicionario xeral que usa por defecto o corrector e engadir terminoloxía técnica centrada nunha determinada área de especialidade. Nesta ocasión engaden un novo suplemento temático de ciencias da saúde, que se une aos de economía e empresa; dereito e matemáticas. Os suplementos temáticos da USC funcionan en contornas Windows, Linux e macOS (Apple). O SNL da USC tamén elaborou un breve vídeo titorial para facilitar as tarefas de instalación.
05/02/2021. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de escrita dramática

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro en liña de escrita dramática, que ten como obxectivos desenvolver e potenciar as habilidades creativas en lingua galega e ofrecer as ferramentas necesarias para o entendemento e comprensión da dramaturxia. O obradoiro está dirixido a todas as persoas interesadas no teatro, sexan profesionais ou non. As sesións desenvolveranse os días 22 de febreiro; e 1, 8, 15, 22, 29 e 31 de marzo de 2021. A inscrición debe tramitarse a través deste formulario web, indicando como título “escrita dramática nivel 1”. Para consultar o programa preme aquí.
04/02/2021. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego en liña no Concello do Grove

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove organiza dous cursos de galego en liña, un de nivel inicial e outro de nivel máis avanzado (para o alumnado que xa teña coñecementos básicos do idioma). Os cursos está dirixidos a persoas adultas maiores de 16 anos, tanto galegas como de fóra de Galicia. O prazo de inscrición remata o 19 de febreiro de 2021. Para ampliar esta nova, preme aquí.
04/02/2021. DINAMIZACIóN

O programa Falamos incorpora novas actividades en liña

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presentan o plan de actividades do programa Falamos para este segundo cuadrimestre do curso. Falamos é un proxecto de dinamización lingüística deseñado para crear novos espazos de uso para o galego no campus de Pontevedra, que agora incorpora dúas novas actividades en liña: un ciclo de conversas virtuais sobre diferentes temáticas e uns encontros na rede social Instagram. Podes ampliar información premendo aquí.
03/02/2021. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial (niveis Celga 3 e 4) como na modalidade en liña (Celga 1, 2, 3, e 4). Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2021. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto do 4 ao 24 de febreiro de 2021. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
02/02/2021. CURSOS E CONGRESOS

Conclusións dos XXII Encontros para a Normalización Lingüística

Entre os días 13 e 19 de novembro de 2020 tiveron lugar os XXII Encontros para a Normalización Lingüística, que se desenvolveron en liña e tiveron como eixo temático a integración lingüística das persoas migrantes desde a perspectiva da cohesión social. Partindo das reflexións, debates e comentarios realizados nas diferentes sesións de traballo, a Comisión Técnica do CDSG elaborou un documento de conclusións que cre pertinente facer de dominio público. Se non tiveches ocasión de seguilos en directo, podes acceder en liña a todos os vídeos dos XXII Encontros, tanto a través da páxina web do CCG como da súa canle de Youtube.

01/02/2021. DINAMIZACIóN

IV Certame de Microrrelatos

A Asociación Puntogal e a Real Academia Galega presentan a cuarta edición do Certame de Microrrelatos, que organizan conxuntamente desde 2018 para fomentar o presenza do idioma galego e da identidade propia no eido dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 28 de febreiro de 2021. A organización deste certame coincide coa nova campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
27/01/2021. EMPREGO

Manual sobre os procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publica o Manual de procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística, unha guía elaborada por Andrea Garrido Juncal e Carla Casanueva Muruais, especialistas en Dereito Administrativo, pensando principalmente nas administracións locais. O obxectivo é que as persoas aspirantes a estas prazas poidan coñecer o funcionamento dos procesos selectivos desde a perspectiva xurídica. Así mesmo, o documento tamén é útil para as administracións convocantes, pois compila a principal normativa aplicable aos procesos selectivos e achega recomendacións para desenvolver convocatorias de emprego. Para ampliar esta información, preme aquí.
26/01/2021. INVESTIGACIóN

A UVigo promove a divulgación científica no ensino secundario

A Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo presentan unha serie de guías didácticas elaboradas ao abeiro da iniciativa En Galego! Investigación e divulgación científica . O obxectivo é divulgar entre o estudantado de ensino secundario o resultado das investigacións desenvolvidas na UVigo. Neste momento están accesibles en liña os seguintes títulos (edición dixital): Procesos de separación, A saúde e os coidados no camiño miñoto ribeiro, Máis aló do prato. Analizando a dieta alimentaria na miña contorna e En galego 24/7. Da minorización ao neofalantismo. A maiores, todos os centros de educación secundaria das provincias de Ourense e Pontevedra recibirán unha copia destas guías editadas en papel. Para ampliar esta nova, preme aquí.
26/01/2021. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol publica as bases para a selección dun técnico/a de normalización de lingüística (persoal funcionario interino), que desenvolverá o seu traballo nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño de forma itinerante. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que acrediten o Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 8 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
26/01/2021. DINAMIZACIóN

IX edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0

A Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, organiza a IX edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático, así como a creatividade do alumnado. O certame está dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato e ciclos de Formación Profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Para participar cómpre realizar un vídeo, dunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, onde se explique en galego un tema relacionado coas matemáticas. O xurado outorgará tres premios de 200 euros e haberá un cuarto premio, de 100 euros, para o vídeo mellor valorado polos internautas . O prazo para enviar os proxectos remata o 26 de marzo de 2021.
20/01/2021. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2020 pon o foco nos procesos de estandarización

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega, organiza o Simposio ILG 2020, que debido á situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola pandemia da Covid-19 non puido celebrarse o ano pasado e terá lugar neste 2021, entre os días 8 e 25 de febreiro. Nesta edición, o tema que centrará as diferentes intervencións e debates será o seguinte: “Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas”. A maior parte das intervencións serán gravadas previamente e con posterioridade, nos días sinalados no programa, celebraranse os debates en liña. A maiores, dúas sesións celebraranse de xeito presencial no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC e serán transmitidas en directo. O prazo de inscrición remata o 4 de febreiro de 2021.