Actriz de teatro e audiovisual pioneira, de recoñecida presenza en series e curtasFelisa Manzano Conde, coñecida como Fely Manzano ou Feli Manzano, foi unha actriz galega pioneira de teatro e audiovisual. Naceu en Ourense no ano 1942. O seu pai era operador cinematográfico e de tremoia e traballou nos agora extintos cinemas Losada e Xesteira. Fe...
Actriz de teatro e audiovisual pioneira, de recoñecida presenza en series e curtasFelisa Manzano Conde, coñecida como Fely Manzano ou Feli Manzano, foi unha actriz galega pioneira de teatro e audiovisual. Naceu en Ourense no ano 1942. O seu pai era operador cinematográfico e de tremoia e traballou nos agora extintos cinemas Losada e Xesteira. Fely lembraba que cando viñan as compañías de Madrid e precisaban algunha nena ou neno para facer intervencións nalgunha obra de teatro ou zarzuela ía ela, polo que comezou a saír ao escenario dende moi pequena. Despois, a familia trasladouse á Coruña.
Alí participou en montaxes como
El embrujado, de Ramón María del Valle-Inclán, posta en escena nunha colaboración entre o grupo de teatro Imperio e o Teatro Español Universitario (TEU) de Marineda, no ano 1962, baixo a dirección de José Redondo;
El zoo de cristal, de Tennessee Williams, montada polo grupo de teatro Imperio e dirixida por José Domingo Vales Vía, tamén no ano 1962;
La cantante calva, de Eugène Ionesco, e
Sonata de espectros, de August Strindberg, escenificadas polo Grupo de Teatro Experimental Tespis, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, no ano 1966; ou
Historias para ser contadas, de Osvaldo Dragún, no ano 1967;
Prometeo, de Esquilo, e
Oración, de Fernando Arrabal, no ano 1968, as tres con Teatro Circo e con dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo. Coa compañía Mili Porta actuou na zarzuela
A represa e o río, con música de Mili Porta e libreto de Antón de Santiago, “Nito”, no ano 1983.
Estudou no conservatorio profesional de Música e Declamación da Coruña, fixo cursos de cabaret con Norberto di Giorno, de ortofonía e dicción con Jesús Aladrén, e de interpretación con Martín Adjemián, e titulouse como actriz de dobraxe na Asociación de Actores de Dobraxe de Galicia. No Centro Dramático Galego, creado no ano 1984, participou nas pezas
As tres irmás, de Anton Chejov, na adaptación galega de Francisco Pillado Mayor dirixida por Xosé Manuel Rabón no ano 1987;
Espectros, en 1988, unha montaxe baseada en «Os espectros das doenzas» e «A estadea», de Ramón Otero Pedrayo, con dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo; e
A casa dos afogados, de Miguel Anxo Fernán-Vello, posta en escena tamén baixo a dirección de Manuel Lourenzo, no ano 1991.
Traballou como actriz con compañías privadas como Teatro do Atlántico, en
Liberdade Bremana, de Rainer Werner Fassbinder, dirixida por Xulio Lago no ano 1989, e en
Non se chora, de Roberto Cossa, tamén baixo a dirección de Xulio Lago, en 1993; Balea Branca, en
O auténtico oeste, de Sam Shepard, dirixida por Manuel Lourenzo no ano 1995; A Factoría Teatro, na montaxe de
Tío Vania, de Anton Chejov, no ano 2005; Andrómena Teatro, en
A porta pechada, de Jean-Paul Sartre, na versión en galego de Francisco Pillado Mayor, no ano 2006; ou Caramuxa, na zarzuela
La corte de Faraón, de Vicente Lleó, e en
Luz de gas, de Patrick Hamilton, as dúas dirixidas por Matilde Blanco no ano 2003. Ademais, formou parte do elenco da zarzuela
La verbena de la paloma, posta en escena polo Círculo Lírico Calderón, baixo a dirección de Matilde Blanco, no ano 2001. Nesta últimas catro montaxes, Fely non só actuou, senón que asumiu tamén a axudantía de dirección.
Fely foi unha actriz pioneira do audiovisual galego, medio ao que deu o salto no ano 1988, co arranque das ficcións da Televisión de Galicia. Participou na miniserie
Servicio de urxencias, do ano 1988, con guión de Suso de Toro e dirixida por Xavier Fandiño, e dende entón iniciou unha extensa carreira actuando en series, curtametraxes, longametraxes e anuncios publicitarios, e traballando tamén como actriz de dobraxe.
Fíxose especialmente coñecida nas casas galegas grazas ao seu papel da Señora Carme, a nai do personaxe Miro Pereira (interpretado por Ernesto Chao), na serie
Pratos combinados, na que traballou durante once anos. Outras series galegas nas que participou foron a miniserie
Os outros feirantes, no capítulo «Tristán García»;
Fíos,
Mareas vivas,
A vida por diante,
Padre Casares ou
Escoba!; e actuou en ficcións televisivas estatais como
El oro y el barro,
La Mari ou
El comisario; ademais de en programas galegos como
Con perdón.
Púxose diante da cámara en longametraxes como
Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal (1989);
A los que aman (1988), de Isabel Coixet;
A lingua das bolboretas (1999), dirixida por José Luis Cuerda a partir de varios relatos de Manuel Rivas;
Lena (2000), dirixida por Gonzalo Tapia;
Divertimento (2000), con dirección de José García Hernández;
A rosa de Alexandría (2003), dirixida por Rafael Moleón;
O agasallo de Silvia (2003), dirixida por Dionisio Pérez Galindo;
Un franco, 14 pesetas (2006), de Carlos Iglesias; ou
El tesoro (2008), de Manuel Martín Cuenca.
Outro dos formatos audiovisuais nos que desenvolveu a súa carreira actoral foron as curtametraxes, coas que Fely conformou unha longa filmografía e que lle permitiron, como ela mesma expresaba, facer papeis que non puidera facer nas series. Algúns dos títulos que contaron coa súa participación como actriz foron
Café Bremen (1990) e
Memorias dun parado (1991), dirixidas por Antonio F. Simón;
O párroco embaucado, baixo a dirección de José Carlos Soler (1993);
Distrito Picasso (1994) e
Vídeo doméstico (1995), de Chema Gagino;
Coruña imposible, de Paco Rañal (1995);
Edipo e Techné, de Ignacio Vilar (1997);
Contar (1999), dirixida por Teo Manuel Abad;
A mercería (2000), baixo a dirección de Marise Brostel;
Alzhéimer (2000), de Álex Sampayo;
As muxicas (2002), dirixida por Carlos Alberto Alonso, a partir dun relato de Mia Couto;
A contratempo (2003), dirixida por Patricia Alonso;
Ahí donde no lo esperas (2003), de Diego Méndez;
Hermanos (2004), de Oskar Bilbao;
Rosas (2005), de Mikel Fuentes;
O reflexo da lembranza (2007), de Roberto Rego;
Historia da arte (2007), de Javier Batanero;
Pacto entre cabaleiros (2008), dirixida por Beatriz Torres;
Dous homes e un suicidio (2010), de Iria López;
Dulce (2011) e
Teatro (2015), de Iván Ruiz Flores;
Kune, de Carlos Seijo (2012);
Clementina (2013), dirixida por Rosana Filgueira Piñeiro e Mónica Suárez Casal;
O pano de cores (2014), de Andrea Maseda Prado; ou
Vainilla (2015), dirixida por Juan Beiro. Fely brillou neste formato e obtivo recoñecementos como o premio á mellor actriz no Festival de San Telmo (Bos Aires) no ano 2004 pola súa interpretación en
As muxicas; o premio á mellor actriz protagonista no Nasicae Short Movie Festival, en Italia, no ano 2012, polo seu papel en
Dulce; ou o premio á mellor actriz, na sección Nacional, no Festival de Santurtzi, polo seu traballo en
Teatro, en 2015.
Fely recibiu o Premio Mestre Mateo de Honra, da Academia galega do Audiovisual, en recoñecemento á súa traxectoria en 2015; no mesmo ano obtivo o premio a toda unha traxectoria na Mostra de Curtas de Noia. Tiña unha presenza física e vocal moi agarimosa e afable, que evitou que lle desen papeis de
mala malísima
, aínda que tamén lles tivese ganas, como ela mesma recoñecía, pero que lle granxeou o agarimo do público e da profesión nos numerosos traballos nos que participou como actriz así como no trato persoal. Foi unha intérprete pioneira
que deixou unha fonda pegada de afecto na profesión
e
que formou parte da xeración de actores e actrices que abriron camiño na profesionalización escénica
, segundo destacou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en 2017, ao coñecerse o seu pasamento.
O actor Tucho Lagares, falecido no ano 2013, foi o seu compañeiro de vida. Con el compartiu tamén proxectos profesionais, en montaxes como
O auténtico oeste,
La corte de Faraón e
La verbena de la paloma; en series como
Pratos combinados ou
Mareas Vivas; ou en curtametraxes como
Rosas ou
As muxicas.
Páxinas web de referencia
Páxina web do Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música
AVG: O Soportal do Audiovisual Galego. Consello da Cultura Galega
Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia. Hemeroteca.
Festival Santurtzi. Palmarés da edición de 2015.
Bibliografía
«A AAAG despídese da nosa compañeira Fely Manzano», publicado na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, (7 de abril de 2017).
Castelo, Miguel: «Adiós a Fely Manzano, la mujer que siempre te llamaba ‘Churriño’», na páxina web Aisge.es, (10 de abril de 2017).
«A escena galega chora o falecemento da actriz Fely Manzano», na páxina web Cultura galega.gal, (10 de abril de 2017).
«Fely Manzano Conde, Premio a Mejor Actriz Protagonista en el Nasicae Short Movie Festival», na páxina web Para inmigrantes.info, (30 de outubro de 2012).
«Fely Manzano: Nunca fixen de mala malísima. E tiña ganas pero seica non dou ese perfil
», na páxina web dos Premios Mestre Mateo, (2015).
«Fely Manzano recibirá o Mestre Mateo de Honra», na páxina web Cultura galega.gal, (24 de marzo de 2015).
Madrid, J.C.: «Iván Ruiz Flores: ’Dulce’ ha sido el triunfo de la humildad
», na edición dixital do xornal ABC, (8 de marzo de 2012).
«Los Mestre Mateo honran a la actriz Fely Manzano», na edición dixital do xornal La Región, (25 de marzo de 2015).
M.X.B: «La Mostra de Curtas distinguirá a Fely Manzano», na edición dixital do xornal La Voz de Galicia, (16 de decembro de 2015).