A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a vixésimo sexta edición dos Premios de Publicidade en Galego. Establécense cinco premios, un por cada unha das seguintes categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e un extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. O prazo de inscrición e de presentación dos traballos está aberto ata o 18 de outubro de 2019. Para consultar bases completas preme aquí.
18/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
18/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela organiza a XII Xornada "Os recursos educativos en galego”, que nesta edición se centrará na educación científica e a conexión coa natureza. O obxectivo é dar a coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega nesta área temática e promover a creación doutros novos adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia. A xornada terá lugar o 8 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte). O prazo de matrícula remata o 7 de outubro.
18/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o Curso de literatura de transmisión oral “Somos herdeiros”, dirixido a persoas maiores de 16 anos. O curso, de 20 horas de duración, está deseñado para difundir e poñer en valor o noso patrimonio oral (cantigas, refráns, lendas, contos...). As sesións terán lugar os martes e xoves do mes de outubro no Auditorio Mar de Vigo, de 18:00 a 20:00 horas. A inscrición é de balde. Para ampliar información preme aquí.
17/09/2019. INVESTIGACIóN
Hoxe, martes 17 de setembro, ás 19:30 h, terá lugar no Mosteiro de Santa María de Montederramo a presentación da obra “Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices”, autoría de Ramón Lorenzo. A obra contén preto de dous mil documentos do período que abrangue entre os anos 1124 e 1560, así como dous longos apéndices con dúas cartas executorias. No acto intervirán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Antonio Rodríguez, alcalde do Concello de Montederramo; Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega, e Ramón Lorenzo, autor do volume. Podes ampliar información premendo aquí.
17/09/2019. DINAMIZACIóN
O Campus Terra e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentan a cuarta edición de “DivulgaTerra. Petiscos de divulgación científica”, unha iniciativa deseñada para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos investigadores/as do Campus Terra e promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica. As sesións terán lugar no mes de novembro na Casa do Saber (Vicerreitoría do Campus de Lugo). O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de outubro de 2019.
17/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O SNL da Mancomunidade de Concellos de Ordes organiza sesión formativas para a preparación das probas Celga (niveis 2 e 4) que convocou o pasado 10 de setembro a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estas sesións terán unha duración de 20 horas e desenvolveranse entre o 8 de outubro e o 7 de novembro. Poden asistir todas as persoas interesadas que estean empadroadas nalgún dos concellos da Mancomunidade nos que o SNL presta o seu servizo (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo). O prazo de inscrición remata o 3 de outubro. Para resolver calquera dúbida ou ampliar información podes contactar co SNL da Mancomunidade.
17/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do II Premio “Luís Porteiro Garea” acordou entregar o galardón desta segunda edición ao catedrático emérito de Dereito Mercantil Xosé Antón Gómez Segade, polo seu compromiso coa lingua galega nas súas facetas de investigador e transmisor do coñecemento do dereito. A Universidade de Santiago de Compostela outorga este premio, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
13/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) anuncia o acto de entrega dos Premios Mil Primaveras 2019, promovidos por esta mesma entidade co obxectivo de recoñecer e difundir iniciativas, campañas ou proxectos destinados ao fomento do galego e ao incremento do seu uso e prestixio. Os seis proxectos escollidos polo xurado recibirán como galardón unha peza artística de barro de Buño acabado en esmaltes cerámicos, autoría de Nahuel Pérez. O acto, que estará conducido polos regueifeiros Lupe Blanco e Luís O Caruncho, terá lugar o vindeiro 21 de setembro, ás 11:30 h, na Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Para ampliar información preme aquí.
10/09/2019. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2 e 4). As probas realizaranse na segunda quincena de novembro de 2019 en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan as I Xornadas de toponimia no ensino, dirixidas ao profesorado dos centros de ensino de Ames. O obxectivo é que os docentes poidan empregar o patrimonio toponímico como ferramenta pedagóxica e como recurso para a normalización lingüística. As sesións desenvolveranse durante os días 18, 19 e 30 de setembro de 2019 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). O prazo de inscrición remata o vindeiro 11 de setembro. Para coñecer o programa completo e o procedemento da inscrición, preme
aquí.
aquí.
04/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura “En galego, co teu acento!”. Os obradoiros están dirixidos preferentemente a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e, en xeral, a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galegas. As sesións desenvolveranse nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro e novembro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de setembro de 2019. Podes ampliar información premendo aquí.
28/08/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega organiza, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, a cuarta edición da Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o 19 de outubro de 2019 no Museo de Pontevedra. A xornada, coordinada por Ana Boullón e Luz Méndez, centrarase nesta ocasión nos nomes das rúas. A entrada é libre ata completar aforo. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro. Para ampliar información, preme aquí.
26/08/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2019/2020. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 2 ata o 11 de setembro de 2019, para os cursos do primeiro cuadrimestre, e desde o 30 de decembro de 2019 ata o 10 de xaneiro de 2020, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
06/08/2019. AXUDAS E PREMIOS
A CTNL publica a documentación asociada ás iniciativas merecedoras de recoñecemento na primeira edición dos Premios Mil Primaveras. Para a concesión dos premios, establecéronse as seguintes categorías: proxecto novo; proxecto estabilizado; mellor comunicación e impacto; máis innovador; fomento do galego na infancia e/ou mocidade e fomento do galego nun ámbito sectorial. Accede a toda a información detallada no seu web.
31/07/2019. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade presentan este novo proxecto que combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero. Nós Contra a Violencia ofrece recursos e actividades, aptos para todos os públicos, que irán aumentando ao longo do ano. O programa vaise desenvolver a través dos concellos integrantes da Rede de Dinamización Lingüistica.
23/07/2019. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentan a oitava edición do programa O galego campa, deseñado para favorecer o uso do galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia e facilitarlle ao monitorado formación e recursos en lingua galega. A maiores, este ano desenvolverase tamén a dinámica "Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor", co obxectivo de introducir entre a mocidade a reflexión sobre a igualdade entre homes e mulleres, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero. O programa desenvolverase en 22 campamentos entre o 20 de xullo e o 8 de agosto de 2019. Para obter máis información sobre a iniciativa ou acceder ao repositorio de materiais didácticos, preme aquí.
17/07/2019.
A revista dixital de sociedade Vinte presenta unha breve peza documental de 15 minutos de duración sobre os usos lingüísticos da xente nova. En Vinte falando diferentes persoas pertencentes ao “universo Vinte” (deseño, edición, música, audiovisual, xornalismo, deporte...) reflexionan sobre os seus usos lingüísticos persoais, así como sobre a situación do idioma galego nos seus lugares de residencia e nos sectores profesionais nos que traballan.
17/07/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.
12/07/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
11/07/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) presenta o programa de cursos de improvisación oral en verso e de narración oral que ofertará entre outubro de 2019 e xuño de 2020. Estes cursos son gratuítos e as aulas terán lugar en horario de tarde na sede do CIOV (Instituto Municipal de Educación, camiño do Chouzo, 2). As solicitudes de inscrición deben tramitarse a través do formulario web que facilita o SNL do Concello de Vigo. Podes ampliar información sobre os obxectivos, metodoloxía e contidos dos cursos premendo aquí.
11/07/2019. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza, un ano máis, a súa xincana lingüística, dirixida ás nenas e nenos de 6 a 12 anos que participan nas actividades de conciliación do verán. O obxectivo é crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer, promovendo a comunicación oral e difundindo, de forma lúdica, vocabulario relacionado coas actividades deportivas. Os obradoiros desenvolveranse nos meses de xullo e agostos de 2019 nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade.
10/07/2019. AXUDAS E PREMIOS
As concellerías de Cultura, Lingua e Promoción Económica do Concello de Ponteareas convocan o I Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, para recoñecer publicamente o compromiso co uso do galego por parte de empresas, autónomos e profesionais que teñan a súa sede social ou un centro de actividade neste concello. Nesta primeira edición establécense tres categorías: “uso continuado da lingua galega”, “incorporación recente ao uso da lingua galega” e “traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”. As candidaturas (que poden ser presentadas polos propios responsables da empresa ou por outras persoas ou entidades), deben enviarse ao enderezo electrónico premioslinguaempresa@ponteareas.gal. Para ampliar a nova, preme aquí.
04/07/2019. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha para o proxecto “GEOARPAD-IV. Patrimonio cultural de la Eurorregión Galicia-Norte de Portugal: Valoración e Innovación”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de dous meses e medio, cunha xornada laboral a tempo parcial (25 horas semanais). O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo de 2019. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
04/07/2019. DINAMIZACIóN
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Parlamento de Galicia o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022, un documento que recolle 39 medidas, clasificadas en 9 áreas de intervención, para promover o uso do galego entre a poboación cunha idade comprendida entre os 14 e os 30 anos. O Goberno galego ten previsto implementar este plan nos vindeiros catro anos, coa colaboración de todos os sectores sociais (Administración local, medios de comunicación, partidos políticos, tecido asociativo e colectivos xuvenís) que teñen incidencia nos usos e actitudes da mocidade. Para ampliar esta información, preme aquí.
02/07/2019. OUTRAS
Xa podes consultar en liña a segunda edición do vocabulario “Terminoloxía de xestión da calidade”, elaborado no marco de Realiter (Rede Panlatina de Terminoloxía), que recolle 140 termos procedentes da Norma ISO 9000:2015, Quality management systems. Fundamentals and vocabulary. Trátase da actualización dunha primeira edición do ano 2010, que recolle as denominacións equivalentes en inglés e en sete linguas románicas (catalán, castelán, francés, galego, italiano, portugués e romanés), cos seus indicadores de categoría gramatical correspondentes.
02/07/2019. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa (dirixido ao público infantil, familiar e adulto), inclúe contos, monicreques, regueifa, obradoiros, xogos tradicionais, música, etc. As actividades comezan o 1 de xullo e rematan o 6 de agosto. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo de actividades (coas datas e lugares de realización).
27/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios Mil Primaveras deu a coñecer os seis proxectos gañadores da súa primeira edición, seleccionados entre as 47 candidaturas presentadas a concurso. Estes premios están promovidos pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua co obxectivo de recoñecer e difundir iniciativas, campañas ou proxectos destinados ao fomento do galego e ao incremento do seu uso e prestixio. Os gañadores desta edición son: Modelo Burela, na categoría de “mellor proxecto estabilizado”; Falemos de ti e min, na categoría de “mellor proxecto novo”; Desafío 48 h, na categoría de “mellor comunicación e impacto”; Youtubeir@s, na categoría de “proxecto máis innovador”; Eu presumo de galego, na categoría de “mellor proxecto de fomento de galego na infancia e/ou mocidade"; e Gciencia, na categoría de “mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial”. En breve estará disponible no sitio web do certame toda a documentación técnica das iniciativas premiadas.
27/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica as resolucións das axudas para os proxectos de fomento do galego dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario, para o curso escolar 2018/2019. Podes consultar as listaxes de centros beneficiarios aquí: centros galegos de titularidade pública; centro privados da Coruña; centros privados de Lugo, centros privados de Ourense, centros privados de Pontevedra.
24/06/2019. OUTRAS
O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 22 de xuño de 2019, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020 será Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), intelectual e académico que destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica. Na súa mocidade foi membro do Seminario de Estudos Galegos e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936. En 1958 ingresou na Real Academia Galega e uns anos despois, en 1965, incorporouse como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela, onde foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas e, desde 1972, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. A partir de mediados da década dos 70, pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa, converténdose nun intelectual de referencia para o reintegracionismo académico. Para ampliar esta información, preme aquí.
21/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do X Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados da súa décima edición. Nesta ocasión os premiados foron o xornal Gciencia, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o proxecto 21 Días co Galego, como recoñecemento ao seu traballo coa mocidade.

