Maruxa Boga
Bos Aires, 24/ 3/1916 - Bos Aires, 26/7/2010Autoría: María Xosé Porteiro García
Autoría: Verónica Torres
Voz e memoria da Galicia transterrada en Arxentina
Con 17 anos tiña o carné de locutora nacional número 1010 e iniciábase no teatro con Maruxa Villanueva, en pleno auxe do sainete costumista. Ata a xeneralización da televisión, nos principais teatros porteños actuaron compañías como a Agrupación Artística Céltiga, Aires da Terra de Maruxa Villanueva, a Compañía de Comedias Gallegas Boga-Tacholas, a da Unión Provincial Ourensá ou o Teatro Popular Gallego, de Blanco-Amor. Representaron obras de Llanderas, Suárez Picallo, Couto, Flores, Lozano, Comesaña, Dieste, Risco, Varela Buxán ou Lugrís Freire. O momento de maior valor histórico foi o 14 de agosto de 1941 coa estrea mundial de Os vellos non deben namorarse, no Teatro Mayo, pola Compañía de Comedias de Maruxa Villanueva, na que Boga protagoniza o terceiro acto no papel de Pimpinela.
Castelao, de volta a Bos Aires o ano anterior, concibira integramente a montaxe dunha obra que escribiu, musicou e da que fixo a escenografía. A colectividade galega tivo no teatro un espazo de encontro coa idiosincrasia de seu e tamén unha canle de expresión e cohesión identitaria a través da lingua e das historias dramatizadas que adoitaban recrear e transmitir ás seguintes xeracións os costumes, as tradicións e o xeito de vida da terra que quedara atrás. As sociedades galegas tamén celebraban festivais en que se representaban este tipo de textos e recitais de poesía galega, nos que Maruxa adoitaba participar.
Hai testemuños de persoas que a coñeceron como profesora de lingua e literatura galegas nas colectividades radicadas en Bos Aires pero o labor polo que será sempre lembrada Maruxa Boga é o radiofónico. Na radio, que se implantara con forza na Arxentina nos anos 20, colaborou en 1939 no programa Galicia, Arte y Cultura, conducido pola tamén locutora e actriz teatral galega Maruxa Villanueva, en Radio Argentina. Pouco despois, nese mesmo ano, tivo un programa propio, Variedades, en Radio Prieto, xunto ao comentarista deportivo de orixe vasca Alfredo Aróstegui. Con el, compañeiro tamén na vida, compartía as ideas republicanas e galeguistas, que o xornalista coñeceu sendo correspondente de Radio Rivadavia na Guerra Civil española. En 1945, con Aróstegui, Tacholas e Enrique González, puxo en marcha en Radio Buenos Aires Recordando a Galicia, espazo semanal que se mantivo ata o 25 de marzo de 1984. Estivo en Radio Rivadavia ata 1961; Luís Seoane, cando finalizaron as audicións nesta emisora, dedicoulle unha sentida homenaxe o 8 de outubro dese ano no seu programa Galicia Emigrante. Recordando a Galicia pasaría posteriormente a Radio Antártida e Radio del Pueblo. Castelao, que tivo un papel crucial á hora de concibir este proxecto de Maruxa Boga, a quen apoiou sempre, participou na memorable emisión inaugural do 5 de agosto, xunto co equipo que achegaba a aquelas audicións feitas en directo -como correspondía á época- a música de Galicia: o grupo de gaitas de Manuel Dopazo, os acordeóns dos irmáns Moreira ou as corais das asociacións galegas. As principais figuras do exilio e da inmigración, e tamén do mundo cultural arxentino, pasaron por aquel programa, concibido “para exaltar a un pobo laborioso e honesto”, que teimou en revalorizar a imaxe da colectividade galega e a súa achega á construción da sociedade que a recibira, pero tamén en evitar o esquecemento do valor identitario da lingua, da cultura e da historia de Galicia.
Nun dos escasísimos textos en que se fala dela, Luís Seoane di que Maruxa Boga era unha “auténtica patriota”. Galega por “ius sanguini” e arxentina por “ius solis”, foi unha prototípica filla da emigración. Con luces: educada e arraigada no país de acollida, ascendendo un gran chanzo ao pasar nunha soa xeración das oportunidades dunha Galicia rural e esquilmada ás que ofrecía un país moito máis rico e desenvolvido. E con sombras: o trauma familiar polo desarraigamento e as innegables dificultades de integración nunha sociedade nova, multicultural, á procura dunha identidade de seu, en constante cambio, cosmopolita e complexa. Galicia achegou a este encontro con Arxentina milleiros de mulleres e homes que desde o teatro, a música, as artes plásticas, a literatura, o ensino, a industria, as profesións liberais, o comercio, a empresa, o traballo doméstico ou os medios de comunicación contribuíron a producir esa aperta fraternal, non exenta de dor, para quen Maruxa Boga foi alento, inspiración e refuxio.
Cortázar dixo, das galegas e dos galegos, que precisaban da súa lingua para respirar. Así lle aconteceu a Maruxa Boga, que reivindicou sempre o legado de Castelao e apoiou iniciativas anovadoras coma as de Xeito Novo, Os Gromos ou Herbas de Prata. En 2006 a Xunta de Galicia lembrou o seu papel no Primeiro Congreso da Emigración Galega de 1956 e en 2008 deulle o nome de Maruxa Boga ao salón de actos da súa Delegación na Arxentina. O Goberno español concedeulle a título póstumo a Medalla de Ouro da Emigración.
AGRADECEMENTOS
Carlos Fernández Rial.
Gustavo Fernández.
Fundación Xeito Novo de Cultura Galega
Graciela Pereira.
Asociación Cultural Os Gromos.
Manuel Cordeiro.
Carolina Roig
Centro Betanzos.
Federación de Sociedades Galegas.
Asociación Echando Raíces.
Ramón Suárez, O Muxo.
Jorge Navós.
Nilda Gómez Pallarés
Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires.
Como citar: Porteiro García, María Xosé : Torres, Verónica : Maruxa Boga. Publicado o 1/1/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=450. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Transcrición e notas sobre o corte de audio do final do Programa Recordando a Galicia dedicado ao Día de Galicia (probablemente 1955)
Fonte: Fundación Xeito Novo de cultura galega de Arxentina con sé en Bos Aires.
Transcrición da intervención de Maruxa Boga no acto de homenaxe no que se da o seu nome ao Salón de Actos da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (12-2-2008)
Fonte: arquivo de María Xosé Porteiro
Texto autógrafo de Maruxa Boga no Libro de Ouro da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires. Recollido no acto de homenaxe no que se da o seu nome ao Salón de Actos da citada Delegación (12-2-de 2008)
Fonte: arquivo de María Xosé Porteiro
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Maruxa Boga
A xornalista e actriz Maruxa Boga, arxentina de nacemento, exemplifica coma ninguén a defensa e o traballo pola identidade galega nun contorno urbano e cosmopolita como Bos Aires. Dende a súa participación en numerosas pezas teatrais dos nosos dramaturgos ou a través de distintos programas radiofónicos ‒acompañada doutros nomes da colectividade galega‒, traballa teimosamente na reafirmación dos sinais identitarios galegos.
O Arquivo Sonoro de Galicia mostra, deseguido, en tres documentos sonoros, a versatilidade e a firmeza de Maruxa Boga nesta tarefa.
Un recital poético
En maio de 1980, o Centro Galego de Bos Aires celebra o Día das Letras Galegas, dedicado a Afonso X o Sabio. Neste acto participa Maruxa Boga cun pequeno recital poético no que a súa intensidade e enerxía interpretativa nos versos de Avelino Díaz, Ramón Rey Baltar, Rosalía de Castro e mais no seu parlamento de Pimpinela de Os vellos non deben namorarse de Castelao alborozan o público asistente.
Duración: 18'02''
Sinatura: COPA—CON/228.
Fondo: Colección Pampillón. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Galegos na Arxentina
Maruxa Boga, xunto con Alfredo Aróstegui, pon en marcha, entre 1945 e 1984, o programa radiofónico semanal Recordando a Galicia, que supón unha fiestra aberta á cultura galega para a colectividade emigrante. O editorial deste programa de 1970, emitido a través de LSE Radio del Pueblo de la República Argentina, titúlase “Galegos na Argentina” e nel destaca a figura de Manuel Cordeiro.
Duración: 02'46''
Sinatura: CMCO-PRR/98 .
Fondo: Colección Manuel Cordeiro. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
"Qué es un gallego"
Recordando a Galicia recolle distintos aspectos da actualidade galega (música, entrevistas, novas culturais e sociais, publicidade etc.). Este programa radiofónico convértese nun documento moi valioso para o estudo da colectividade galega na Arxentina pola variedade dos seus contidos. No editorial deste programa de 1983, Maruxa Boga fala de “Qué es un gallego”.
Duración: 02'34''
Sinatura: CMCO-PRR/99 .
Fondo: Colección Manuel Cordeiro. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Unha das voces emblemáticas da radiofonía galega na Arxentina.
Transcripción da biografía ofrecida por Ramón Suárez «o muxo», no seu programa «Con vos», Radio cultura, 97.9 mh, emitido o día no que Maruxa Boga cumpriría os 95 anos (marzo 2011)
Fonte: arquivo de María Xosé Porteiro
«Unha voz que nunca calou», artigo do País dixital no que José Luís Estévez denuncia a falta de recoñecemento que Maruxa Boga tivo en vida (10-9-2010)
Fonte: http://elpais.com/diario/2010/09/10/galicia/1284113910_850215.html (data descarga 23-5-2012)
PORTEIRO, M.X.: «Maruxa Boga, galega consciente», Xornal de Galicia, (30-07-2010)
Fonte:http://webdev-xornal.openhost.es/opinions/2010/07/27/Opinion/maruxa-boga-galega-consciente/2010072723562700164.html (data descarga 23-5-2012)
FARÍAS, R.: «Viejos estereotipos y nuevos discursos: la visión de Galicia y de los gallegos en una fracción de la élite galaicoporteña a mediados de la década de 1940», Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, V. 13, p. 51-61 (2010)
Fonte: Dialnet. Data descarga 2-5-2012
«unha homenaxe para todas as galegas». Información sobre o Premio Rosalía de Castro outorgado, entre outras, a Maruxa Boga polo o colectivo feminista «Herbas de Prata» de Bos Aires no Día Internacional da Muller de marzo de 2008
Fonte: http://www.herbasdeprata.blogspot.com.es/2008_03_01_archive.html (data descarga 23-5-2012)
SEOANE, L.: «A audición radial Recordando a Galicia», Xornalistas con opinión. Escolma de textos, Consello da Cultura Galega & Editorial Galaxia, 2007, p. 363- 266
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
SOTO, M.: «Republicanas», PAGINA 12. Suplemento LAS 12, (28-02-2003). Artigo sobre a presenza de españolas exiliadas en Arxentina tras do golpe de estado contra a II República Española.
Fonte: http://www.pagina12.com.ar/diario/suplementos/las12/13-540-2003-03-03.html (data descarga 23-5-2012)
CABO, X.L.: «O Rego da cultura. A radiodifusión galega no exterior», Revista Grial, nº 142 (1999), Editorial Galaxia, p. 357-360
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
BLANCO ROSAS, J.J: «Os programas radiais dos emigrantes galegos», Revista de Estudios Migratorios, nº 6 (Decembro 1998), Consello da Cultura Galega, p.195-207
Fonte: http://www.consellodacultura.org/mediateca (data descarga 4-5-2012)
«Forza segreda: Obra de teatro inédita dun autor emigrante», artigo de Concepción Delgado Corral» na que se referencia o labor teatral de Maruxa Boga
Fonte: http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:Llcgv-E02724EB-33A4-6126-6586-81BBF4B3B559&dsID=Forza_Segreda.pdf (data descarga 23-5-2012)
Referencias web. Maruxa Boga en…
Ligazóns de interese
Nova sobre o pasamento de Maruxa Boga na web España Exterior. Grupo La Región.
[última consulta: 27/07/2021]
Maruxa Boga, siempre viva
[última consulta: 27/07/2021]
Radiodifusión galega nos países rioplatenses: fontes de referencia para unha análise histórica
[última consulta: 27/07/2021]
Maruxa Boga na wikipedia
[última consulta: 27/07/2021]
Maruxa Boga, Recordando a Galicia
[última consulta: 27/07/2021]
Audios
Derradeiro discurso de Maruxa Boga co gallo da Homenaxe na que se da o seu nome ao Salón de Actos da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (2008)
Despedida dunha emisión de Recordando a Galicia, dedicada ao Día de Galicia (probablemente 1955)
Referencias bibliográficas
- DELGADO CORRAL, C.: Obra en galego de Xesús Calviño de Castro: Forza segreda (teatro), poemas inéditos e dispersos, Betanzos, Concello, 1999, p 148-151.
- NÚÑEZ SEIXAS, X.M.; CAGIAO VILA, P. (coord.): La Galicia Austral. La inmigración gallega en la Argentina (1880-1940), Bos Aires, Biblos, 2001, p.135, (Argentina Plural).
- SAMUELLE LAMELA, C.: La emigración gallega al Río de la Plata, Santiago de Compostela, Secretaría de Relacións coas Comunidades Galegas, 2000, p. 225, (A nosa diáspora. Estudios).
- VILANOVA RODRÍGUEZ, A.: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires, Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1015, nota 5.
Artigos Maruxa Boga
BOGA, M. (12/1949) Mientras no haya unión efectiva no habrá paz. Betanzos. 1ª (44), 27-28.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
BOGA, M. (1/1951) Definiciones. Betanzos. 1ª (45), 28.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;