Xaime Quintanilla
A Coruña, Galicia, 13/ 6/1898 - Ferrol, A Coruña, Galicia, 18/8/1936Autoría: Ana Romero Masiá
Naceu na Coruña o 13 de xuño de 1891 e cursou os estudos de Medicina en Santiago
Vinculouse ás Irmandades da Fala desde o seu nacemento. En 1916, rematando os seus estudos de Medicina en Santiago, colaborou coa nova Irmandade desa cidade desde a súa fundación, represéntaa no funeral que na Coruña se lle fixo ao mestre Chané en febreiro de 1917 e na homenaxe a Fontenla que nesa cidade se lle rendeu en marzo do mesmo ano. Mais a principal actividade de Quintanilla nas Irmandades foi a realizada en Ferrol.
Os inicios da Irmandade ferrolá non foron doados, e foi posible grazas ao impulso de membros da Irmandade coruñesa e do propio Quintanilla, elixido primeiro conselleiro no acto fundacional que tivo lugar o 15 de abril de 1917. A partir desta data, a actividade de Quintanilla será moi intensa e manifestarase en varios ámbitos: artigos na prensa, celebracións de mitins e conferencias e creación de novas publicacións como voceiros do ideario da Irmandade ferrolá.
A primeira cabeceira foi Galicia. Boletín rexionalista presentada ao tempo que se inauguraba o local da sede da Irmandade ferrolá na rúa Real 32. Baixo a dirección de Quintanilla editáronse 14 números entre o 13 de decembro de 1917 e o 6 de marzo de 1918. A partir do número 6 modificouse o subtítulo da publicación, que pasou a denominarse Galicia. Orgão da Irmandade da Fala. Este boletín, bilingüe, actuou como plataforma ideolóxica do rexionalismo e de crítica do caciquismo e do sistema de quenda.
A presenza de Quintanilla detéctase en todos os números, especialmente os editoriais. Galicia soportou as críticas da prensa ferrolá, tanto da conservadora ?El Correo Gallego?, como obreira ?El Obrero? e republicana ?El Pueblo?, ás que replica en numerosas ocasións. Esta situación obrigou a definirse ideoloxicamente e a explicar o programa nacionalista, especialmente nas cuestións máis criticadas: o carácter separatista co que identifican o nacionalismo e a cuestión da utilización do galego como lingua propia para usar en todos os ámbitos. Quintanilla dedicou varios traballos a aclarar estas cuestións, entre os que destacan O separatismo catalán, A custión da fala e Nacionalismo e rexionalismo.
Durante o ano 1918 a Irmandade de Ferrol continuou desenvolvendo o seu labor baixo a presidencia de Quintanilla. Foi tamén un dos asinantes do Manifesto da I Asemblea Nacionalista e pasou a formar parte do Directorio da organización.
En 1919, Quintanilla estreou en Ferrol a súa primeira obra teatral, Donosiña, na que actuaba o propio autor, e iniciou a súa colaboración con Toxos e froles, especialmente co seu cadro de declamación.
Descoñecemos as razóns polas que a Irmandade ferrolá deixou de publicar o seu boletín, mais un tempo despois, en decembro de 1921, volverá editar outra cabeceira, de novo dirixida por Quintanilla: Boletín Mensual da Irmandade da Fala de Ferrol. Como consecuencia dos acordos tomados na IV Asemblea nacionalista de Monforte de febreiro de 1922, a partir do número 3 o Boletín modificou o título polo de Boletín Mensual da Irmandade Nazonalista Galega. Delegación do Ferrol. O derradeiro número conservado, o número 7, é de agosto de 1922.
Unha nova iniciativa de Quintanilla directamente relacionada coa Irmandade ferrolá foi a colección Céltiga. Novela mensual ilustrada, fundada en Ferrol en 1921 coa finalidade de publicar, exclusivamente, obras literarias en lingua galega. A fundación desta editorial responde ao compromiso de levar á práctica o programa cultural das Irmandades, promovendo o emprego do galego na literatura, especialmente na prosa. Nesta colección Quintanilla publicou dúas obras: Saudade e a obra teatral Alén.
O ano 1922 foi crucial na historia das Irmandades. Por proposta da de Ferrol, realizouse en febreiro a IV Asemblea nacionalista en Monforte. Representaban a Ferrol Xaime Quintanilla, Eugenio Charlón e Ramón Villar Ponte. A nova organización xurdida desta Asemblea de Monforte, a Irmandade Nacionalista Galega (ING), dotouse dun voceiro propio, Rexurdimento, no que Quintanilla colaborará.
O inicio da ditadura de Miguel Primo de Rivera en 1923 provocou a retracción fatal dos movementos nacionalistas. O 18 e 19 de marzo celebrouse na Coruña a V Asemblea da ING, actuando Quintanilla como secretario. Risco foi elixido conselleiro supremo e Quintanilla conselleiro de espallamento. Ademais de reiterar os acordos adoptados en Monforte, como o apoliticismo das Irmandades, varios membros que representaban, en certa maneira, o sector máis próximo ao obreirismo ?Quintanilla, César Sueiras e José Mª Calviño? propuxeron a creación dun sindicato nacionalista, a Confederación do Traballo Galego.
Esta tendencia de Quintanilla a atender as preocupacións do mundo obreiro e, en xeral, as de carácter social seguramente foi a que levou ao médico coruñés a aproximarse ao PSOE, o partido ao que pertencera na súa xuventude e do que se separou para atender as reivindicacións nacionalistas dos galeguistas.
A partir de mediados de 1923, a Irmandade ferrolá comezou un declive imparable, similar ao que lles aconteceu a case todas as Irmandades. Deixaron de editarse os órganos da asociación, de Céltiga non saíron máis números a partir de xullo, e membros vinculados ao nacionalismo en Ferrol como Manuel Morgado e Quintanilla achegáronse ás filas socialistas.
Como citar: Romero Masiá, Ana : Xaime Quintanilla. Publicado o 19/5/2016 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3235. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía sobre Xaime Quintanilla
Pereira Martínez, Carlos, e Romero Masiá, Ana: Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, Fundación Luís Tilve, Santiago, 2011.
Pereira Martínez, Carlos, e Romero Masiá, Ana: Xaime Quintanilla Martínez, xornalista en Ferrol, Club de Prensa de Ferrol-Sociedade de Cultura Valle Inclán, Ferrol, 2012.
Pereira Martínez, Carlos, e Romero Masiá, Ana: «Xaime Quintanilla Martínez: escolma de artigos xornalísticos», I e II, Anuario Brigantino nº 35 (2012) e nº 36 (2013).
Bibliografía específica sobre Antón Villar Ponte elaborada por Ana Romero Masiá
Audios
ENTREVISTA A XAIME QUINTANILLA ULLA SOBRE EL SUICIDIO
ENTREVISTA A XAIME QUINTANILLA ULLA SOBRE UN CONGRESO DE ENFERMEDADES DEL HIGADO
ENTREVISTA A XAIME QUINTANILLA ULLA SOBRE LA CRISIS EN FERROL
TERTULIA SOBRE TRADICION Y SUPERSTICION. CAPITULO: O CULTO A MORTE EN GALICIA. PRIMERA PARTE
TERTULIA SOBRE TRADICION Y SUPERSTICION. CAPITULO: O CULTO A MORTE EN GALICIA. SEGUNDA PARTE
CRONICA Y ENTREVISTAS SOBRE UNA MANIFESTACION DE REPULSA AL TERRORISMO
PROGRAMA ESPECIAL SOBRE LAS ELECCIONES MUNICIPALES DE 1983
ENTREVISTA A XAIME QUINTANILLA ULLA SOBRE FERROL (A CORUÑA)
CRONICA SOBRE EL CAMBIO DE DENOMINACION DE FERROL (A CORUÑA)
DECLARACIONES DE XAIME QUINTANILLA ULLA SOBRE EL DIA DE LA PATRIA DE GALICIA
REPORTAJE SOBRE EL BUQUE ESCUELA GALATEA
ENTREVISTA A XAIME QUINTANILLA ULLA SOBRE FERROL (A CORUÑA)
INFORMATIVO
Artigos Xaime Quintanilla
QUINTANILLA, X. (10/1925) Letras novas. Céltiga. 1ª (19), 27-29.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
QUINTANILLA, X. (12/1925) Saudade. Céltiga. 1ª (24), 29.
Ver narrativa Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
QUINTANILLA, X. (4/1950) A «Muiñeira de Roda». Alborada. 1ª (145), 67.
Ver narrativa Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
QUINTANILLA, X. (7/1978) Música: O nacionalismo musical. Nosa Terra, A. (26), 22.
Ver opinión Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;