Olimpia Valencia

Baltar (Ourense), 1898 - Vigo, 1987

Biografía

----

Olimpia Valencia

Baltar (Ourense), 1898 - Vigo, 1987

Autoria: Carmen Pérez Pais

DOI: 10.17075/adg.3991

A primeira galega licenciada en Medicina pola USC

Olimpia Valencia López naceu en Baltar, provincia de Ourense, o 14 de decembro de 1898. Cando tiña doce anos marchou a Vigo, onde residirá, agás a etapa universitaria en Santiago de Compostela e Madrid. Filla única dunha familia acomodada, a súa vida representa á vez un caso singular, mais tamén significativo, da incorporación da muller ao eido académico e profesional no primeiro terzo do século XX en España, avance dramaticamente interrompido pola sublevación militar de 1936.

Na Academia Minerva de Vigo preparouse para se presentar por libre aos exames de Bacharelato e Maxisterio. Mais, como non lle gustaba a docencia, preferiu estudar Medicina, decisión que foi respectada pola súa familia pero peor acollida por moitas das súas amizades, por consideraren que non era unha carreira axeitada para mulleres. En 1919 ingresa na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, como as escasas alumnas doutras facultades, facía unha vida austera: estudar e pasear pola Ferradura. Tivo como profesores a Novoa Santos, Gil Casares e Romero
Molezún. En 1925 converteuse na primeira muller galega en obter a licenciatura en Medicina. O seu expediente académico inclúe dezanove matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura.

A Olimpia Valencia teríalle gustado ficar na clínica do doutor Gil Casares, onde se trataban enfermidades do pneumotórax, mais neste caso por presións familiares (naquel tempo non se xulgaba oportuno que as mulleres tratasen medicamente os homes) e tamén por influencia dos catedráticos, que pensaban que tiña que dedicarse a cuestións relativas á maternidade, inclinouse pola especialización en Xinecoloxía. Trasladouse a Madrid para preparar a súa tese de doutoramento, Variaciones de la colesterina en relación con la anestesia, baixo a dirección do acreditado doutor Recaséns. En Madrid instalouse na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu. O 23 de febreiro de 1928 estableceuse en Vigo e deuse a coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: "Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer". Nun principio tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de "médico", mais pouco a pouco foi
gañando prestixio profesional.

Muller de inquietudes culturais, vencellada a Galicia, tivo relación con varios recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Paz Andrade, Álvaro de las Casas ou Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do si no Plebiscito do Estatuto Galego, ambos os dous documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista (acusación que ela negará) e de ter trato con xente de esquerdas. Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade. Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roja", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu entrar na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.

A guerra e o franquismo fixeron que esta muller vivise retirada e centrada na vida familiar e no traballo. No seu haber hai que salientar tamén que foi membro fundador da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo e da Alianza Francesa desta cidade. Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de oitenta anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Foi recoñecida sempre pola súa elegancia persoal, discreción e calidade humana. Morreu no verán do ano 1987.

Como citar: Pérez Pais, Carmen : Olimpia Valencia. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3991 DOI: 10.17075/adg.3991]

Olimpia Valencia

Baltar (Ourense), 1898 - Vigo, 1987

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.3991

A primeira doutora galega

Médica, xinecóloga. Naceu en Baltar, Ourense. Era a única filla dun industrial hostaleiro ourensán asentado en Vigo desde 1910. Logo de facer os primeiros estudos na cidade olívica, fixo Maxisterio, preparándose por libre na Academia Minerva. Non sendo a docencia a súa vocación, e apoiada polos seus pais, decide facerse médica. Trasladouse a Santiago en 1919 para cursar a carreira de Medicina, licenciándose en 1925, con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra. Nese mesmo ano foi a Madrid a facer a tese de doutoramento, todo un fito para unha muller naquel tempo. O catedrático de Obstetricia doutor Recaséns vai ser o seu director e principal mestre. A memoria de doutoramento, presentada en 1930, levaba por título: “La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica”.
En Madrid, de seguida entra en contacto cos apéndices institucionistas, botando tres anos aloxada na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén vai exercer outras funcións para gañar unha bolsa co fin de custearse a estancia. No curso 1926-27 imparte clases de cultura xeral ás residentas. No seguinte curso é nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do entorno da JAE.
En 1928 trasládase a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e de xinecoloxía, na rúa do Príncipe onde vai exercer a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Mais iría gañando prestixio ata consolidarse definitivamente, pois a súa especialidade, enfermidades da muller, foi das máis axeitadas para exercer a medicina sen prexuízos naquel primeiro tercio do século XX, onde o contacto corporal entre xéneros diferentes, aínda que profesional, estaba considerado pouco menos que maldito. Olimpia mantén conexión coa investigación e se preocupa por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro, pois en 1929 solicita unha consideración de bolseira á JAE para ir a ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.
Foi unha das fundadoras da Academia Médico Quirúrgica de Vigo (1930), institución onde chegou a ser vicepresidenta (1935), labor de gran significado na participación feminina galega en foros profesionais, con cargos de responsabilidade na xestión e na representatividade. Dentro da súa actividade investigadora, en 1929, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas (A Coruña, 1929). Logo fixo unha comunicación na Academia de Vigo, en 1934, que levaba por título: “La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo”. Tamén foi unha das fundadoras da Alianza Francesa de Vigo.
Olimpia Valencia era unha muller de ideoloxía de esquerda, comprometida co seu país e co seu xénero, sendo das primeiras profesionais galegas que loitaron por normalizar a condición feminina na nosa sociedade. Tiña grandes inquedanzas culturais e intelectuais, mantivo contacto con Paz Andrade e con Álvaro de las Casas. A súa sinatura encabezou manifestos públicos a prol das candidaturas galeguistas de Pontevedra e do Plebiscito do Estatuto Galego de xuño de 1936. Por estes motivos, durante a Guerra Civil, foi detida en 1937, acusada de galeguista e de ter relación con xente de esquerdas. A partir desta mudou o seu campo de relación profesional e persoal, vendo como minguaba a súa consulta ao ser acusada de “roxa”. Pese a ter excelentes informes persoais e un labor profesional sen tacha, non foi suficiente para evitar que fose sinalada durante a dura e longa posguerra. Esta situación condicionou a Olimpia para o resto dos seus días, centrándose na vida familiar e profesional, e no estudo, cunha significada discreción.
Esta notable doutora, a primeira que deu Galicia, de grande calidade humana e unha adiantada do seu tempo morreu solteira en Vigo en 1987, cidade onde exercera a profesión durante case sesenta anos, compartindo o exercicio público e privado na especialidade de xinecoloxía.

Como citar: Gurriarán, Ricardo : Olimpia Valencia. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3991 DOI: 10.17075/adg.3991]

Obra sobre Olimpia Valencia

Entrevista a Olimpia Valencia

Entrevista de Sorel a Olimpia Valencia. Está publicada no xornal Faro de Vigo o 20 de novebro de 1971.

Texto de Carmen Pérez Pais

Texto de Carmen Pérez Páis sobre Olimpia Valencia. Está publicado na revista Festa da palabra silenciada nº 3. Xaneiro 1986.

Bibliografía

- GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R., Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006.
- SIMÓN LORDA, D., Médicos ourensáns represaliados na Guerra Civil e na posguerra. Historias da “longa noite de pedra, Ed. Fundación 10 de Marzo. 2002.
- SOREL Entrevista, Faro de Vigo, 20 de novembro 1971. 2002
- PÉREZ PAIS, M.ª C., “Olimpia Valencia, o femenino na historia”, Festa da palabra silenciada, 3 (xaneiro, 1986), p. 23-25.
- VV.AA.: Faro de Vigo, (6 xuño 1975), p. 13.
- VV.AA.: Faro de Vigo, (20 novembro 1971), p. 9.