Luis Taibo
Santiago de Compostela, 29/ 4/1877 - México DF, 18/4/1954Autoría: Alberto Cancela Montes
Unha vida entre dúas paixóns: a música e a medicina
O 29 de abril de 1877 nace en Santiago de Compostela Luis Taibo García, froito do matrimonio formado por Francisco Taibo Filgueira e Josefa García Lameiro. A súa instrución musical comezou cando contaba tan só 7 anos de idade, ingresando como neno de coro na catedral de Santiago. Nese momento era mestre de capela Juan Trallero, o cal detectou no xove Taibo unhas condicións musicais excepcionais. Tal é así, que a estancia deste na catedral prolóngase até os 14 anos, aparecendo como “neno maior de coro”. En decembro de 1891 acaece o falecemento do mestre Trallero. Este feito afectaríalle de tal xeito que tan só dúas semanas despois decide abandonar a catedral por iniciativa propia.
Co inicio do seguinte curso académico comezaría os estudos eclesiásticos no seminario compostelán. Alí entrou en contacto co que foi o seu outro gran mestre de musica, Santiago Tafall. Nestes anos formou dúo musical co seu colega de estudos Domingo Tarrío Nóvoa. Taibo ao piano e Tarrío ao violín participaron en innumerables seráns musicais que se realizaban tanto no seminario coma nas sociedades de recreo. Precisamente neste contexto entrou en contacto con importantes músicos da cidade como José Gómez “Curros”, Enrique Lens, José Courtier ou Manuel Valverde, que tamén o marcaron de xeito importante.
Á vez que logra unha certa reputación como pianista, espertan nel motivacións creadoras, polo que comeza a experimentar coa actividade compositiva. Algunhas das súas obras foron recoñecidas e galardoadas con diferentes premios. Foi significativa a participación no certame musical de Pontevedra de 1900, onde, ademais de obter mención especial por dúas obras, será eloxiado polo xurado composto por Emilio Serrano, Bartolomé Pérez Casas e Tomás Bretón como o único merecedor do primeiro premio polo cuarteto de corda titulado Scherzo.
Coa carreira de músico en ascenso, rematados os estudos de Filosofía e Teoloxía, e tras cursar o primeiro curso de Dereito Canónico, decide abandonala. Naceran nel outro tipo de inquedanzas profesionais. Deste xeito, entre 1902-1906 cursou a carreira de Medicina. Durante os anos universitarios dirixiu o Orfeón Escolar Vasco-Navarro, formado polos membros da colonia escolar procedente do País Vasco e Navarra residentes en Santiago.
Nos anos seguintes a súa vida profesional presenta certa descontinuidade, forma parte do persoal médico do Hospital de Santiago de man do cirurxián Jacobo Caldelas, tamén do Hospital de Conxo e incluso pasa unha tempada no Hospital de Vigo. Precisamente buscando unha maior estabilidade laboral, en 1908 decide abandonar Galicia dirixíndose a México, onde establecerá a súa residencia o resto da súa vida.
O seu primeiro destino foi Puebla de los Ángeles, onde exercerá como redactor de Vida gallega, coincidindo co primeiro ano de vida desta revista. Porén, a partir de 1910 atopámolo establecido en México DF e, dous anos máis tarde cando xa era director xeral da Cruz Roja Española, será nomeado médico da Sociedade Beneficencia Española. Ademais, abriu unha consulta privada e foi médico agregado da Embaixada de España. En 1913 concedéronlle o Diploma e Medalla de Prata, debido aos seus servizos humanitarios durante os sucesos denominados a Decena Tráxica, por mor da guerra civil que estaba a asolar México.
A pesar de atoparse lonxe de Galicia, nunca perdeu o nexo coa terra. En México foi un importante activo na vida cultural da colonia galega, impartiu conferencias e escribiu numerosos artigos sobre a música e a literatura galega, e incluso dirixiu o Orfeón do Centro Gallego. A súa recepción en Galicia débelle moito ao seu irmán Victoriano, escritor que formou parte da constitución e establecemento das Irmandades da Fala, e que foi nomeado académico numerario da Real Academia Galega. Precisamente grazas ás xestións de Victoriano, en 1911 recibiu o encargo de compoñer, para as Irmandades, o himno Deus Fratresque sobre un texto de Alfredo Brañas.
Luis Taibo regresou en dúas ocasións a Galicia: en 1919 e en 1930. Foi significativa a segunda estadía xa que, ademais de visitar a terra natal, percorrería os hospitais dalgunhas cidades como Santander, Barcelona, Sevilla ou Granada. Quizais fixo coincidir esta viaxe coa que realizou Ramón Castroviejo, médico oftalmólogo residente en Estados Unidos, e con quen Taibo colaboraba asiduamente na revista médica que este dirixía.
A súa carreira compositiva e médica van practicamente ao par. En 1921 a Orquestra Sinfónica de Guadalajara, con Amador Juárez á dirección, estrea a suite sinfónica Galaica e a Serenata española. Todo isto vai abríndolle cada vez máis portas, e deste xeito entra en contacto con José Rocabruna, músico de orixe catalá que estaba á fronte da Sociedad de Música de Cámara de México. Esta agrupación estreou gran parte da obra camerística de Taibo, como os cuartetos Céltiga n.º 1, Céltiga n.º 2 e o Cuarteto n.º 3. Nesta última adica cada movemento aos músicos Tomás Bretón, José María Usandizaga, Isaac Albéniz e Enrique Granados.
Os derradeiros anos de vida de Taibo non se corresponden coa importancia que tivo ao longo dela. Padeceu unha serie de enfermidades que o obrigaron a permanecer prostrado durante longas tempadas, tanto na súa casa coma no mesmo hospital onde exercera a medicina. En numerosas ocasións confesoulle ao seu irmán Victoriano canto devecía por retornar a Galicia. Pero os anos pasaban e a súa saúde íase debilitando cada vez máis. Até que o 18 de abril de 1954, aos 77 anos, falecía no Sanatorio Español dunha insuficiencia cardíaca aguda, esclerose cerebral e arteriosclerose.
O seu arquivo persoal debería ser depositado na Real Academia Galega, onde foi nomeado académico correspondente e tamén por propia disposición testamental. Victoriano tratou de recuperar o legado do seu irmán en diversas ocasións e por distintos medios pero, até hoxe, Luis Taibo é outro dos innumerables artistas galegos emigrados que manteñen o seu corpus desaparecido no gran arquivo galego que é América Latina, sen que a súa obra sexa recoñecida como se merece.
OBRA COMPOSITIVA
A obra compositiva de Luis Taibo é moi heteroxénea. Nunha primeira etapa atopámolo centrado na música para piano, que interpretaría el mesmo; e tamén na obra coral, para o Orfeón Vasco-Navarro, interpretada baixo a súa batuta. Tras a emigración a México vemos que intensifica a súa actividade en música sinfónica, pero sobre todo en música de cámara, onde se confesaba máis perito:
Mi labor mas intensa ha sido en Música de Cámara, entre ella figuran como obras de sabor de la tierra, las dos que yo denominé Célticas, cuya ejecución obtiene aquí gran resonancia
.1
En definitiva, estamos ante un compositor único en Galicia, que nunca renegou da súa orixe, e que incorporou como selo persoal e de xeito natural a linguaxe musical que atopou no Novo Mundo.
Piano
Lluvia de estrellas. Tanda de valses, 1899. Tamén en versión para banda de música.
Danzas galaicas
I. Carmeliña, 1899.
II. ¡O rillote!, ca. 1903.
La danza del abanico, ca. 1925.
Canto e piano
Romanza para tenor, barítono e piano, baixo o lema: Sin ti no vivo. Patria querida
, 1900.
Noites de vrau. Nocturno, letra de Alfredo Ribalta, 1903.
Como chove miudiño, letra de Rosalía de Castro, ca. 1903. Tamén en versión coral.
Cantan os galos pro día, letra de Rosalía de Castro, ca. 1903. Tamén en versión coral.
A despedida do emigrante, letra de Rosalía de Castro, ca. 1903. Tamén en versión coral, titulada Adiós ríos, adiós fontes.
A troula, ca. 1903. Tamén en versión coral.
A casa dos loureiros, letra de Villanueva Rivas, ca. 1910.
Deus fratresque. Himno, letra de Alfredo Brañas, 1911.
Voume, letra de Victoriano Taibo, ca. 1926. Tamén en versión coral.
Río arriba, río abaixo, letra de Victoriano Taibo, ca. década de 1920.
Campanas de Bastabales, letra de Rosalía de Castro, ca. década de 1920.
O sacreto, letra de Aurelio Ribalta, ca. 1930.
Música coral
Tarantella, baixo o lema: Sed Benignos que soy aprendiz, 1900.
Himno a Isabel la Católica, letra de Salvador Cabeza de León, 1904.
O maestro, letra de V. Villanueva, ca. 1906.
O pé do muiño. Zarzuela, letra de Alfredo Nan de Allariz, 1919.
Madrigalesca, letra de Narciso Díaz de Escobar, 1926.
La muerte del poeta, letra de Manuel Reina, 1926.
Escoitade, s.d.
Música de cámara
Scherzo. Cuarteto de corda baixo o lema: El fin principal del arte de los sonidos
, 1900.
Suite. Sexteto, 1902.
Suite Hispania para piano e violín, 1924.
I. «A orillas del Miño»
II. «Vega de Granada»
III. «Montaña Cantábrica»
IV. «Aranjuez»
Cuarteto I en do maior, ca. 1925.
I. «Andante sostenido»
II. «Allegro moderato»
II. «Adagio»
IV. «Presto»
Cuarteto II en re maior, ca. 1927.
Quinteto para instrumentos de corda, ca. década de 1920.
Quinteto para instrumentos de vento, ca. década de 1920.
Concerto Breve, para piano e violonchelo, ca. década de 1920.
Requiebro, para violín e piano, ca. década de 1920.
Canto rítmico, para violín e piano, ca. década de 1920.
Cantabria, para violín e piano, ca. década de 1920. Extraído do III movemento da Suite Hispania.
La maja de los claveles, para violín e piano, ca. década de 1920.
Céltiga I, para violín, viola, violonchelo e piano, ca. 1930.
I. «Amanecer. Adagio»
II. «Peregrinos en Compostela. Moderato»
III. «Canto de pandero. Allegro»
IV. «Alalá. Adagio»
V. «Danza galaica. Vivace»
Céltiga II, para violín, viola, violonchelo e piano, ca. 1930.
I. «Adagio»
II. «Moderato»
III. «Andantino-Vivace»
Cuarteto de cuerda no.3, ca. 1938.
I. «Lentamente moderado. Bretón»
II. «Zortzico. Usandizaga»
III. «Adagio. Albéniz»
IV. «In Memoriam. Granados»
Banda de música
Rodalito. Pasodoble, ca. 1927.
Música relixiosa
Misa de requiem, ca. 1902.
Gozos a la Virgen del Socorro, letra de Barcia Caballero, 1903.
Himno para la consagración del ovispo auxiliar de Santiago, 1906.
Himno a San Pedro Mezonzo, letra de Barcia Eleicegui, ca. 1938.
Música sinfónica
Galaica. Suite sinfónica,, 1917. Inspirada no poemario Aromas de leyenda, de Valle Inclán.
I. «Proemio. Larguetto»
II. «Alborada. Allegro moderato»
III. «Cantiga. Andante sostenuto»
IV. «Bailable. Vivace»
Serenata española, ca. 1921. Tamén en versión de piano e sexteto de corda.
Poema sinfónico sobre motivos gallegos, ca. 1924.
Xénero descoñecido
Arts. Tanda de valses, 1903.
Cantiga, s.d.
Danza galana, s.d.
Mosaico norteño, s.d.
Sonata, s.d.
Visitor regio. Zarzuela, s.d.
1Arquivo persoal de Gloria Taibo Rebollar. Carta enviada por Luis Taibo ao seu irmán Victoriano (12-VI-1948).
Como citar: Cancela Montes, Alberto : Luis Taibo. Publicado o 5/3/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27459. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Cuberta do libro Luis Taibo García. Galaica: Suite Sinfónica, edición crítica realizada por Alberto Cancela Montes
Artigo de Alberto e Beatriz Cancela Montes sobre a Suit Galaica de Luis Taibo
Audios
Suite Galaica, de Luis Taibo, interpretada pola Orquesta Sinfónica LRA Radio Nacional. Fondos do Arquivo Sonoro de Galicia