Agustín Magán
Santiago de Compostela, 1918 - Santiago de Compostela, 2/4/1998Autoría: Ana Abad de Larriva
Grande amador do teatro e figura esencial na difusión das artes escénicas en Galicia
Agustín Magán Blanco foi unha figura esencial no teatro afeccionado galego e, sobre todo, unha persoa que amou fondamente o teatro, no que desempeñou diferentes funcións: actor, director, dramaturgo, tradutor, autor teatral, escenógrafo... Destacou especialmente polo seu importante labor a prol da dinamización cultural e a difusión teatral en Santiago de Compostela, cidade á que estivo sempre vinculado, mais tamén nos lugares da xeografía galega aos que levou o teatro, ao igual que a través das persoas que se formaron con el, abrindo o paso ás que logo serían as primeiras compañías profesionais.
A súa conexión coas artes escénicas estableceuse xa na nenez, en Santiago de Compostela, cando comezou a facer teatro na Escola da Inmaculada Concepción, e mantívose ao longo da mocidade e idade adulta, no Cadro Artístico La Salle, vinculado á sociedade de antigos alumnos do colexio, grupo do que sería director durante 15 anos. Mesmo durante a Guerra Civil, Agustín chegou a organizar representacións teatrais nas trincheiras.
De formación teatral autodidacta, a súa gran paixón foron sempre as artes escénicas, aínda que profesionalmente traballase no eido da contabilidade. En 1960 foi membro fundador da Asociación de Teatro de Cámara Ditea (acrónimo de Difusión de Teatro Afeccionado), no que, seguindo a traxectoria que xa desenvolvera á fronte do Cadro Artístico La Salle, asumiu tamén o rol de director artístico, cargo e paixón que desenvolvería ata o seu pasamento.
Durante as catro décadas que estivo á fronte de Ditea levou a cabo un importantísimo labor de difusión teatral, non só dirixindo senón tamén adaptando e traducindo unha grandísima cantidade e variedade de textos, tanto clásicos como contemporáneos (na primeira década de funcionamento da asociación, as montaxes fanse en castelán pero, a partir de 1970, van ser en galego, dende a estrea ese ano dunha adaptación d’A comedia da oliña, de Plauto, na tradución de Aquilino Iglesia Alvariño) e mesmo asumindo outras áreas, como o deseño do vestiario e da escenografía, así como alentando vocacións e impulsando a formación teatral; facendo sempre gala dunha gran modestia, como recollía a prensa da época. Ditea supuxo para Santiago de Compostela un importante impulso cultural, non só a través das representacións teatrais, senón grazas a outras actividades vinculadas, que tamén eran organizadas por Magán: conferencias, certames, premios e xiras para levar as pezas de Ditea a outros lugares da xeografía, non só galega, senón, nalgúns casos, tamén española.
Ademais, cara á década dos oitenta, Magán decidiu impulsar o seu traballo como autor teatral, escribindo para Ditea as súas propias pezas, coas que acadou diferentes recoñecementos. En 1978 obtivo o Premio do Ateneo de Ferrol con Mesmo semellaban bruxas: Retábulo tráxico de meigas e inquisidores, unha peza situada nos tempos da Inquisición en Galicia coa que Ditea gañou tamén o II Certame de Teatro de Lugo. En 1980 obtivo unha mención no derradeiro Certame Abrente coa peza Alias Pedro Madruga, unha obra ambientada no século XV arredor da figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, na que continuaba co seu interese por temas históricos e míticos, e coa que Ditea volvería gañar en 1982 o Certame de Teatro de Lugo, na súa terceira edición. En 1990 recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro con Os rebertes, outra peza de temática histórica, na que abordaba as loitas irmandiñas; e tamén gañou o Premio do Certame Literario Galaico-Portugués pola obra Deus mandou S. Tiago.
Outras pezas de autoría súa foron: A lenda de Xoán Bonome, estreada en 1985, baseada nun conto popular europeo levado á tradición galega; Naia, estreada en 1989, unha fantasía dramática sobre o amor dunha náiade e un cabaleiro, e que estaba inspirada nun conto do barón de La Motte-Fouqué; Farsa plautina, elaborada tendo como base textos de Plauto, estreada en 1987; e Don Xoán, un capricho dramático para o que partira de textos de Tirso de Molina, Molière e Pushkin. A comedia grotesca A pousada de Petra Cotón foi a súa derradeira obra, que se estrearía de xeito póstumo en 2001, tres anos despois do falecemento de Magán, “o Vello”, como o chamaban agarimosamente en Ditea. No ano 1986 dirixira tamén a versión radiofónica das pezas Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, e A comedia da oliña, de Plauto, na tradución ao galego de Aquilino Iglesias Alvariño, para a CRTVG, e en 1987 participara no telefilme Novo de Parmuíde, dirixido por Roberto Vidal Bolaño a partir de textos de Álvaro Cunqueiro.
O seu labor a prol do teatro e na dinamización cultural da cidade de Santiago de Compostela recibiu tamén diversos recoñecementos: o Premio Xiria ao Labor Teatral, en 1987, na súa primeira edición, convocado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC; a Medalla de Prata da Cidade ao Mérito Artístico e Cultural por parte do Concello de Santiago de Compostela no ano 1995, unha década despois de recoller ese premio en nome de Ditea; e o Premio de Honra Marisa Soto na primeira edición dos Premios María Casares, en 1997, da man da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia (agora Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG).
Ademais, a Federación Galega de Teatro Afeccionado, Fegatea, organiza, dende 2002, o Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, que leva o seu nome en homenaxe á súa figura e ao seu traballo.
Agradecementos
Á Asociación de Teatro de Cámara Ditea e, en especial, a Alberto Álvarez, por abrir o arquivo da asociación e facilitar importante documentación para a elaboración desta biografía.
Bibliografía
Magán, Agustín: O Teatro de Cámara Ditea. A Coruña: Escola Dramática Galega, 1980. (Cuadernos da Escola Dramática Galega; 9)
Magán, Agustín: Alias, Pedro Madruga e Mesmo semellaban bruxas. Sada: Ediciós do Castro, 1988.
Magán, Agustín: Os rebertes. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1993. (Os libros do Centro Dramático Galego; 12)
Magán, Agustín: A lenda de Xoán Bonome. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1993.
Magán, Agustín: Farsa plautina. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1993.
Méndez, Iria: «Agustín Magán era Ditea», Revista Galega de Teatro, Cangas: Asociación Cultural Entre Bambalinas, 18 (1998).
Riobó, Pedro P.: O teatro galego contemporáneo: 1936-1996. A Coruña: Universidade, 2000.
Rodríguez Villar, Alejandra Juno: A cultura teatral en Galicia: o caso de DITEA, 1960-1986. Santiago de Compostela: Universidade, 2005. (Tese de doutoramento). Accesible en: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/9700 [Revisada: 15 de xaneiro de 2022].
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia; Galaxia, 2007.
Vilavedra, Dolores (coordinadora): Diccionario da literatura galega. III: Obras. Vigo: Galaxia, 2000.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Agustín Magán. Publicado o 5/4/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=32466. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Programa da estrea da obra de Agustín Magán Mesmo semellaban bruxas polo grupo Ditea
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Agust%C3%ADn_Mag%C3%A1n [Descarga: 2022-04-05]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Agustín Magán no Diccionario da literatura galega
«Magán Blanco, Agustín». En Vilavedra, Dolores (coordinadora): Diccionario da literatura galega. I: Autores. Vigo: Galaxia, 2000; p. 360.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
O rebertes, obra de Agustín Magán, no Diccionario da literatura galega
«Rebertes, Os». En Vilavedra, Dolores (coordinadora): Diccionario da literatura galega. III: Obras. Vigo: Galaxia, 2000; p. 402-404.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Entrevista á actriz María Luz Villar sobre Ditea
«Un grupo de teatro heterogéneo que triunfa plenamente», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, (9 de maio de 1971), 11
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Reportaxe no xornal La Noche sobre os sete primeiros anos de vida de Ditea
«Ditea: 7 años de vida», La Noche, (23 de novembro de 1967), 12
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Nova no xornal La Noche sobre un festival organizado por Ditea para a conmemoración do III Día Mundial do Teatro, no que se estreaba unha montaxe de La razón del poder o el dictador, de Manuel de Heredia, na dirección de Agustín Magán
Alvite, Jesús: «Mañana, Día Mundial del Teatro», La Noche, (1 de febreiro de 1964), 4
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Nova no xornal El Compostelano sobre a constitución oficial da Asociación de Teatro de Cámara Ditea
«D. Ángel Porto Anido, presidente de la Asociación de Teatro de Cámara Ditea», El Compostelano Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
O xornal El Compostelano informa da montaxe da obra Los Molinos de Roma, a cargo da Sociedade de Antigos Alumnos da Escola da Inmaculada e dirixida por Agustín Magán
«Sociedad de antiguos alumnos de la Escuela de la Inmaculada», El Compostelano, (17 de marzo de 1944), 2
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Noticia en El Compostelano sobre unha velada artística desenvolvida polos antigos alumnos da Escola da Inmaculada Concepción, na que se destaca a intervención de Agustín Magán
«Resultó admirable la velada que ayer celebraron los Antiguos Alumnos de la Escuela de la Inmaculada», El Compostelano, (2 de febreiro de 1942), 2
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Agustín Magán na páxina web do concello de Santiago de Compostela
«Información sobre Agustín Magán Blanco» santiagodecompostela.org, [Descarga: 2022-04-04]
Fonte: http://santiagodecompostela.org/imxd/noticias/doc/1383569169informacion_agustin_magan_e_ditea.pdf [Descarga: 2022-04-04]
Ligazóns de interese
Agustín Magán na páxina web de Ditea
Fonte: http://ditea.blogspot.com/2010/03/agustin-magan.html [Consulta: 2022-04-04]
Homenaxe a Agustín Magán dos Centros Socioculturais de Santiago e mais de Ditea. 4 de novembro de 2013
Fonte: http://santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?id_nova=10486 [Consulta: 2022-04-04]
Tese de doutoramento de Alejandra Juno Rodríguez Villar sobre Ditea
Rodríguez Villar, Alejandra Juno: A cultura teatral en Galicia: o caso de DITEA, 1960-1986. Santiago de Compostela: Universidade, 2005. (Tese de doutoramento)
Fonte: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/9700 [Consulta: 15 de xaneiro de 2022]
Agustín Magán foi Premio de Honra Maria Casares na edición de 1997
Fonte: https://aaag.gal/mariacasares/edicions/i-edicion/premio-de-honra/1937 [Consulta: 2022-04-04]
Videos
20 Anos de de Teatro Amador. Homenaxe a Agustín Magán
Video realizado pala Fegatea ( federación galega do teatro afeccionado) o 3 de outubro do 2021 para homenaxear a Agustín Magán no XX Festival de teatro amador que leva o seu nome.
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=_MWMwOUh_Eo&ab_channel=FEGATEAfederaci%C3%B3n [Consulta: 2022-04-04]