Traballador e resistente por unha filoloxía de País Naceu no lugar da Groba (Ribadavia) un 16 de xaneiro do ano 1952. Despois de cursar os seus estudos primarios e de bacharelato entre Ribadavia e Ourense, marcha para Compostela a estudar Filoloxía Románica. Licénciase e desenvolve o doutoramento na Universidade Autónoma de Madrid. Oposita e ...
Traballador e resistente por unha filoloxía de País Naceu no lugar da Groba (Ribadavia) un 16 de xaneiro do ano 1952. Despois de cursar os seus estudos primarios e de bacharelato entre Ribadavia e Ourense, marcha para Compostela a estudar Filoloxía Románica. Licénciase e desenvolve o doutoramento na Universidade Autónoma de Madrid. Oposita e acada o grao de catedrático de instituto na materia de Lingua Castelá e Literatura. Entre o ensino medio e a universidade, verterá os seu labor docente.
Asentado en Pozuelo de Alarcón coa súa familia, combina o ensino co labor editorial. Traballa para unha editorial de ámbito estatal para a que produce dicionarios, gramáticas, libros de texto, traducións… Rodríguez Alonso caracterízase por unha actividade filolóxica e divulgativa inxente. Aínda na distancia madrileña, sen mesturarse nos círculos intelectuais e académicos de Galicia, pronto é recoñecido polo seu labor lexicográfico entre outras actividades.
Nos últimos tempos, sen deixar de lado as tarefas comentadas, lánzase á crítica literaria deixando unha pegada fonda. Rigoroso e eficaz, como en calquera outro eido, o labor crítico de Manuel Rodríguez Alonso provoca que sexa un dos máis seguidos en Galicia. A fondura das súas análises, a honestidade fóra de endogamias posibles e o dobre carácter literario e lingüístico do que se impregnan os seus textos, fan que o estilo e metodoloxía do noso autor sexan inconfundibles. As novas tecnoloxías (escribiu no «Cartafol de libros» de Vieiros.com, fundou o seu propio blog, Bouvard e Pecuchet…) facilitan que se poida estender nas súas reflexións e isto ten como resultado un dioivo de coñecemento e erudición que ben merecería a pena xuntar nun volume para organizar o legado de Rodríguez Alonso.
Esa pegada crítica vese tamén nos seus ensaios. Lembramos aquel extraordinario O españolismo lingüístico, publicado en 2004 pola editorial Espiral Maior, que é un soberbio repaso por toda a historia da escola filolóxica españolista que tan ben tiña identificado e confrontado.
Manuel era un home inconformista. Celoso do seu País, da cultura, da lingua, non evitaba o enfrontamento alí onde fose necesario. Non esquezamos que traballaba como profesor asociado no campus da UNED de Madrid. Alí, desde a facultade de Filoloxía, promoveu o nacemento da Revista de Lengua y Literatura Catalana, Gallega y Vasca, foro que deu acubillo a moitos autores externos ás inercias da capital. El mesmo contribuíu cos seus artigos.
Nesta faceta súa da reivindicación necesaria, debemos sobrancear aquel longo episodio de enfrontamento coa UNED pola imposibilidade de presentarse traballos de investigación en lingua galega ou calquera outra que non fose o castelán. Alá polos anos 2001-2002, aproximadamente, presentouse un proxecto para realizar un traballo para o DEA en lingua galega. Non era unha situación inédita na UNED. Outras veces, presentáronse proxectos para ser desenvolvidos en galego e a institución non permitira tal posibilidade. Rodríguez Alonso era coñecedor dos antecedentes e non se engurrou. Ese traballo saíu adiante, defendido en xuño de 2003, e creouse un precedente cargado da teimosía do que en verdade defende a cultura e a lingua de Galicia.
Podemos pensar que despois deste feito a situación quedaría pechada, mais por un lado a teimosía da UNED que non daba o brazo a torcer e, polo outro, a percepción dun profesor asociado demasiado perigoso, levou á institución a negar outra volta a posibilidade de defender, dentro do mesmo proceso de doutoramento, a tese que viría culminar o traballo de todos eses anos. Houbo que recorrer ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia para que os deputados do BNG defendesen o dereito de todas e todos os galegos a executar os seus traballos académicos en galego e lingua cooficial. A transcendencia que o asunto tivo nos medios de comunicación volveu facer recuar á UNED e esa tese –todo o proceso de doutoramento versaba sobre a obra de Bernardino Graña– defendeuse un 12 de xuño do ano 2009. Que director de tese estaría disposto a pasar por un problema así…? Estas e outras son as cousas que fixeron de Manuel Rodríguez Alonso unha persoa especial. Valente, afouto, traballador…. Se houbese máis coma el, este noso País iría moito mellor.
Ver biografía no Álbum de Galicia