Novas da lingua

Rexistros1861 a 1890 de 5145
14/05/2020. DINAMIZACIóN

Queremos Galego convoca a cidadanía para manifestarse a prol do galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a colectivos de diferentes ámbitos e mais a persoas a título individual, organiza para o vindeiro 17 de maio diferentes actos reivindicativos a prol da normalización do galego, coincidindo coa festividade das Letras Galegas. Este ano, por mor da Covid-19, non se celebrará a tradicional manifestación polas rúas de Santiago, polo que Queremos Galego convida a cidadanía a manifestar o seu compromiso co noso idioma pendurando nas súas xanelas e varandas, ou subindo ás redes sociais, diferentes modelos de carteis co lema “Precisamos galego: xustiza, igualdade e cohesión”. A maiores, o mesmo 17 de maio, ás 11:30 h, un pequeno grupo de persoas, en representación da plataforma, celebrará unha ofrenda floral no busto de Carvalho Calero en Santiago, onde se lerá o manifesto, redactado pola profesora Pilar García Negro.
14/05/2020. DINAMIZACIóN

A AGAL presenta unha páxina web sobre Ricardo Carvalho Calero

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) presenta a páxina web Ricardo Carvalho Calero. Construtor do Galego. Nela atoparás información sobre a vida e a obra deste autor, ao que se lle dedica neste ano 2020 o Día das Letras Galegas, e unha sección de recursos con unidades didácticas para o ensino, pezas audiovisuais ou unha análise da novela Scórpio sobre os episodios biográficos inspirados na vida do propio autor. Así mesmo, ofrece información sobre os eventos que se están a organizar en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, tanto os promovidos pola AGAL (concursos literarios e musicais, exposicións, lecturas colectivas…), como os promovidos por outras institucións e entidades galegas.
12/05/2020. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan agrupado de formación continua. O programa formativo inclúe os seguintes cursos de contidos lingüísticos: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública” e “Linguaxe inclusiva nos documentos administrativos”. O prazo de inscrición comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e rematará dez días antes do comezo da acción formativa.
11/05/2020. DINAMIZACIóN

O IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo planifica o desconfinamento do galego

Nestes días nos que está a ser actualidade informativa o plan de desconfinamento progresivo da poboación por mor da pandemia da Covid-19, o Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo) preséntanos o seu propio Plan de desconfinamento da lingua galega, un documento marco deseñado para implementar de forma voluntaria, asimétrica, gradual e coordinada. No documento ofrécense unha serie de medidas, co seu respectivo cronograma, para que o alumnado desenvolva en catro fases coa axuda do profesorado. O obxectivo é desconfinar gradualmente o galego ata que a rapazada acade unha nova normalidade lingüística.
11/05/2020. DINAMIZACIóN

A etiquetaxe en galego como marca de calidade

O Foro Peinador, a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e a Xunta de Galicia están a difundir estes días nas redes sociais a campaña “Con acento propio”, que ten como obxectivo que a cidadanía identifique o uso do galego na etiquetaxe de produtos alimentarios como unha marca de calidade, apostando decididamente polo comercio de proximidade, directamente ligado á fixación de poboación e á creación de emprego no ámbito rural. Na
páxina de Facebook de Galeguizar Galicia poderás coñecer todas as persoas (que en representación do eido empresarial e cultural galego) se foron adherindo a esta iniciativa con diferentes mensaxes de apoio.
11/05/2020. DINAMIZACIóN

Coñece as 50 canles de Youtube en galego máis populares

A canle de Youtube A Lobeira Today ofrece a súa particular lista das 50 canles de Youtube en galego máis populares. Nesta primeira entrega poderás coñecer cales son a día de hoxe esas 50 canles de Youtube de “carácter persoal” con máis subscritores/as que, ademais, cumpren os seguintes requisitos: apostan polo idioma galego como vehículo de comunicación e publicaron polo menos un vídeo no último ano. Segundo informa o promotor da iniciativa, a listaxe irase actualizando cunha periodicidade trimestral.

05/05/2020. INVESTIGACIóN

Novos datos sobre competencia lingüística e actitudes cara ao portugués en Galicia

Co gallo da celebración do Día Mundial da Língua Portuguesa (instaurado pola Unesco en novembro de 2019), o Consello da Cultura Galega publica o informe “O valor do portugués en Galicia: competencia plurilingüe, utilidade e actitudes”, un estudo estatístico realizado durante os meses de xullo e agosto de 2019 sobre a competencia da poboación galega en idiomas estranxeiros, con especial atención ao portugués, así como sobre as actitudes cara a esta lingua e os seus incentivos para aprendela. Entre as conclusións do estudo saliéntase que o portugués é, despois do inglés, o segundo idioma estranxeiro no que unha maior porcentaxe da poboación galega afirma ter algún tipo de competencia (o 60% dos galegos/as afirma ter competencia en portugués), malia que só un 18% afirma ter un dominio medio-alto ou alto. Entre os datos máis preocupantes estaría a escasa utilidade que se lle atribúe ao portugués en relación con outros idiomas, pois só o 54% dos galegos/as consideran que o portugués é moi ou bastante útil.
05/05/2020. OUTRAS

As palabras que puxo de actualidade a Covid-19

A actual pandemia da Covid-19 que estamos a padecer puxo de actualidade algúns termos que xa usabamos en galego (tose, enxaboar, corentena…) e outros novos que trouxo consigo a pandemia, coma o propio nome da enfermidade: Covid-19. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames está a difundir nas redes sociais un cartel didáctico que che axudará a empregar todos estes termos en galego correctamente.
05/05/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a comunicación comercial en galego

O Concello de Santiago de Compostela presenta unha nova edición do programa “Coidar para mellorar”, que inclúe varias convocatorias destinadas a fornecer asesoramento especializado e axudas económicas ao comercio local. En concreto, tanto a “convocatoria de axudas para a mellora e innovación do comercio local” como a “convocatoria de concesión de cheques de consultoría” inclúen cadansúa liña de axudas específicas para a comunicación comercial en galego (ben na modalidade de subvención, ou ben na modalidade de cheque de consultoría). O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, que comezarán a contar cando se publiquen as bases no BOP da Coruña (convocatoria para cheques de consultoría e convocatoria para a mellora e innovación do comercio local). Para obter máis información, preme aquí.
04/05/2020. CURSOS E CONGRESOS

Curso de lingua galega en Nós Diario

O xornal Nós Diario incluirá nas súas páxinas interiores a partir de mañá, 5 de maio de 2020, un curso de lingua galega elaborado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. O curso, dirixido a todos os públicos, consta de 15 temas que teñen como fío condutor a corrección das interferencias lingüísticas, contribuíndo deste xeito á mellora da calidade do noso idioma. Podes ampliar información premendo aquí.
29/04/2020. AXUDAS E PREMIOS

IX Premios “Somos a curta!”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca a novena edición dos Premios “Somos a curta!”, que premian as mellores pezas audiovisuais curtas en galego do cinema do real. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a análise da realidade galega e promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual. O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia. O xurado outorgará dous premios, de 500 e 250 euros respectivamente, e diploma honorífico. Haberá tamén un premio do público, dotado dun diploma honorífico. O prazo de presentación das propostas remata o 16 de outubro de 2020.
28/04/2020. DINAMIZACIóN

30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer

Nel Vidal Barral, profesor da materia de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario, preséntanos un novo recurso educativo elaborado para que os mozos e mozas coñezan a diversidade de grupos e artistas que actualmente fan música en galego. Trátase do vídeo 30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer, accesible en Youtube, que presenta de xeito didáctico unha selección de propostas musicais en lingua galega de estilos tan diversos coma o pop, o hip hop, o rock, a música tradicional, o trap ou a música electrónica.

21/04/2020. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do proxecto Youtubeir@s

Dez concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan a cuarta edición do proxecto Youtubeir@s, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 14 anos que ten como obxectivos fomentar a produción de vídeos en galego de temáticas diversas e dar visibilidade á comunidade youtubeira. Pódese participar presentado vídeo(s) e/ou unha canle de Youtube. Todos os vídeos inscritos (tanto os presentados de xeito individual coma os integrados nunha canle) teñen que estar publicados, sen restricións de privacidade, con data posterior ao 27 de setembro de 2019 e ter na descrición os cancelos #youtubeiras #youtubeiros. Outorgaranse 12 premios: 3 principais, valorados en 1000€ cada un; e 9 premios de 500€ cada un.
O prazo de inscrición dos vídeos e canles comeza o 27 de maio de 2020 e remata o 23 de outubro de 2020. Podes consultar as bases completas do concurso premendo aquí.
15/04/2020. DINAMIZACIóN

Baía Edicións convídate a quedar lendo na casa

Co obxectivo de axudarlles a superar o confinamento aos máis novos/as da casa, Baía Edicións presentou a finais do pasado mes de marzo a campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa, facilitando o libre acceso en formato dixital a unha selección de 10 títulos de literatura infantil e xuvenil en lingua galega. As propostas de lectura, seleccionadas do catálogo de publicacións da editorial, están clasificadas segundo a idade dos seus destinatarios/as e podes descargalas desde a súa páxina web.

14/04/2020. DINAMIZACIóN

Certame de vídeos, podcast e regueifas para a xente nova

A Asociación de Medios en Galego convoca un certame de vídeos, podcast e regueifas, dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos de idade, que ten como obxectivo achegar a mocidade aos medios de comunicación e ao idioma galego. Os participantes poderán presentar os seus traballos de xeito individual ou por aulas (da ESO, Bacharelato ou Formación Profesional). Os vídeos ou podcasts, dunha duración máxima de 4 minutos, deben amosar experiencias positivas da mocidade co idioma galego, desde unha perspectiva alternativa ao que se acostuma a transmitir nos medios. O prazo de presentación remata o 30 de setembro de 2020. O xurado entregará diferentes premios entre os traballos gañadores: 1000 euros en metálico e un dia de rodaxe coa produtora Vaca Films (primeiro premio), unha tableta valorada en 300 euros (segundo premio), un móbil de última xeración (terceiro premio) e unha cámara de gravación con micrófono (premio especial).

13/04/2020. DINAMIZACIóN

A RAG e o CCG adían ata outubro os actos de celebración das Letras Galegas

A Real Academia Galega (RAG) emitiu un comunicado no que fai público que, ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas en homenaxe a Ricardo Carballo Calero, que estaba previsto para o domingo 17 de maio, trasládase ao sábado 31 de outubro, coincidindo co 110 aniversario do nacemento do autor homenaxeado. En consonancia con esta decisión, o Consello da Cultura Galega (CCG) tamén acordou adiar o seu tradicional Concerto das Letras Galegas ata o 30 de outubro. Tanto o pleno extraordinario da RAG coma o Concerto das Letras Galegas que organiza o CCG terán lugar no Teatro Jofre de Ferrol.
13/04/2020. INVESTIGACIóN

Accesible en liña a obra “O idioma da igrexa en Galicia”

O Consello da Cultura Galega publica a versión dixital da obra O idioma da igrexa en Galicia, un estudo elaborado por Daniel López Muñoz en 1989 no que se analiza a realidade sociolingüística da Igrexa Católica a finais da década dos oitenta. Se desexas continuar afondando neste tema, dentro da colección de publicacións do CCG tamén tes ao teu dispor en formato dixital outros títulos como A igrexa e a lingua galega, un ensaio de 1987 no que Xesús Ferro Ruibal estuda o significado social e teolóxico dos usos lingüísticos na Igrexa, ou Receptividade do galego na liturxia, un informe sobre as opinións e actitudes relacionadas coa introdución do galego como idioma vehicular na liturxia, elaborado por Daniel López Muñoz e Bernardo García Cendán no ano 2000.
03/04/2020. CURSOS E CONGRESOS

Programa de autoformación para empregados públicos

A Escola Galega de Administración Pública convoca o programa de autoformación para os empregados públicos e as empregadas públicas destinados/as nas administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da comunidade autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG). Na área de comunicación ofértanse os seguintes cursos con contidos lingüísticos: “Como deseñar presentacións eficaces. Contidos”, “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública. Contidos” e “Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos. Contidos”. A inscrición para acceder aos contidos pode facerse ata o 20 de decembro de 2020. No caso de querer participar nas probas de avaliación, o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/04/2020. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para os máis pequenos da casa

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia presenta o blog A Escola Infantil na casa, unha iniciativa dirixida aos nenos e nenas de 0 a 3 anos, ás súas familias e aos profesionais de educación infantil. As familias atoparán neste blog recursos e experiencias educativas que poderán desenvolver cos máis pequenos/as da casa mentres dure o tempo de confinamento por mor da covid-19.
26/03/2020. OUTRAS

O CCG presenta un especial sobre Ricardo Carballo Calero

Coincidindo co 30 cabodano do falecemento de Ricardo Carballo Calero, o Consello da Cultura Galega publica un especial en liña sobre este autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano 2020 o Día das Letras Galegas. Neste sitio web atoparás información biográfica, unha galería fotográfica (dos arquivos documentais do CCG e da RAG , e do fondo persoal do fotógrafo Moncho Rama), unha selección de audios (do fondo do Arquivo Sonoro de Galicia), un epistolario coa correspondencia cruzada entre Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, e un roteiro virtual por Santiago, Ferrol e Lugo que che permitirá coñecer os espazos nos que o autor homenaxeado desenvolveu a súa vida persoal e profesional.
25/03/2020. DINAMIZACIóN

Dálle ao pico e enreguéifate

Xa podes participar na V edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, que este ano está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo. O obxectivo da inciativa é difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso do galego. Os participantes deben presentar un vídeo en galego no que interactúen dúas persoas como mínimo, de temática libre e cunha duración máxima de 3 minutos. Establécense dúas categorías, unha para público xeral e outra para alumnado do ensino non universitario, e o xurado outorgará diferentes premios por cada categoría. O prazo de presentación dos vídeos remata o 29 de maio de 2020. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
24/03/2020. OUTRAS

A TVG estrea un bloque de contidos educativos en galego

A Televisión de Galicia estreou onte, 23 de marzo de 2020, un novo bloque de contidos educativos que emitirá de luns a venres pola canle G2, entre as 11:00 e as 13:00 horas, mentres os centros escolares permanezan pechados por mor do coronavirus. Os/as máis pequenos/as da casa poderán complementar as súas tarefas escolares coas series educativas Era unha vez... o home e Era unha vez... os exploradores, ou con Aquelando na casa, unha versión do programa de divulgación científica Aquelando. Para o alumnado de secundaria e bacharelato, emítese Xeoclip, unha serie de vídeos didácticos con contidos de xeoloxía, bioloxía e xeografía.
23/03/2020. DINAMIZACIóN

Nova edición do programa "Ben veñas, maio"

Ficar na casa non impide que os mozos e mozas poñan a andar toda a súa creatividade, polo que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello. Os participantes teñen de prazo ata o 20 de abril de 2020 para presentar os seus traballos e inscribirse nos diferentes certames: música, banda deseñada, narración curta, fotografía, poesía, curtametraxe e videoclip musical. A maiores, durante os días 5, 6 e 7 de maio celebrarase no Teatro Principal a XXIV Semana Teatral, onde se amosará o traballo realizado polos grupos de teatro dos institutos ao longo do curso. Podes consultar as bases do programa premendo aquí.
Aviso: esta actividade foi modificada.
20/03/2020. DINAMIZACIóN

Cinema, música e contos en galego para tempos de illamento

O tecido cultural galego está a contribuír coa súa creatividade e enxeño a ofrecer recursos culturais e de lecer para estes días nos que cómpre permanecer nas nosas casas. No eido audiovisual, o público adulto poderá ver de balde na rede durante esta fin de semana o filme A Esmorga (hoxe venres 20, ás 20:00 h, facilitarán a ligazón para o visionado) e o proxecto Novo Cinema Galego ofrece tamén no seu web un ciclo de filmes en aberto para facer máis levadeiro o illamento. Para os máis pequenos/as da casa tamén hai oferta de lecer, coma os Contos contados, de Kalandraka TV; os Cantos e contos dende o poleiro, da cooperativa Urdime; ou o Salón virtual do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
20/03/2020. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local galega. Entre a formación programada, ofértase un curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, na modalidade de teleformación, que se desenvolverá entre os días 14 e 30 de abril de 2020. O prazo de presentación das solicitudes é de oito días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
20/03/2020. DINAMIZACIóN

Recursos en galego para seguir aprendendo desde a casa

Co obxectivo de paliar as posibles dificultades que poida provocarlles tanto aos docentes como ao alumnado a situación de illamento que estamos a vivir a causa do coronavirus Covid-19, un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro está a promover o proxecto Aulas galegas, un sitio web que compila recursos didácticos en galego clasificados por materia e nivel educativo. Os promotores da iniciativa compartirán contidos educativos de elaboración propia e difundirán outros que xa están accesibles na rede. Trátase dun proxecto colaborativo ao que todas as persoas que o desexen poden adherirse e participar.
18/03/2020. CURSOS E CONGRESOS

XXXIII Cursos de verán de lingua e cultura galegas

A Real Academia Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña, organiza a trixésimo terceira edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas, dirixidos a persoas de fóra de Galicia interesadas na aprendizaxe do noso idioma. Os cursos, que se desenvolverán entre os días 2 e 24 de xullo de 2020, contan con diferentes niveis (elemental, medio e superior). O prazo de inscrición remata o 17 de abril de 2020.
Aviso: esta actividade foi cancelada ata xullo de 2021.
18/03/2020. EMPREGO

Prazas para profesorado de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso aos diferentes corpos de inspectores de ensino, profesores e mestres. Entre as prazas ofertadas para o corpo de profesores de ensino secundario inclúense 51 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. O proceso de selección será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/03/2020. OUTRAS

A Mesa presenta o informe anual de actividades da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano 2019 tramitáronse 318 expedientes de queixas, atendéronse 27 consultas e recibíronse 197 parabéns. Os dous principais motivos das queixas foron a exclusión e discriminación do galego (35,53%) e a deturpación da toponimia (35,22%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, o 45,28% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 32,70% a empresas de servizos, o 12,26% a institucións privadas e o 9,75% a entidades bancarias.
18/03/2020. OUTRAS

Adiamento dos XXII Encontros e peche temporal da actividade presencial

En cumprimento das medidas de prevención adoptadas pola Xunta de Galicia en relación co Coronavirus COVID-19, a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) acordou adiar temporalmente a realización dos XXII Encontros para a Normalización Lingüística. As novas datas nas que está previsto realizalos son o 1 e 2 de outubro de 2020.
Así mesmo, o CCG tamén suspende temporalmente a súa actividade presencial, polo que o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia permanecerá pechado ao público ata novo aviso. Seguiremos mantendo a actualización desta páxina web e, na medida das nosas posibilidades, atenderemos as demandas dos/as usuarios/as a través de Internet.