Urbano Feijoo Sotomayor
Bamio, Santo Eusebio da Peroxa, Coles, Ourense, 1808 - Viana do Bolo, 10/8/1898Autoría: Elisa Vázquez de Gey
O creador da «Patriótica Empresa de axuda a Cuba e salvación de Galicia»
Urbano Feijoo Sotomayor nace en 1808 na casa familiar de Bamio, parroquia de Santo Eusebio da Peroxa, concello de Coles, provincia de Ourense. A súa infancia transcorre no seo dunha familia numerosa –cinco varóns e unha muller– que responden aos nomes de Castor, Urbano, Jaime, Amalia, Camilo e Tadeo, os seis fillos do intendente xeneral do exército, José Feijoo Sotomayor Marquina e da súa esposa Manuela Cejo y Montes.
A traxectoria de Urbano sería incomprensible sen estar ao tanto da enorme influencia que sobre el exercen os seus irmáns Castor, Jaime e Camilo, os tres militares con parecidas aspiracións sociais e idéntico modus operandi en manexos de dubidosa legalidade.
No que compete a Castor Feijoo Sotomayor y Cejo, consérvanse poucos datos, aínda que son significativos: casado e con fillos, en 1852 é coronel de reserva destinado en Guadalaxara como primeiro comandante do Terceiro Batallón do Rexemento de Infantería de SM a Raíña. Un ano despois figura como propietario da mina Virgen del Pilar en Rata (Guadalaxara) e a partir de 1865 é presidente da Compañía de Ferrocarril de Córdoba Espiel y Belmez, destinada a construír un tramo de liña férrea para transporte do mineral extraído nas minas. O goberno revógalle a concesión cando se descobre que, con artimañas financeiras, as contratas pasan de man en man e cada cambio de contratista paraliza as obras. A Compañía presenta suspensión de pagos en 1875.
En canto a Urbano Feijoo Sotomayor y Cejo, tamén militar aínda que de menor rango, sabemos que casa con Carlota Álvarez Robleda y Sanz fixando a súa residencia en Viana do Bolo. De carácter ambicioso e verbo locuaz, curtido en preitos e litixios, cando remata a I Guerra Carlista desexa afastarse do exército e, sabedor das grandes fortunas que se amasan alén mar, embarca con destino a Cuba na compaña do seu irmán Jaime.
Na Habana utiliza os seus contactos militares para obter prebendas e licenzas. Emulando a Castor, primeiro logra unha concesión para construír o tramo ferroviario de Macagua a Santa Clara no Ferrocarril Central de Cuba; pouco despois xa figura como accionista do Camino de Hierro de Sagua; en paralelo, os seus frecuentes paseos polo palacio dos capitáns xerais ábrenlle as portas á administración e é nomeado vogal da Junta de Auxilio de la Población Blanca da Habana.
Urbano é ademais, o flamante propietario do Depósito de Publicaciones nacionales y extranjeras de La Habana e subscribe contratos con autores de primeira liña que desexan difundir as súas obras en Ultramar, como é o caso do escritor José Zorrilla, residente en Francia, que contrata con Feijoo Sotomayor en 1852 a distribución en exclusiva de dúas das súas obras.
Continuando coa familia, Jaime Feijoo Sotomayor y Cejo, militar, solteiro e novo, viaxa cara a Cuba na compaña de Urbano. Acababa de chegar á illa cando é invitado á casa de don Salvador Lapaza de Martiatu, viúvo e pai de cinco fillos, dos cales tres son mulleres. Unha delas, Manuela, está solteira. Os Lapaza de Martiatu –familia crioula de ascendencia biscaíña cuxa fortuna procedía da trata de negros– posúen enxeños de azucre, plantacións de café, accións, casas e enormes negradas que chegan ao millar de escravos. Jaime Feijoo Sotomayor e Manuela Lapaza de Martiatu non tardan en casar. Tras a voda instálanse na localidade francesa de Baiona e, posto que xa non residen en Cuba, asinan poderes universais a Urbano para que administre as súas propiedades e os represente na illa. Jaime morre axiña e sen testar, deixando viúva e dúas fillas das que Urbano pasa a ser responsable legal.
Xusto neste momento aparece en escena o outro irmán, Camilo, que se presenta na Habana entrada a década de 1850. Aposto militar nos trinta anos, condecorado e solteiro, chega precedido de enorme prestixio por contar coa amizade da raíña; é un feito coñecido que, na noite do 7 de outubro de 1841, o daquela capitán da Guardia Real Camilo Feijoo fixera fronte con encomiable ousadía aos xenerais Gutiérrez de la Concha e Diego de León cando pretendían acabar coa rexencia de Espartero asaltando o Palacio Real e secuestrando a Isabel II. Camilo, puxo a salvo á nena raíña, lealdade que Isabel ten moi presente e á que corresponde amosando proximidade á persoa do seu fiel gardián.
En Cuba Camilo Feijoo é coronel do rexemento de armas Habana n.º 6 e por suposto frecuenta a Urbano e á súa cuñada Manuela que, dende 1852, garda obrigado loito por Jaime. Entre ambos os irmáns e Manuela encadéanse visitas, entrevistas e negociacións que cristalizan en 1856 cando se celebra o matrimonio –con dispensa eclesiástica, por ser parentes– da dama viúva Manuela Lapaza de Martiatu co irmán do seu defunto esposo, o coronel do exército don Camilo Feijoo Sotomayor y Cejo, un enlace de conveniencia que blinda o patrimonio de ambas as familias. Por interese económico dous irmáns casaron coa mesma muller.
Anos antes, en 1944, morrera o pai de Manuela. O seu fillo varón lexítimo, Salvador Domingo de la Santísima Trinidad Lapaza de Martiatu, herda a maioría das propiedades familiares. Inexplicablemente ao pouco tempo Salvador comeza a amosar indicios de grave desvarío mental. En 1846 abandona sen avisar o seu posto de subdelegado da Mariña e marcha de Cuba. Antes de partir asina plenos poderes deixando as súas posesións en mans do seu cuñado a cambio dun arrendo anual e noméao o seu titor.
Velaquí a clave do fulgurante ascenso de Urbano: da noite á mañá administra importantes bens alleos e convértese en titor dun demente adiñeirado.
O escenario podería terlle proporcionado prestixio, recoñecemento social e unha certa popularidade –de feito a prensa habaneira eloxia a Feijoo como gallego de nación de estirpe militar, rico empresario y hacendado con intereses en campo y ciudad
–, pero nada máis lonxe da realidade: Urbano é incapaz de negociar cos donos das facendas, carece de experiencia como administrador, inviste en compañías deficitarias e dilapida fortunas que non lle pertencen. Se ben nun primeiro momento consegue disimular o caos das súas finanzas, en 1853 o desastre xa é de coñecemento público.
Talvez como unha fuxida cara adiante ou nun intento final de saír do apuro, Urbano Feijoo comeza a rumiar un novo proxecto: a Compañía Patriótico-Mercantil.
Os anos 1853 e 1854 son para Galicia tempo de fames e na Habana a Junta Central de Socorros –da que Urbano tamén é vogal– prepara unha acollida masiva de galegos pobres como colonos. A iniciativa é beneficiosa para Galicia pero tamén para Cuba posto que, prohibida la trata, la escasez de brazos esclavos se ha hecho sentir […] el cólera ha arrebatado de las fincas muchos miles de negros […] y urge traer braceros
.
Esta é a orixe da idea trazada por Urbano coa inestimable colaboración do seu irmán Camilo, que manexa os fíos en Madrid: a Patriótica Empresa de ayuda a Cuba y salvación de Galicia, un proxecto de colonización filantrópico y benefactor
, que pretende trasladar á Habana miles de galegos con contratos míseros. Amparado como estaba o proxecto por un Privilexio Real, se as cousas saíran tal como esperaba Feijoo toda a inmigración da Illa permanecería durante anos en mans dun particular. Tan confiado está o promotor no éxito da súa empresa que, meses antes de obter a concesión en firme, xa os seus homes de confianza recrutan traballadores en Galicia de aldea en aldea, asinan contratos, proporcionan pasaportes, organizan traslados e concertan fretes completos de buques migratorios. En seis meses, de marzo a agosto de 1854, o porto da Habana ve chegar oito expedicións: 1.744 galegos libres, brancos, católicos e súbditos do reino de España, desembarcan en Cuba e acaban escravizados.
Feijoo, o mesmo que o ilustre doutor Tomás Romay –responsable da aclimatación e da saúde dos traballadores– defende que Un gallego ha de hacer el mismo trabajo que dos negros y al precio que cuesta un esclavo
, pero ao cabo de dous meses morreran trescentos homes. Os galegos ven que as condicións non son as do contrato que asinaran e rebélanse; os capataces impóñenlles a mesma regra –látego e cepo– que aos escravos africanos. Moitos logran fuxir e deambulan feridos, dementes, mendigando comida. A orde pública aprésaos e péchaos en depósitos de cimarróns
. Nas cartas que envían ás súas familias evidénciase o engano. En Galicia érguense voces e o asunto chega ás Cortes.
Ante o desastre da súa iniciativa Feijoo desaparece e a empresa queda en mans de representantes. Instalado en Madrid ocupa a súa cadeira de deputado e redacta Isla de Cuba, unha memoria exculpatoria na que intenta xustificar o fracaso do proxecto.
Na Habana deixa o caos: cincuenta e oito demandas de acredores por mala xestión en enxeños e propiedades enuméranse anexadas ao cartafol da Empresa Patriótico-Mercantil. Nos xulgados esperan outras tantas por débedas e litixios relacionados coa súa nefasta administración. En Madrid tamén hai preitos activos contra Feijoo, o máis sanguento é o Pleito del curador “ad bona” del demente Salvador Martiatu contra Urbano Feijoo de Sotomayor sobre el arrendamiento de sus bienes.
A Patriótica Empresa finalmente revélase como escravitude encuberta e as Cortes rematan a cuestión: a compañía é disolvida; os traballadores quedan libres das obrigas asinadas e ofréceselles a posibilidade de regresar a Galicia ou de permanecer en Cuba.
Dous anos despois o Goberno saca a venda pública os bens privativos que o promotor posúe na Illa. O coronel Camilo Feijoo Sotomayor merca todas as propiedades.
A vida de Urbano prosegue entre Cuba e España. Por suposto, non abandona a política e ao longo de case trinta anos recibe a súa acta de deputado a Cortes en tres ocasións: en 1854, por Ourense; en 1872, por Verín (Ourense); e en 1881 por Matanzas (Cuba).
Case octoxenario, retírase á súa vila natal. O seu admirado irmán Camilo, que dende 1873 posúe os títulos de Marqués de Santa Ildaura, Vizconde de San Rosendo e Comandante do porto de Mallorca, morre dunha pulmonía fulminante en febreiro de 1893.
Sen descendencia, Urbano Feijoo Sotomayor outorga testamento mancomunado coa súa esposa Carlota Álvarez Robleda y Sanz designando herdeiros, a partes iguais, a Tadeo, o irmán menor de Urbano e aos seus sobriños, os fillos de Castor, Amalia e Camilo.
Urbano Feijoo Sotomayor falece o 10 de agosto de 1898 en Viana do Bolo.
Un galego ha facer o traballo de dous negros polo prezo que custa un escravo
, Urbano Feijoo Sotomayor non só pensou e pronunciou as palabras coas que se remata esta a súa biografía, senón que as puxo por escrito e as defendeu contra vento e marea. Talvez por iso a historia reservou un espazo sombrizo e impreciso para o noso protagonista. Hai afirmacións que retratan a quen as emite.
Bibliografía
Feijoo Sotomayor, Urbano (1853): Isla de Cuba. Inmigración de trabajadores españoles: documentos y memoria escrita sobre esta materia. A Habana: Imprenta de J. M. Eleizegui.
Feijoo Sotomayor, Urbano (1855): Cuestión de Cuba. Madrid: Imprenta de Julián Peña.
Barcia Zequeira, María del Carmen (2007): En Cagiao Vila, Pilar; Guerra, Sergio: De raíz profunda. Galicia y lo gallego en Cuba. Santiago de Compostela: Universidade; 13-39.
Camargo, C. (2018): «1853 año del hambre en Galicia. Urbano Feijóo Sotomayor», Cuadernos de Domingo Fontán , (febreiro), 7-16.
Cambrón Infante, Ascensión (2000): «Emigración gallega y esclavitud en Cuba (1854). Un problema de Estado», Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, 4, 83-108.
Cambrón Infante, Ascensión (2022): «A razón de Estado e os Dez Mandamentos. O proxecto de Urbano Feijoo e as súas derivadas na emigración galega. Cuba, 1853-1856», Urbano Feijoo. As expedicións da «Compañía Patriótico-Mercantil», Consello da Cultura Galega, xuño 2022.
Pérez Bustamente, Rogelio (2014): El abogado Manuel Cortina y su época (1802-1879). Valencia: Tirant lo Blanch.
Vázquez de Gey, Elisa (2015): Una casa en Amargura. Barcelona: Ediciones B.
Villacorta, A. et. al. (2015): «Las listas de Feyjóo. Gallegos por esclavos», Programa Crónicas, (2 de outubro),( La 2 RTVE).
Fontes documentais
Archivo General de Indias (1855): Documentos relativos a la Contrata que se hizo con Don Urbano Feijoo Sotomayor para la emigración de colonos gallegos a Cuba, Sección de Diversos, Serie 3, Cartapacio 46.
Archivo Histórico del Ilustre Colegio de Abogados de Madrid (1855): «Pleito del curador “ad bona” del demente Salvador Martiatu contra Urbano Feijoo de Sotomayor sobre el arrendamiento de sus bienes»: Archivo del Excmo. Señor Don Manuel Cortina, rexistro n.º 1165, caixa 74, cartapacio 49. nº doc. 1168.
Archivo Histórico de Protocolos de Madrid (1851-1853): «Contrato entre el escritor José Zorrilla y Urbano Feijoo de Sotomayor, propietario del Depósito de Publicaciones nacionales y extranjeras de La Habana, para la distribución en Cuba de las obras de Zorrilla tituladas 'Granada' y 'Cuento de cuentos', 1852»: Registro del Consulado de París (Francia), de 3 decembro de 1851 a 17 outubro de 1853.
Archivo Histórico Provincial de Ourense (1878): «Testamento de fecha de seis de diciembre de 1878 otorgado por Don Urbano Feijoo Sotomayor natural de Bamio, ayuntamiento de Coles, vecino de Viana del Bollo y su esposa Doña Carlota Álvarez Robleda y Sanz, vecina de Viana del Bollo, instituyéndose en herederos en absoluto el uno del otro»: Protocolo de Don Ignacio Barros notario de Villavieja con residencia entonces en la villa de Viana del Bollo.
Como citar: Vázquez de Gey, Elisa : Urbano Feijoo Sotomayor. Publicado o 30/8/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=33383. Recuperado o 01/04/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Ascensión Cambrón Infante sobre as repercusións da Compañía Patriótico-Mercantil de Urbano Feijoo
Fonte: Cambrón Infante, Ascensión (2000): «Emigración gallega y esclavitud en Cuba (1854). Un problema de Estado», Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, 4, 83-108
Algúns artigos e entrevistas á novelista Elisa Vázquez de Gey sobre a figura de Urbano Feijoo e a escravitude na illa de Cuba
Artigos e entrevistas publicados nos seguintes xornais:
Galicia en el mundo (2016, 7-13 marzo), pp. 10-11
Faro de Vigo (2015, 28 de xuño), p. 5
La Voz de Galicia (2015, 26 de xuño), p. 38
Vázquez de Gey, Elisa (2016): «Una inhumana odisea gallega», La Opinión. A Coruña (28 de xuño), pp. 2-5
Ligazóns de interese
«Lo que se perdió en Cuba. Los esclavos ojiazules de Urbano Feijóo», programa de Radio Nacional de España
Fonte: RTVE. Documentos Radio Nacional de España
https://www.rtve.es/television/20220629/se-perdio-cuba-esclavos-ojiazules-urbano-feijoo/2385907.shtml [consulta: 2022-08-24]
Especial na web do Consello da Cultura Galega coa documentación das oitos expedicións levadas a cabo pola Compañía Patriótico-Mercantil de Urbano Feijoo
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/especiais/urbano-feijoo/ [consulta: 2022-08-24]
Especial do programa «Crónicas» de RTVE titulado «Las listas de Feijoo. Gallegos por esclavos»
Las listas de Feijoo. Gallegos por esclavos: https://www.rtve.es/television/20151002/gallegos-esclavos-listas-feijoo/1230930.shtml
Fonte: Radio Televisión Española. Programa «Crónicas»
https://www.rtve.es/television/20151002/gallegos-esclavos-listas-feijoo/1230930.shtml [Consulta: 2022-08-24]
Urbano Feijoo Sotomayor na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Urbano_Feijoo_Sotomayor [consulta: 2022-08-24]
Lembranza da figura de Urbano Feijoo no seu concello natal, Viana do Bolo
Fonte: Páxina web do concello de Viana do Bolo (Ourense). Portal de Turismo
https://www.vianadobolo.gal/turismo/directorio/gl/38 [consulta: 2022-08-24]
Videos
Gallegos en Cuba en 1854, documental sobre o proxecto da Compañía Patriótico-Mercantil
Fonte: www.youtube.com / Jorge Diaz. Historia de España
https://www.youtube.com/watch?v=QEp0ugChQRs