Novas da lingua

Rexistros211 a 240 de 5273
08/07/2025. AXUDAS E PREMIOS

Concepción Losada, galardoada co Premio Luís Porteiro Garea

O xurado da oitava edición do Premio Luís Porteiro Garea acordou outorgar este galardón a Concepción Losada Vázquez, profesora da Área de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC e presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego. O xurado destaca o compromiso da profesora Losada coa galeguización de diferentes ámbitos e actividades da USC, considerándoa “un exemplo do uso da lingua para as promocións de profesores e estudantes mais novos”.

O premio Luís Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade.

No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.
08/07/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca tres cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador da UDC, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 22 de setembro e o 23 de novembro de 2025.

Os cursos, deseñados segundo o nivel de competencia previa do alumnado, son os seguintes: Curso Básico de Aproximación á Lingua Estándar, Curso de Actualización de Competencias Lingüísticas e Curso Superior de Competencias Lingüísticas. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 22 de xullo.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición.
08/07/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra resolve as axudas aos concellos para o fomento do galego

A Deputación de Pontevedra publica as axudas económicas concedidas aos concellos para a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística, así como a realización de actividades de dinamización da lingua galega.

Podes consultar a lista completa de entidades beneficiarias premendo aquí.
08/07/2025. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega para o ano 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2025, nas seguintes modalidades: Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. O premio da modalidade de Lingua está dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. [Ampliación de prazo de presentación de candidaturas ata o 22 de setembro de 2025]
07/07/2025. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña comeza unha nova campaña para combater prexuízos lingüísticos

#NaLinguaConOrgullo é o lema da nova campaña coa que a Deputación da Coruña nos convida, a través das súas redes sociais, a reflexionar sobre algúns dos tópicos e prexuízos lingüísticos máis arraigados na sociedade.

No marco desta iniciativa, distribuiranse tamén entre o profesorado un conxunto de materiais pedagóxicos interactivos, deseñados para acompañar unha sesión didáctica nas aulas sobre o libro Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
04/07/2025. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos gañadores de “Explícoche matemáticas 2.0”, edición de 2025

O xurado do certame “Explícoche matemáticas 2.0” fixo públicos os traballos gañadores da edición de 2025. Trátase dun concurso organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático entre o alumnado de 2º Ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional.

Nesta edición foi galardoado co primeiro premio (dotado con 350 euros) o vídeo “Xogando a aproximar Pi”, autoría de Antía Fernández Paulos, alumna do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa). O segundo premio (dotado con 250 euros) foi para o traballo “A tartaruga de Fleury”, de Adrián Arnoso Bermúdez, Manuel Díaz Sánchez e Saúl López Souto, alumnos do IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes máis información sobre esta iniciativa.
01/07/2025. DINAMIZACIóN

Bota a andar o proceso social Lingua Vital

Arredor de 60 entidades galegas de diferentes ámbitos constituíron a pasada fin de semana en Santiago de Compostela o proceso social Lingua Vital, para “conseguir avances na normalización da lingua galega” e “garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos”.

No último trimestre deste ano 2025, as entidades promotoras constituirán diferentes grupos de traballo para avaliar o cumprimento e efectividade do Plan xeral de normalización da lingua galega e propor un calendario de acción normativas e executivas concretas dirixidas a acadar a plena normalización do idioma galego. No marco deste proceso, fixaranse as accións normalizadoras mínimas que cada entidade pode asumir na súa actividade diaria, así como os compromisos que cómpre demandar ás administracións e institucións públicas.

Na páxina web da plataforma Queremos Galego podes ampliar información.
30/06/2025. OUTRAS

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa "Sociedade, crenzas e participación comunitaria"

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao sexto debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para garantir a presenza do galego na sociedade civil, no asociacionismo e nos espazos comunitarios. O debate, coordinado por Montse Pena Presas e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 8 de xullo de 2025, a partir das 16:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

Na páxina web do CCG podes ampliar información sobre esta sexta mesa de debate e acceder ao formulario de inscrición.

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.
27/06/2025. DINAMIZACIóN

Protocolo de colaboración para promover o galego no ámbito notarial

A Xunta de Galicia, o Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega asinan un protocolo de colaboración no que se comprometen a “procurar que todas as notarías de Galicia dispoñan a curto prazo das ferramentas e medios informáticos precisos para elaborar documentos públicos en lingua galega e satisfacer a súa demanda en condicións que non resulten desvantaxosas nin discriminatorias con relación aos elaborados en castelán”.

O acto de sinatura tivo lugar o pasado 21 de xuño de 2025 no transcurso da XVI Asemblea Xeral da Irmandade Xurídica Galega, na que tamén se lle rendeu homenaxe ao notario D. Victorino Gutiérrez Aller coa colocación dun busto no exterior da Facultade de Dereito da USC.

Para ampliar información preme aquí.
27/06/2025. DINAMIZACIóN

A hostalaría e os comercios de Vilagarcía magnetízanse co galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Castro Alobre (Vilagarcía) presentou o resultado da campaña “Magnetízate co galego”, no marco da cal o alumnado elaborou unha serie de imáns nos que se pon en valor a nosa lingua propia, así como o patrimonio arquitectónico, artístico e paisaxístico de Vilagarcía. Un total de 6.000 imáns foron repartidos onte polo propio alumnado do centro entre medio cento de comercios e negocios de hostalaría vilagarciáns, para que os distribúan entre a súa clientela.

Esta iniciativa forma parte do proxecto de galeguización do comercio local “Implicados co galego”, que o EDLG do IES Castro Alobre desenvolve desde hai dez anos en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vilagarcía.

Podes ampliar información premendo aquí.
26/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga nas EEOOII

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4, que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2025/2026. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 30 de xuño ata o 11 de xullo de 2025, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 10 ata o 21 de novembro de 2025, para os cursos do segundo cuadrimestre .

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
26/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego en centros de ensino privados

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade privada que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 26 de xuño de 2025 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
26/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego en centros de ensino públicos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade privada que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 26 de xuño de 2025 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
24/06/2025. EMPREGO

Praza de profesor de lingua e literatura galegas en Londres

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional anuncia, no DOG do 18 de xuño de 2025, a convocatoria de concurso público de méritos para cubrir unha praza de profesor de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres. Poden participar no concurso os funcionarios pertencentes ao corpo de profesores de ensino secundario na especialidade de Lingua e Literatura Galega ou ao corpo de catedráticos de ensino secundario na especialidade de Lingua e Literatura Galega. Tamén é requisito posuír un nivel mínimo de B2 en inglés.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria [corrección de erros].
23/06/2025. OUTRAS

Begoña Caamaño será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 20 de xuño de 2025, que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2026 estará dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014).

Begoña Caamaño foi unha narradora serodia, comezou a escribir aos 45 anos de idade, e deixounos dúas novelas: Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), nas que reelabora os mitos da Odisea e o artúrico desde a perspectiva feminista. Como xornalista, a súa obra representa o exercicio da profesión de maneira crítica, rigorosa, independente e comprometida co uso do galego, uns valores que a RAG tamén quere reivindicar con esta homenaxe.

Na páxina web da RAG atoparás máis información.
20/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia resolve as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución das subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2025. As axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
19/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego en centros de ensino públicos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade pública que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 19 de xuño de 2025 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
18/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

A X Xornada de Onomástica Galega centrarase nos nomes do mar

A Real Academia Galega presenta o programa da X Xornada de Onomástica Galega, organizada coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. Nesta edición os relatorios centraranse en analizar os nomes do mar (talasonimia e naonimia).

A xornada, coordinada por Ana Boullón e Luz Méndez, terá lugar o 4 de outubro de 2025 no Museo de Pontevedra.

Na páxina web da RAG podes consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición.
18/06/2025. DINAMIZACIóN

Obradoiro de cianotipia para aprender a recoñecer as herbas de san Xoán

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza o obradoiro Cianotipia polo san Xoán, no que se ensinará a recoñecer as herbas de san Xoán ao tempo que se pon en valor a lingua e o patrimonio cultural e ambiental. O obradoiro, impartido por Alouette Machine, está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos e as súas familias, e desenvolverase o 28 de xuño de 2025, ás 11:00 h, no Centro Cívico Social do Couto. A participación é de balde, pero cómpre inscrición previa.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Guizo, que busca mellorar a socialización en lingua galega das nenas e nenos de 6 a 12 anos creando un espazo de lecer para familias que xire ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto.

Para ampliar información, preme aquí.
16/06/2025. DINAMIZACIóN

A nova edición de Toponimízate chegará a doce concellos galegos

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentaron a nova edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, deseñado para preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego.

Nesta edición de 2025 as charlas divulgativas (principal acción do programa) desenvolveranse en 12 concellos galegos, entre os meses de xuño e novembro de 2025. O encargado de impartir as charlas será Vicente Feijoo, filólogo da Unidade Técnica de Toponimia da RAG. Os/as asistentes terán a ocasión de coñecer a historia e a motivación dos topónimos do seu municipio, así como de familiarizarse coa plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
13/06/2025. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Salceda de Caselas

O Concello de Salceda de Caselas publica as bases para a selección e contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística (persoal funcionario interino, grupo A2), e para a formación dunha bolsa de traballo. As persoas que desexen participar no proceso deben estar en posesión, ou en condición de obtela na data de terminación do prazo de presentación de instancias, da titulación de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), o grao en Lingua Galega, ou do título en calquera outra licenciatura/grao, sempre que se dispoña do CELGA 5. O procedemento de selección será o de oposición.

O prazo de presentación de solicitudes é de 5 días hábiles, contados dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Na páxina web do Concello de Salceda de Caselas podes consultar as bases completas do proceso selectivo, que tamén recolle as normas polas que se rexerá o funcionamento da bolsa de traballo.
13/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

Debate sobre multilingüismo na Facultade de Educación e Traballo Social da Uvigo

A Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo acolle o relatorio Multilingüismo, inclusión ou borrado social? Micropolíticas e prácticas lingüísticas familiares, que impartirá Anik Nandi, profesor da Woxsen University, India.

O evento terá lugar hoxe, 13 de xuño de 2025, ás 12:30 h, na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo (Campus de Ourense. Edificio de Ferro. Aula 0.0).
12/06/2025. DINAMIZACIóN

Versos galegos e nixerianos póñenlle o ramo ao ciclo Poetas Di(n)versos

O vindeiro 23 de xuño de 2025, ás 20:00 h, o Centro Ágora (A Coruña) acollerá a sesión de peche da 16ª edición do ciclo Poetas Di(n)versos, cos poetas David Odiase (Nixeria) e Lúa Mosquetera (Miño).

Poetas Di(n)versos é un ciclo de lecturas públicas de poesía no que o público ten ocasión de gozar de obras en galego e en calquera outra lingua do mundo (lidas no seu idioma orixinal e en tradución ao galego). O ciclo está dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño e conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.

A sesión tamén se emitirá en directo nesta canle de Youtube.

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes ampliar información sobre esta iniciativa.
11/06/2025. DINAMIZACIóN

XXIV Concurso de relato oral Tíralle da lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XXIV Concurso de relato oral Tíralle da lingua, dirixido á comunidade educativa, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias no ámbito escolar. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia, durante un tempo máximo de cinco minutos. Na fase final (que se celebrará a finais de novembro) o xurado outorgará un primeiro premio de 250 euros e, se o considerase oportuno, un segundo de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes premiados tamén recibirán un premio do mesmo importe.

A inscrición no concurso por parte dos centros debe facerse antes do 14 de novembro de 2025. O prazo para enviar os vídeos remata o 21 de novembro.

Para acceder ás bases completas, preme aquí.
11/06/2025. OUTRAS

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa "Economía, turismo e deporte"

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao quinto debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para garantir a presenza do galego na economía, o turismo e o deporte. O debate, coordinado por Jakson R. Rodrigues Soares e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 25 de xuño de 2025, a partir das 16:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

Na páxina web do CCG podes ampliar información sobre esta quinta mesa de debate e acceder ao formulario de inscrición.

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.
11/06/2025. DINAMIZACIóN

O CIOV festexa o fin de curso cun espectáculo aberto á cidadanía

O vindeiro venres, 13 de xuño de 2025, ás 19:00 h, terá lugar no Café de Catro a Catro (Vigo) a festa de fin de curso do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV). No evento participarán o alumnado do CIOV do curso 2024-2025 e os seus profesores/as: Dani Blanco, Déborah Vukušić e Branca Trigo. A entrada é libre.

Podes ampliar información premendo aquí.
11/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premios á calidade lingüística en galego na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela convoca os “XXI Premios á calidade lingüística en galego dos traballos académicos, traballos de fin de grao e traballos de fin de máster”, unha iniciativa que busca fomentar a cultura da calidade no uso do galego entre o alumnado universitario. Nas bases establécense quince premios que se distribúen en tres categorías: traballo académico de curso de grao, traballo de fin de grao (TFG) e traballo de fin de mestrado (TFM). A convocatoria está aberta ao alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2024-2025.

O prazo de presentación de traballos académicos de curso de grao remata o 31 de xullo de 2025. O prazo de presentación de traballos de fin de grao e de fin de mestrado remata o 30 de setembro de 2025.
09/06/2025. INVESTIGACIóN

Conferencia de Anik Nandi sobre micropolíticas familiares e prácticas de revitalización lingüística

O vindeiro mércores, 11 de xuño de 2025, Anik Nandi (profesor da Woxsen University, India), impartirá a conferencia Micropolíticas familiares e a cidadanía sociolingüística dos proxenitores galegos e vascos: ideoloxías, xestión e prácticas de revitalización lingüística. O evento está organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG), e terá lugar lugar na sala de divulgación do ILG ás 13 h.

Podes ampliar información premendo aquí.
06/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística: Traballando en Lingua con Inmigrantes

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza o XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que nesta edición leva por título Traballando en Lingua con Inmigrantes. A atención centrarase en analizar os usos lingüísticos e fomentar o uso do galego entre os colectivos de poboación inmigrante, reflexionando sobre os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos etc. máis axeitados para tal propósito.

As xornadas terán lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 15 e 16 de xullo de 2025. O prazo de inscrición para participar nelas remata o 11 de xullo.
04/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Acto de entrega dos VI Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un acto público de entrega dos VI Premios Mil Primaveras, que terá lugar o vindeiro sábado 7 de xuño de 2025, ás 11:30 h, no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que estará conducido pola actriz e narradora oral Atenea García.

Os Premios Mil Primaveras teñen como obxectivo a difusión e posta en valor de proxectos de fomento do galego que, polo súa calidade, poidan servir de modelo e inspiración.

Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os proxectos galardoados nesta sexta edición, preme aquí.