Elisa Patiño "Chichana"
Pontevedra, 1890 - Pontevedra, 12/4/1919Autoría: Eilún do Pazo Moa
A primeira aviadora galega acreditada e unha das pioneiras en Europa
Sen saber o que suporía para a súa historia, a cidade de Pontevedra acolle no ano 1890 o nacemento de Elisa Patiño Meléndez. A que chegaría a ser a primeira aviadora no territorio galego. A filla de Albino Patiño e Rosa Meléndez, Duques de Patiño. A que soubo aproveitar a oportunidade de acceso a unha educación acorde coa súa clase atesourando, cos anos, unha vasta e plural formación artística.
Elisa amosa, desde a nenez, o seu compromiso con causas sociais e filantrópicas. Cabe sinalar neste sentido a súa colaboración, a través de doazóns, na atención aos feridos durante a Primeira Guerra Mundial, concretamente aos que eran traídos por mar ao porto de Vilagarcía de Arousa.
Revela Elisa ademais ao longo de toda a súa vida, un amor incansable polas artes musicais, plásticas —máis concretamente pictóricas— e escénicas. A súa formación musical foi moi ampla. Destacou moi en concreto como pianista, violinista e cantante, calidade esta última pola que, logo de quedar marabillado co seu talento, un representante dunha compañía musical que actuaba en Pontevedra na primeira década do século XX, propúxolle contratala para realizar unha xira. Polo que sabemos, Elisa declinou a proposta.
Elisa Patiño, alcumada “Chichana”, é unha desas mulleres que no paso do século XIX ao XX, abrazan as ideas da modernidade e que, nas súas prácticas, se afastan das ideas decimonónicas asociadas ás mulleres e á feminidade. Rexeitaba a idea de que a vida das mulleres tivese como único destino o matrimonio, a crianza da descendencia e o coidado da casa.
No mundo dos deportes, ocupouse en practicar actividades pouco comúns nas mulleres da época. Dedicouse ao tiro con arco desde ben cativa. Destacou ademais no campo do ciclismo e recibiu importantes recoñecementos logo de levar a cabo a “peripecia”, segundo os medios, de percorrer en solitario os seis quilómetros de traxecto que separan Sanxenxo e o Pazo do Revel, en Vilalonga (Sanxenxo).
Pero Chichana destaca, sobre todo, pola súa faceta de aviadora. Neste senso, enlazou profesionalmente o seu camiño co do afamado aviador acrobático José Piñeiro, coñecido na época como “Home paxaro” ou “Rei dos aires”. Con el aprendeu a pilotar e acompañouno en varias das súas viaxes. Para esa finalidade deberon modificar o aeroplano 50CV Blériot, propiedade do aviador. Este fora deseñado como vehículo monopraza e, para reformulalo en bipraza, engadiron unha táboa á estrutura. É de destacar a sorpresa do público congregado en Portonovo o 8 de abril de 1913 ao descubir que, no voo que trazara no ceo da praia de Baltar, o aviador José Piñeiro non ía só. Voaba acompañado dunha moza, a súa alumna e grande amiga Elisa Patiño.
Sería o 12 de outubro de 1913 cando Elisa Patiño tome por primeira vez os mandos da nave do “Home paxaro”. Contaba daquela vinte e tres anos. A prensa recollía a súa fazaña na seguinte a nova:
El pasado domingo, Piñeiro sorprendió a los vecinos de Sanxenxo con un soberbio vuelo realizado en unas circunstancias muy interesantes. A las nueve de la mañana ascendió en el aeródromo de Baltar y, tras varias interesantes evoluciones, descendió sobre la pintoresca playa de Sanxenxo. De allí partió de nuevo en su magnífico ‘Bleriot’, llevándose a la distinguida señorita Chichana Patiño, quien con admirable serenidad cruzó el aire durante unos minutos en compañía del notable aviador. Cuando descendieron, fueron objeto de una ovación
.
Naquela altura, cando os primeiros voos realizados con éxito en aparellos con motor contaban con pouco máis de dez anos de existencia, non era raro que estas exhibicións congregasen multitudes de persoas para velas.
Patiño e Piñeiro formaban un bo equipo, as palabras do propio aviador así o confirman. Afirmaba que nunca tiveron ningún problema viaxando e que se transmitían total seguridade. El chega a referirse a ela como a fada dos seus triunfos e, andados os anos, non perderon contacto. Desde América do Sur el escribíalle cartas á Chichana para tela ao día dos seus éxitos e aventuras no outro lado do Atlántico.
Grazas ao tempo de aprendizaxe con Piñeiro, a nosa protagonista conseguiría o título de aviadora logo de acreditar cincuenta horas de voo. Trátase de algo moi pouco común para unha muller a principios do século XX. Tómese en conta que na Europa daquela altura, elas representan unicamente o 5% dos pilotos existentes, e que na India, a pesar de que a situación era mellor, non superaban o 13%.
Fóra do ámbito profesional, Elisa Patiño, contrae matrimonio en 1916 con Enrique Alcaraz, secretario de saúde do porto de Corcubión e que, co tempo, chegará a ser cónsul do Reino Unido na cidade de Barcelona. Seguindo a tradición, a voda celébrase en Pontesampaio, vila pertencente ao municipio natal da noiva.
Froito do matrimonio nace, menos dun ano despois, en xuño de 1917, a súa filla Lucía. Máis o equilibrio familiar había de durar pouco. A gripe española de 1918, no seu proceso de expansión pandémica, tamén chega a Galicia. Elisa vai ser unha das afectadas. Cae terriblemente enferma. E, a pesar de loitar contra a enfermidade durante meses, e de estar sempre arroupada pola familia e as súas amizades, o 12 de abril de 1919 o seu corpo decide deixar de resistir. Contaba daquela vinte e nove anos de idade. Apenas puido gozar do recoñecemento que se merece.
Patiño foi unha das pioneiras europeas en pilotar unha avioneta, foi tamén a primeira piloto de España e Galicia. Por isto, cabe situala á beira de mulleres icónicas coma a francesa Raymonde Laroche, que en 1910 se converteu na primeira muller en conseguir a licenza de piloto, ou a americana Harriet Quimby, que cruzou o Canal da Mancha en 1911 nun voo con motor.
Agradecementos
Arquivo da Deputación de Pontevedra
Biblioteca Virtual de Prensa Histórica
Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo
Bibliografía
Diario de Pontevedra
La Correspondencia Gallega
Rodríguez Rodríguez, Anair; Díaz, Nuria: Pioneiras: Galegas que abriron camiño. Vigo: Xerais, 2018.
Como citar: Pazo Moa, Eilún do : Elisa Patiño "Chichana". Publicado o 31/1/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30048. Recuperado o 29/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Carmen Matas reivindica a Elisa Patiño comoa primeira aviadora europea
Matas, Carmen: «Elisa Patiño, la gallega que se convirtió en la primera aviadora de Europa», Gente Yold
Fonte: Gente YOLD (2021, 11 junio). [Descarga: 2022-01-31]
Bruno Ruiz-Nicoli escribe sobre a relación entre Elisa Patiño e o aviador José Piñeiro, coñecido como "Hombre Pájaro"
Ruiz-Nicoli, Bruno: «La aviadora de Sanxenxo y el Hombre Pájaro», Traveler. Revista de viajes, (07/03/2021)
Fonte: Traveler. Revista de viajes [Descarga: 2022-01-31]
Artigo de Vitoria García sobre Elisa Patiño, publicado en GCiencia: xornalismo + divulgación
García, Vitoria: «Elisa Patiño, Chichana, a primeira aviadora galega» (26/09/2018)
Fonte: GCiencia [Descarga: 2022-01-03]
Artigo de Fernando Salgado sobre Elisa Patiño e José Piñeiro
Salgado, Fernando: «el aviador Piñeiro y su hada»
Fonte: La Voz de Galicia (08/07/2012)
Ligazóns de interese
Elisa Patiño Meléndez no web Do Gris Ao Violeta
Fonte: https://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/creadoras-e-pioneiras/pioneiras/elisa-patino-melendez/ [Consulta: 01/2021-01-28]