O Campus Terra e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentan a quinta edición de “DivulgaTerra. Petiscos de divulgación científica”, unha iniciativa deseñada para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos investigadores/as do Campus Terra e promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica. As sesións terán lugar os días 1 e 3 de decembro de 2020, a partir das 19,30 h, na Casa do Saber (praza de Pío XII, Lugo). Se desexas asistir presencialmente, podes enviar a túa solicitude (para dúas persoas como máximo) a a cultura.lugo@usc.es a partir do 27 de novembro. As dúas sesións serán retransmitidas en directo na canle de YouTube do Campus Terra.
23/11/2020. DINAMIZACIóN
23/11/2020. DINAMIZACIóN
O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésimo primeira edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial. Nesta edición engádese ás bases da convocatoria unha nova categoría, "empresa innovadora no uso do galego", que se suma ás outras dúas que xa se incluían en edicións anteriores: "empresa cun uso continuado da lingua galega" e "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega". O xurado dará a coñecer as empresas gañadoras o 21 de decembro de 2020.
No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
23/11/2020. INVESTIGACIóN
Cando se cumpren xa 29 anos da súa creación, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) quere deixar constancia do seu compromiso fundacional co uso da lingua galega coa presentación da obra O mundo en galego. Comprender o global desde aquí. Trátase dunha publicación na que 17 analistas e especialistas galegos/as de recoñecido prestixio internacional reflexionan sobre a conveniencia de presentar a Galicia no exterior partindo do idioma galego, como parte consubstancial á nosa identidade. No web do IGADI podes obter máis información sobre esta iniciativa.
20/11/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA) da Universidade da Coruña organiza unha xornada de debate académico sobre os neofalantes e as súas características lingüísticas. O encontro, no que participarán diferentes especialistas en neofalantismo, terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da UDC o vindeiro 27 de novembro de 2020. Todas as sesións serán presenciais. Para obter máis información, preme aquí.
20/11/2020. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha nova edición do LGx15, unha iniciativa deseñada para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Este ano os participantes serán Ángel Carracedo, Laura Marín, Verto, Adrián Dios, Bea Campos, Esther Estévez e Manuel Gago. Nesta ocasión, debido á actual situación de emerxencia sanitaria, o evento non será presencial pero terás igualmente a ocasión de ver en liña todos os vídeos dos/as participantes, que se farán públicos nestas datas. Tamén podes ver as intervencións das edicións anteriores na canle de Youtube da CTNL.
19/11/2020. CURSOS E CONGRESOS
Transcorrida unha década desde a aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, o Consello da Cultura Galega quere contribuír ao debate sosegado sobre a educación plurilingüe, analizando o concepto desde a perspectiva das linguas minorizadas e das comunidades bilingües, e ofrecendo experiencias e datos do que está a acontecer no ámbito do ensino en Galicia. Con este obxectivo, o vindeiros días 3 e 10 de decembro de 2020 terán lugar os debates en liña "Educación prulingüe: achegas para o debate", que poderás seguir en directo desde a páxina web do CCG, e participar enviando as preguntas a participa@consellodacultura.gal. Os vídeos das intervencións, gravados previamente, estarán accesibles en liña tres días antes da celebración de cada sesión de debate.
13/11/2020. CURSOS E CONGRESOS
Xa tes ao teu dispor na páxina web do CCG todos os vídeos coas intervencións dos XXII Encontros para a Normalización Lingüística, onde diferentes profesionais, representantes políticos e expertos/as dos ámbitos da socioloxía e da planificación lingüística reflexionan sobre a integración lingüística das persoas migrantes. A partir de agora, se desexas participar nas diferentes sesións de debate que terán lugar entre os días 16 e 19 de novembro de 2020, podes enviar as túas preguntas ao enderezo participa@consellodacultura.gal.
13/11/2020. OUTRAS
A Real Academia Galega presenta a listaxe cos nomes oficiais en lingua galega das oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional. O traballo, froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía da RAG e o equipo composto por Salvador Bará, Martin Pawley e Dosi Veiga, constitúe un importante pulo para a normalización do galego no eido da comunicación e divulgación científicas. Podes ampliar esta información premendo aquí.
09/11/2020. CURSOS E CONGRESOS
Desde o CDSG retomamos a vixésimo segunda edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que foron adiados o pasado mes de abril por mor da pandemia da Covid-19 e que agora presentamos nun novo formato virtual adaptado ás actuais circunstancias sanitarias. Tal e como avanzamos no seu día, o fío condutor desta edición será a integración lingüística das persoas migrantes como ferramenta de cohesión social.
As intervencións, gravadas con antelación, estarán accesibles na Rede o vindeiro 13 de novembro de 2020. Posteriormente, entre os días 16 e 19 de novembro terán lugar as sesións de debate que se indican no programa, que serán retransmitidas en directo a través do sitio web do CCG. Se desexas particiar nestes debates, abertos ao público sen inscrición previa, podes facelo enviando as túas preguntas ao enderezo participa@consellodacultura.gal.
As intervencións, gravadas con antelación, estarán accesibles na Rede o vindeiro 13 de novembro de 2020. Posteriormente, entre os días 16 e 19 de novembro terán lugar as sesións de debate que se indican no programa, que serán retransmitidas en directo a través do sitio web do CCG. Se desexas particiar nestes debates, abertos ao público sen inscrición previa, podes facelo enviando as túas preguntas ao enderezo participa@consellodacultura.gal.
09/11/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan o I Certame #GaleTikTokers, co obxectivo de estimular a creatividade e fomentar a creación de vídeos en galego entre a mocidade, nomeadamente entre a comunidade de tiktokers. Poden participar no certame todas as mozas e mozos amesáns a partir de 14 anos, de xeito individual ou en parellas. Os vídeos deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok, e teñen que estar en lingua galega (con presenza oral, escrita ou musical). En cada categoría outorgaranse dous premios (premio do público e premio do xurado) de 150 euros cada un. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2020. Para ampliar información, preme aquí.
04/11/2020. CURSOS E CONGRESOS
A edición en linguas minorizadas será o fío condutor da décimo sétima edición do Simposio “O libro e a lectura”, que organiza anualmente a Asociación Galega de Editoras (AGE) e que nesta ocasión, debido ás restricións sanitarias, non contará con público presencial. O acto difundirase en directo desde o auditorio do Consello da Cultura Galega, mañá 5 de novembro de 2020, e poderás seguilo na canle de Youtube da AGE. Diferentes representantes das editoras galegas independentes e as presidencias dos gremios e asociacións de editores de Catalunya, Valencia e Euskadi reflexionarán sobre a situación da edición en galego, catalán e éuscaro. Para coñecer o programa completo, preme aquí.
02/11/2020. DINAMIZACIóN
O Correlingua, iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego, festexerá os seus vinte anos de traxectoria cun programa de actividades que se desenvolverán durante o mes de novembro en doce centros escolares. Baixo o lema “Vinte coa lingua!”, nesta vixésima edición celebranse de xeito presencial 16 actuacións, que tamén serán retransmitidas na Rede para que todos os centros escolares que o desexen teñan a posibilidade de asistir de xeito virtual. Para ampliar información, preme aquí.
02/11/2020. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica a convocatoria de 8 bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas dos centros de estudos galegos de diferentes universidades (Barcelona, Estremadura, Granada, Madrid, Lisboa, Padua, Río de Janeiro e São Paulo). O programa de formación das persoas seleccionadas terá unha duración máxima de 3 anos. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
30/10/2020. DINAMIZACIóN
O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os gañadores da edición deste ano 2020. Os premiados son a Asociación Cultural Vagalumes, na modalidade “A Estrada e comarca de Terra de Montes” e a agrupación musical A Banda da Loba na modalidade “Galicia enteira”. Os premios entregaranse o vindeiro 13 de novembro no transcurso dunha rolda de prensa, no Teatro Principal da Estrada. Para obter máis información, preme aquí.
29/10/2020. DINAMIZACIóN
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha nova edición do seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar mañá, 30 de outubro de 2020, ás 19:30 h, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O programa deste ano recolle a innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo e no repertorio ofrecerannos un diálogo entre a música e a literatura galegas con pezas de Fernando Buide del Real, de Xan Viaño e de César Morán. Para pechar o programa asistiremos á estrea dunha nova peza, encargada a Nani García, sobre un poema de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020. Dadas as circunstancias especiais que estamos a vivir por mor da pandemia da Covid-19, nesta edición non haberá público presencial na sala mais o concerto emitirase en directo e poderase seguir desde a páxina web do CCG.
29/10/2020. DINAMIZACIóN
A Xunta de Galicia organiza unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, co obxectivo de difundir a divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado polo manifesto dun científico/a galego/a e nesta edición asínao o biólogo e divulgador científico Xurxo Mariño. A maiores, tamén atoparás en Internet unha compilación de materiais didácticos en galego de temática científica, unha escolma de traballos realizados pola comunidade educativa e mais unha colección de imaxes en Pinterest coas portadas de libros informativos de interese para as bibliotecas escolares.
29/10/2020. OUTRAS
O proxecto Youtubeir@s elaborou unha breve guía de recursos en Youtube, dirixida á comunidade educativa, cunha selección de vídeos de carácter didáctico sobre diferentes áreas do saber (ciencia, plástica, literatura e lingua, música, natureza…). O obxectivo é que, inspirándose nos diferentes proxectos e canles seleccionadas, tanto o profesorado como o alumnado se anime a aproveitar o Youtube como ferramenta para a transmisión de coñecementos educativos e a crear os seus propios contidos en lingua galega.
27/10/2020. OUTRAS
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, en colaboración coa Área de Normalización Lingüística desta universidade, organiza o ciclo de coloquios Redes Galegas, que se desenvolverá de xeito virtual, a través do Campus Remoto, os dias 29 de outubro e 5 e 12 de novembro de 2020. Trátase de tres sesións de debate nas que diferentes profesionais do ámbito da comunicación dixital (Mario Brión, María Yáñez, Adriana Villamisar, Pilar Ponte, David Sousa e María Reimunde) reflexionarán sobre a presenza da cultura galega en Internet e sobre o aproveitamento das redes sociais para a promoción do galego entre as xeracións máis novas. Podes ampliar información premendo aquí.
27/10/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) retoma o prazo de inscrición na segunda edición dos Premios Mil Primaveras, que fora interrompido o pasado mes de marzo por mor da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. O obxectivo destes premios é recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos de promoción do uso e prestixio do galego, desenvolvidos total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020. O novo prazo para a inscrición das iniciativas, que debe ser feita pola propia entidade organizadora, remata o 31 de xaneiro de 2021. Os proxectos presentados con anterioridade á interrupción do prazo, non teñen que inscribirse de novo. Para ampliar información preme aquí.
27/10/2020. DINAMIZACIóN
A Deputación de Pontevedra publica dúas convocatorias de axudas, unha dirixida a entidades sen fin de lucro e outra dirixida a concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, para desenvolver actividades de promoción e dinamización da lingua galega durante o ano 2020. As accións subvencionables deben pertencer a algunha das seguintes tipoloxías: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos de sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; iniciativas de dinamización comercial en galego; iniciativas de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego. En ambos os dous casos, o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da respectiva convocatoria.
26/10/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación da Coruña organiza unha nova edición das Xornadas Malas Linguas, dirixidas principalmente ás persoas que traballan no ámbito da normalización lingüística e das políticas públicas, co obxectivo de deseñar estratexias para activar os/as falantes do século XXI. Neste 2020 as xornadas son en formato virtual e estrutúranse en dúas sesións abertas, que se desenvolverán os días 10 e 12 de novembro entre as 17:00 e as 19:00 horas, e unha sesión de traballo interna, restrinxida ao persoal técnico dos SNL, que terá lugar o 17 de novembro, de 10:00 a 11:30 horas. As sesións abertas poderanse seguir libremente a través de Youtube, mais para particiar no encontro ao vivo en Zoom cómpre inscrición previa.
23/10/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela organiza a décimo terceira edición da Xornada “Os recursos educativos en galego”, que nesta ocasión terá como fío condutor a cuestión da igualdade e o xénero. As sesións terán lugar o 25 de novembro de 2020, en horario de 16:00 a 19:30 horas, mediante videoconferencia a través de Lifesize. O prazo de inscrición remata o 19 de novembro. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
13/10/2020. DINAMIZACIóN
O Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Ferrol, organiza o evento “Ferrol, 1916: homenaxe a Ricardo Carballo Calero”, no que se estreará Ferrol 1916, impromptu fantasía composto por Miguel Brotóns para soprano e piano, inspirado no poema homónimo de Ricardo Carballo Calero. A maiores, tamén se presentará a edición facsimilar da obra A farsa das zocas, peza teatral do autor ferrolán, que inclúe un estudo introdutorio do profesor Carlos Biscaínho. O acto terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o 14 de outubro de 2020 ás 19:30 horas. A entrada é gratuíta e os convites están dispoñibles no despacho de billetes do propio Teatro Jofre. Para ampliar información preme aquí.
09/10/2020. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié, coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, convocan o Concurso Olla a Palabra do Día!, co obxectivo de promover o léxico galego entre o alumnado e potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o pensamento visual. O certame está dirixido ao alumnado de educación infantil, primaria e ESO de todos os centros educativos de Galicia, que deberán transformar en linguaxe visual as palabras do día do Portal das Palabras dunha das semanas comprendidas entre o 5 de outubro e o 1 de novembro de 2020. O prazo para a presentación dos traballos comeza o 1 de novembro e remata o 1 de decembro de 2020. Para coñecer as bases completas preme aquí.
09/10/2020. OUTRAS
O Departamento de Tecnoloxía do IES de Soutomaior pon ao dispor de toda a comunidade educativa unha serie de infografías en lingua galega con indicacións básicas para o uso das TIC no ámbito educativo. No seu web atoparás, accesibles para descarga en formato .jpg ou .pdf, as indicacións básicas que o alumnado precisa para poder enviar un correo electrónico, facer fotos das tarefas, saber indentificar os principais tipos de arquivos e aprender a gardalos.
08/10/2020. DINAMIZACIóN
Mañá, 9 de outubro de 2020, inaugúrase na Coruña Filmesturas, un festival de curtametraxes rodadas en linguas minorizadas que se celebrará entre os días 9 e 12 de outubro nos concellos da Coruña, Sada, Oleiros e Cambre. Os asistentes terán a oportunidade de visionar obras en galego, catalán, éuscaro, quechua, tagalo, afrikaans ou samoano. Como actividade complementaria ás proxeccións, diferentes profesionais da interpretación, o ensino e a normalización lingüística reflexionarán sobre a vertente sociolóxica, educativa e lingüística do audiovisual. Podes coñecer a programación completa do certame premendo aquí.
07/10/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para o mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística.
07/10/2020. INVESTIGACIóN
Xa podes consultar en liña o Dicionario castelán-galego en liña de Rinoceronte Editora, con máis de 27.000 entradas, que recolle todas as do Dicionario Castelán-Galego publicado pola RAG en 2004 e, a maiores, engade abundante fraseoloxía e uns 2.500 topónimos do mundo. Trátase dunha nova ferramenta lexicográfica, accesible de balde na rede, en continuo proceso de actualización, polo que os editores convidan aos usuarios/as a colaborar enviando as súas achegas.
07/10/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) organiza un curso de improvisación oral en verso que ten como obxectivos, entre outros, fomentar entre o alumnado o interese polo noso patrimonio cultural, nomeadamente pola poesía oral improvisada; así como aumentar as competencias lingüísticas e escénicas na expresión oral e na dimensión lúdica da lingua. As sesións desenvolveranse entre os meses de outubro de 2020 e maio de 2021 no Auditorio do Mar de Vigo. A inscrición é gratuíta e debe tramitarse a través deste formulario web, indicando no título “improvisación en verso”. Podes ampliar información sobre os obxectivos e os contidos do curso premendo aquí.
07/10/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Redondela está a desenvolver novas medidas de promoción do uso do galego en diferentes ámbitos do sector socioeconómico do municipio. No pasado mes de setembro o Concello de Redondela e a Confraría de Pescadores de San Xoán de Redondela asinaron un convenio para promover o uso do galego na lonxa de Cesantes, un espazo onde o galego xa é a lingua maioritaria dos usuarios/as mais ten escasa presenza na documentación administrativa e nos carteis informativos. Así mesmo, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela, distribuíronse entre os establecementos de hostalaría redondeláns 50.000 manteis de papel dun só uso con léxico galego. Nos vindeiros meses, o SNL ten previsto continuar a desenvolver accións dirixidas á normalización lingüística no ámbito socioeconómico. Para ampliar esta nova, preme aquí.

