Crítica e escritora de moi singular dicir, acusada independencia e forte personalidadeDe familia culta e acomodada. A nai, Concha Blanco-Cicerón, filla e neta de afervoados carlistas, morre de tuberculose en 1920 cando Concha ten nove anos. O pai, Amando Castroviejo Nobajas (1874-1934), rioxano, propagandista do agrarismo católico, do catolicism...
Crítica e escritora de moi singular dicir, acusada independencia e forte personalidadeDe familia culta e acomodada. A nai, Concha Blanco-Cicerón, filla e neta de afervoados carlistas, morre de tuberculose en 1920 cando Concha ten nove anos. O pai, Amando Castroviejo Nobajas (1874-1934), rioxano, propagandista do agrarismo católico, do catolicismo social e impulsor da Previsión Social, é catedrático de Economía Política e Facenda Pública na universidade compostelá e promotor da democracia cristiá.
A súa infancia e xuventude discorren entre Compostela, Paizás (Vedra), períodos estivais na Retirosa (Cangas) e no internado do colexio de freiras de Praceres (Marín).
A pesar da oposición do pai, que lle procurara unha esmerada educación, teima en realizar estudos regrados de bacharelato para acceder á universidade, onde contacta e se integra nos círculos da mocidade entusiasta coa II República; entre outros, Paco Comesaña, Borobó e Joaquín Seijo Alonso, con quen ennoiva. Ían casar o 25 de xullo de 1936. O golpe de estado militar e a Guerra Civil cámbiano todo. Testifica a favor de Paco Comesaña no xuízo sumarísimo que se segue contra el en Santiago de Compostela o 23 de decembro de 1936, acusado de comunista e alterador de masas. Isto colócaa nunha posición difícil e busca como saír.
Aproveita unha viaxe do industrial Gaspar Massó nos comezos de 1937 e marcha para Bordeos. Logo reúnese con Seijo en Valencia, onde casan. Posteriormente, el combate na fronte do Ebro e ela reside en Barcelona até o terrible éxodo no frío febreiro de 1939 de Figueres-Port Bou á fronteira francesa, onde son recibidos co “Allez…! Allez…!” dos soldados coloniais senegaleses.
Consegue chegar a Bordeos aproveitando contactos feitos anteriormente e o seu estupendo manexo do idioma e alí vive até que marcha para México, vía Nova York, no vapor Normandía.
Nos difíciles dez anos que pasa no exilio mexicano traballa en Campeche, en Tijuana e, sobre todo, en México D.F.
En decembro de 1949 chega ao porto da Coruña coa súa filla María Antonia Seijo, de oito anos. De 1951 a 1953 traballa en
La Noche, o diario vespertino de Santiago de Compostela dirixido por Goñi. Asina como Concha Castroviejo e Asela, ao mesmo tempo que fai os cursos para a obtención do carné de xornalista que convoca en Madrid a Escola Oficial de Periodismo dependente a Delegación Nacional de Prensa, dirixida polo líder das JONS, Juan Aparicio.
En setembro de 1953 marcha para Madrid a traballar no diario
Informaciones. É columnista, dirixe o suplemento infantil e, entre 1962-1966, exerce de titular da crítica e contribúe ao
boom da literatura hispanoamericana.
É das pouquísimas mulleres que realizan este labor e a única que neses anos forma parte do xurado dos honoríficos e prestixiosos Premios da Crítica e é membro da Asociación Internacional de Críticos Literarios. Escribe en
Ínsula,
La Estafeta Literaria,
Cuadernos de Occidente,
Cuadernos Hispanoamericanos,
Blanco y Negro,
Grial e noutras publicacións sometidas a unha implacable censura previa até a Lei Fraga de 1966, que animaba a censura de editores e a autocensura.
Na crítica deixa un traballo inmenso; aborda obras literarias, eruditas, históricas, ensaios...
Na creación literaria, explora rexistros diferentes:
A interesante, boa e valente novela
Los que se fueron narra a peripecia do éxodo republicano e do exilio en México. Valente polo que di e porque está escrita
no interior
por unha exiliada recentemente retornada que co título
Las Raíces y el tiempo se presenta ao Premio Nadal no ano 1952. En carta á súa irmá Pilar e a Eugenio Santos, do 10 de xaneiro de 1953, conta como se foi colocando a novela segundo as votacións até o resultado final -de estar entre as dez mellores, logo entre as catro primeiras a obter só dous votos na votación final-, a pesar de que non agardaba éxito ningún, sendo o tipo de obra que era. Achega ademais valiosas consideracións a respecto da novela e a teoría literaria. En 1956, co título actual e algunhas correccións, preséntaa ao Premio Planeta, editorial que a publica en 1957.
Víspera del odio, novela dura, forte, conta o odio de Teresa Nava, afogada na invivible vida dun matrimonio non querido e as paredes da casa como límite da liberdade.
El jardín de las siete puertas, publicado na colección La Ballena Alegre, reúne unha presa de contos e lendas e unha obra de teatro (Premio Doncel, 1961), que a revelan como unha boa escritora de literatura infantil.
Los días de Lina é un relato do retorno a ese paraíso perdido que é a infancia, da beleza e do discorrer plácido dos días sen responsabilidades.
Unha obra inédita dos seus últimos anos, publicada por fin en 2020,
En las praderas del Gran Manitú, achega memorias dunha infancia en Compostela e reflexións sobre os animais e o ser humano. Un fermoso soliloquio!
Dez anos de enfermidade vascular e dexenerativa arrédana da vida pública activa. En decembro de 1995 morre na súa casa de Ribera del Manzanares, rodeada da filla, irmáns e sobriñas.
É ben considerar a Concha Castroviejo na súa posición fronteiriza: rompe
as regras
que se supón que debe cumprir
unha señorita
compostelá do seu tempo. Violenta as conviccións políticas e relixiosas da súa familia. Decide sobre a súa vida con resolución e valentía. Sae adiante no exilio traballando no que pode, retorna cunha filla pequena e consegue abrirse paso en terreos onde as mulleres son excepción: o xornalismo, a crítica e a literatura. Ocúpase de Galicia e do galego aínda que non escribe en galego. Presta atención aos traballos de plumas femininas e divúlgaos no seu labor de crítica cando isto apenas era tido en conta.
Unha muller de coraxe que sempre evidenciou un espírito moi libre e que deixa unha obra de mérito na crítica e na creación literaria.
ObraDebido á súa extensión, ofrecemos a relación de títulos en«Obra de Concha Castroviejo» no apartado Documentación.
[Nota: o texto biográfico de Concha Castroviejo, escrito por Nanina Santos, foi publicado no Álbum de Mulleres en 2010.]