f Ramón Cabanillas | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Ramón Cabanillas

Cambados, Pontevedra, 1876 - Cambados, Pontevedra, 1959

Biografía

----

Ramón Cabanillas

Cambados, Pontevedra, 1876 - Cambados, Pontevedra, 1959

Autoria: Francisco Fernández Rei

DOI: 10.17075/adg.580

(Cambados 1876-1958)


Ramón Cabanillas (Cambados 1876-1958), despois de estudar no seminario compostelán de S. Martiño Pinario, traballa como oficial de contabilidade na súa vila natal, onde funda e dirixe os xornais El Umia (1907) e El Cometa (1910); neste adhírese á causa redencionista e anticaciquil do sindicato agrario Acción Gallega de Basilio Álvarez. Na emigración cubana (setembro do 1910 a xuño do 1915) abraza o galeguismo como ideoloxía rectora e publica os poemarios No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), que supuxo alivio e esperanza para o incipiente nacionalismo galego pola estética moderna e universal coa que “aggiornaba” a linguaxe poética das coroas poéticas do Rexurdimento.
Era o “poeta arelado”, en palabras de Antón Villar Ponte, primeiro conselleiro da Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña, creada o 18 de maio do 1916 na sede da Real Academia Galega. Días despois constituíuse a Irmandade de Santiago, presidida por Lois Porteiro Garea, na que se integra Cabanillas cunha carta na que rogaba que puxesen o seu “nome homilde, xa que nesa milagreira e groriosa ciudá sentín os primeiros latexos de amor i as máis fondas emocións do arte da nosa terra”. Segundo Emilio Xosé Ínsua, o vocábulo Irmandades da Fala no canto do inicialmente barallado Liga de Amigos do Idioma, ten que ver co emotivo emprego que fixera o vate cambadés en poemas emblemáticos do apelativo irmáns, de claras resonancias cristiás franciscanistas e / ou irmandiñas, como no himno de Acción Gallega: “¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos! / ¡Dende Ortegal ó Miño / a folla do fouciño / fagamos rebrilar! / Que vexa a Vila podre, / coveira da canalla, / á Aldea que traballa / disposta pra loitar (...)”.
Embárcase con entusiasmo cos irmandiños, de aí que o 2 de xullo do 1916 participe na Coruña á excursión a Elviña, primeiro acto público da Irmandade; e desde a aparición en novembro dese ano d’A Nosa Terra voceiro do ideario do movemento, colabora con poemas emblemáticos como “¡En pé!” dedicado a Porteiro Garea (“¡Irmáns! En pé sereos / a limpa frente erguida, / envoltos na brancura / da luz que cai de riba, / o corazón aberto / a toda verba amiga, / e nunha man a fouce / e noutra man a oliva, / arredor da bandeira azul e branca, / arredor da bandeira de Galicia, / cantémo-lo dereito / a libre nova vida! (…)”) e o “Meu carriño”, coa dedicatoria “Prá y-alma acesa de Antón Villar Ponte”, director do xornal. Estes dous textos editaranse en Da terra asoballada (1917), con capa de Castelao, poemario que recolle a forte loita dos nacionalistas das Irmandades contra o caciquismo que asoballaba o país. Para A. Villar Ponte, pasou a ser “Poeta da Raza” e “primeiro poeta nacional de Galicia”.
Participa na 1ª Asemblea Nacionalista en Lugo (1918) e asina o seu “Manifesto”, na 2ª en Santiago (1919) e na 3ª en Vigo (1921), onde o designan con Risco, Viqueira e Villar Ponte para elaborar un relatorio para “chegar á uniformidade no idioma”; porén, non acode á 4ª en Monforte (1922), a da ruptura das Irmandades, porque está co galeguismo tradicionalista, esencialista e confesional de Risco, que lideraba a Irmandade Nazonalista Galega. A súa obra A man de Santiña inaugurara no 1919 o “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego”, que creara a Irmandade da Coruña; e na primavera do 1920 rematara O Mariscal, lenda tráxica en verso sobre Pardo de Cela, escrita en colaboración con A. Villar Ponte.
Despois de ser secretario interino de Mos (1917-1921), trasládase a Madrid onde é correspondente de La Zarpa, xornal ourensán de Basilio Álvarez, e publica a 2ª ed. de Vento mareiro (1921). A partir do 1924 traballa no Balneario de Mondariz como administrador e director da revista La Temporada de Mondariz, á vez que se converte no “animador cultural” do emblemático hotel propiedade do seu protector Enrique Peinador, que no 1926 lle publica Na noite estrelecida, A rosa de cen follas e O bendito San Amaro. Neste seu annus mirabilis, na editora Lar de Ánxel Casal aparecen O Mariscal e a 2ª ed. de No desterro e de Da Terra asoballada.
No 1930, Cabanillas participa na xuntanza da que sae o “Compromiso de Barrantes”, documento agrario-galeguista sen declaración de fe republicanista. Na II República está lonxe fisicamente da Terra, emocionalmente afastado do galeguismo e distanciado de case todos os vellos irmáns; dos moitos factores que influíron nisto, para o seu biógrafo Luís Rei o decisivo foi a cancelación que no 1932 fixo a Deputación de Pontevedra da subvención anual das 3 000 pts. que lle concederan cando no 1927 o elixiran, con Cotarelo Valledor, membro da RAE en representación das letras galegas. Os agasallos e prebendas oficiais dese ano provocaran a freita e a dolorosa ruptura cos irmáns.
Está en Madrid cando se produce o golpe de xullo do 1936, pero no outono dese ano deslócase a Valencia, onde se reencontra co vello amigo Castelao, do que se afastara politicamente. En xuño do 1937 volve a Galicia (na guerra tiña un fillo falanxista e outro republicano) e con máis de 60 anos comeza a peregrinar como secretario interino polos concellos de Meis, Silleda, Dozón, Moaña... sempre con denuncias polo pasado galeguista.
O 9 de xaneiro de 1944 represéntase en Cambados o seu poema dramático A ofrenda ás fadas no portal de Belén, cando está a vivir un dos momentos máis tristes do seu camiño longo, porque semanas antes morrera Eudosia, a nai dos seus oito fillos, que os criara mentres el andaba “desterrado” por Cuba, Madrid, Mondariz… A finais dos anos 40 embárcase de cheo na batalla sociocultural do galeguismo de posguerr; así, no 1948 case tiña escrito Samos, no 1949 publica Camiños no tempo, que inicia o proxecto editorial Bibliófilos Gallegos, e no 1951 a súa Antífona da cantiga inaugura o proxecto sociocultural de Galaxia. No triste “inverno” franquista mantivo un inequívoco compromiso coa lingua galega, sen usar o castelán en novas publicacións; e cando no 1950 na Arxentina morre o proscrito Castelao, edítase clandestinamente a fermosa elexía “¡Irmán Daniel!”, que asina Ramón Cabanillas.

Como citar: Fernández Rei, Francisco : Ramón Cabanillas. Recuperado o 28/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=580

Ramón Cabanillas

Cambados, Pontevedra, 1876 - Cambados, Pontevedra, 1959

Autoria: Adrián Estévez Iglesias

DOI: 10.17075/adg.580

Ramón Cabanillas Enríquez, coñecido coma o "poeta da raza", é un dos autores máis relevantes da literatura galega da primeira metade do século XX


Naceu no barrio de Fefiñáns o 3 de xuño de 1876. Comezou os estudos eclesiásticos en Santiago de Compostela, no seminario de San Martiño Pinario, onde permaneceu entre 1889 e 1893. Traballou como funcionario no seu concello natal, ao tempo que dirixiu o quincenal El Umia (1907) e o decenal El Cometa (1910), ambos de tendencia anticaciquil.
Entre setembro de 1910 e xuño de 1915 estivo emigrado en Cuba. Alí abrazou a causa do galeguismo, especialmente da man de Basilio Álvarez, con quen se posicionou a favor do agrarismo, e de Xosé Fontenla Leal, un dos promotores da Real Academia Galega, quen o animou a que escribise en lingua galega. En Cuba publicou as súas primeiras obras: xa en 1910 o poema «Lonxe» na revista Suevia, e despois os libros No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
De volta a Galicia, traballou como secretario no concello de Mos, Moaña, Cuntis e Redondela. En 1917 publicou Da terra asoballada, que continúa a poesía social dos seus primeiros volumes, pero xa vai aparecendo Galicia como suxeito colectivo. Implicouse no proxecto das Irmandades da Fala e colaborando de forma habitual no periódico A Nosa Terra. Participa nas tres primeiras Asembleas Nacionalistas de Lugo (1918), Santiago de Compostela (1919) e Vigo (1921). Nesta última é designado xunto con Vicente Risco, Xohán Vicente Viqueira e mais Antón Villar Ponte como encargados dun relatorio para a uniformidade no idioma. Porén, non asiste á Cuarta Asemblea (Monforte, 1922) tras a ruptura das Irmandades e o seu posicionamento a carón do galeguismo máis conservador de Vicente Risco.
Antón Villar Ponte, implicado na posta en valor dun teatro galego moderno, encargoulle dúas obras. O 22 de abril de 1919 o Conservatorio Nacional da Arte Galega estreou na Coruña A man da Santiña, unha comedia amorosa protagonizada por personaxes fidalgos. En 1920 Cabanillas rematou O mariscal, publicado en 1926, baseada na vida de Pedro Pardo de Cela.
O 31 de agosto de 1920 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, a proposta de Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González. O seu discurso «A saudade nos poetas galegos» foi respondido polo propio Eladio Rodríguez. En 1927 foi elixido, xunto con Armando Cotarelo Valledor, membro da Real Academia Española como representantes das letras galegas. Ingresou en 1929 cun discurso sobre Eduardo Pondal.
Entre 1921 e 1924 viviu en Madrid, onde foi correspondente do periódico ourensán La Zarpa. En 1924 comezou a traballar como administrador no balneario de Mondariz, propiedade de Enrique Peinador, quen custeara varias das publicacións do escritor cambadés. Nesta etapa seguiu escribindo: de 1926 é o poemario Na noite estrelecida, con presenza de elementos do ciclo artúrico, de 1927 é A rosa de cen follas, onde recupera o seu lirismo intimista.
Ramón Cabanillas publicou nove escritos na revista Nós, case todo textos poéticos. No número 8 (decembro de 1921, dedicado por completo a Irlanda) publícase un poema seu ao país irmán, e no número 18 (xullo de 1923) aparece un soneto adicado ao apóstolo Santiago. Nos números 20 (agosto 1925) e 25 (xaneiro de 1926) publica dous longos poemas, «As pombas do perdón» e «A espada Escalibor». No número 42 (xuño de 1927) aparece un texto lido dous meses antes no Seminario de Estudos Galegos: «As romaxes de Nosa Señora da Franqueira», onde conta a súa experiencia como peregrino ofrecido. No número 81 da revista Nós (setembro de 1930) publica un poema, lido no banquete que se celebrara na Barxa o 25 de xullo dese ano. Poemas seus aparecen tamén abrindo os números 88 («Xoquín», abril de 1931), 90 («O relembro do clan», xuño de 1931) e 91 («Romances da frebe», xullo de 1931).
Esa foi a súa derradeira colaboración coa publicación. Foi por entón, pouco despois da chegada da Segunda República Española, cando rompeu co galeguismo. Apoiou, ao igual ca Basilio Álvarez, os diversos gobernos presididos por Alejandro Lerroux.
Cando tivo lugar o alzamento nacional de 1936 estaba en Madrid. Desde alí trasladouse a Valencia, onde retomou o contacto con Castelao, mais en 1937 regresou a Cambados. Xa con sesenta e un anos, cun fillo falanxista e outro republicano, traballou como secretario interino en diversos concellos, como Meis, Silleda, Dozón ou Moaña, e recibiu diversas denuncias polo seu pasado galeguista.
En xaneiro de 1944 estreouse en Cambados o seu poema dramático A ofrenda ás fadas no portal de Belén. Logo duns anos de silencio, retoma o activismo coa publicación de diversas obras, inaugurando respectivamente os catálogos de Bibliófilos Gallegos con Camiños no tempo e de editorial Galaxia coa antoloxía Antífona da Cantiga. En 1954 publicou Da miña zanfona na colección Xistral, e aínda publicaría outros dous libros antes do seu falecemento, o 9 de novembro de 1959. Nese mesmo ano vería a luz en Bos Aires a súa obra completa.

OBRA
Poesía

No desterro (1913)
Vento mareiro (1915)
Da terra asoballada (1917)
O cabaleiro do Sant Grial (1922)
Estoria do bendito San Amaro que foi chamado no mundo o Cabaleiro de Arentéi (1925)
Na noite estrelecida (1926)
A rosa de cen follas (1927)
Camiños no tempo (1949)
Antífona da cantiga (1951)
Da miña zanfona (1954)
Versos de alleas terras e tempos idos (1955)
Samos (1958)

Teatro
A man de Santiña (1921)
O mariscal (1926)

Como citar: Estévez Iglesias, Adrián : Ramón Cabanillas. Recuperado o 28/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=580

Obra sobre Ramón Cabanillas

Artigo «Algo se lee. Libros de Galicia en 1955»

Artigo escrito por Aquilino Iglesia Alvariño, apareceu a páxina completa o 6 de xaneiro de 1956 en La Noche. Vai ilustrado con oito retratos, a maioría fotografías, outros debuxados ou pintados.

Fonte: La Noche vía Galiciana
Bibliografia selecta sobre Ramón Cabanillas

FERNÁNDEZ REI, F.: Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2015.
ÍNSUA, E. X.: «Ramón Cabanillas e as Irmandades da Fala». [Relatorio inédito do Acto de homenaxe da Real Academia Galega na conmemoración do centenario da publicación de Vento mareiro de Ramón Cabanillas, celebrado no Auditorio da Xuventude de Cambados o 14 de novembro do 2015].
REI, L.: Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, Vigo, Galaxia, 2009.

Bibliografía específica sobre Ramón Cabanillas elaborada por Francisco Fernández Rei. 2017

| Procedente do Irmandades da Fala

Artigos Ramón Cabanillas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Ramón Cabanillas nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1934) Antoloxía nacional. Os inteleituas finiseculares. Galicia [Bs As 1930]. 2ª época (349), 3.
Mencións: Ramón Cabanillas ; Vicente Risco ; Antonio Noriega Varela ; Ramón Otero Pedrayo ; Castelao ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1950) Cabanillas de nuevo. Galicia [Bs As 1930]. (1105), 8.
Mencións: Ramón Cabanillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (11/1950) Galicia cada treinta días (septiembre). Galicia [Bs As 1926]. (452), 17 .
Mencións: Ramón Cabanillas ; Fernando Cadaval ; Manuel Colmeiro ; Ramón Otero Pedrayo ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1951) Galicia cada treinta días (marzo). Ronsel. Galicia [Bs As 1926]. (457), 10 .
Mencións: Antonio Blanco Freijeiro ; Ramón Cabanillas ; Isaac Díaz Pardo ; Celestino Fernández de la Vega ; Celso Emilio Ferreiro ; Ramón Piñeiro ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (8/1951) Las canciones del pueblo. Galicia [Bs As 1930]. (1152), 8.
Mencións: Ramón Cabanillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1954) 30 días de vida gallega:Glosa: Tres generaciones poéticasMiscelánea culturalPanorama artístico-musicalEl mundo de los librosInformación económica. Galicia [Caracas 1952-54]. 1ª época (9), 16 .
Mencións: Fernando Álvarez de Sotomayor ; Luís Amado Carballo ; Ramón Cabanillas ; Rosalía de Castro ; Álvaro Cebreiro ; Manuel Curros Enríquez ; Eduardo Pondal ; Antonio López Ferreiro ; Juan Naya ; Antonio Noriega Varela ; Manuel Antonio ; Jenaro Pérez Villaamil ; Antonio Quiroga ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (12/1957) Noticiero Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (498), 8 .
Mencións: Ramón Cabanillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (6/1958) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (501), 4 .
Mencións: Ramón Cabanillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1959) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (505), 6 .
Mencións: Fernando Bermúdez ; Eduardo Blanco Amor ; Alfredo Brañas ; Ramón Cabanillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (5/1959) Catro conversas. Galicia Emigrante. (37), 8 .
Mencións: Ramón Cabanillas ; Antonio Faílde Gago ; Aníbal Otero ; Manolo Torres ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1960) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (512), 28 .
Mencións: Ramón Cabanillas ; Camilo José Cela ; Eduardo Lence-Santar ; Paloma Picasso ; Daniel de la Sota y Valdecilla ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1964) Galicia cada sesenta días. Galicia [Bs As 1926]. (536), 9 .
Mencións: Ramón Cabanillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (1970) Cabanillas na Terra do Salnés. Casa de Galicia de Unidad Gallega. , 43.
Mencións: Ramón Cabanillas ;

Libros do ccg sobre Ramón Cabanillas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Ramón Cabanillas nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Coroación poética de Ramón Cabanillas.
1999 | Aquilino Iglesia Alvariño, Autoría. Ramón Nicolás, Limiar. Ramón Otero Pedrayo, Autoría. Paulino Pedret Casado, Autoría. Afonso Vázquez-Monxardín, Transcrición. Antonio Fernández Salgado, Transcrición.
Libro-audio
Ramón Cabanillas.
Centro Galego de Madrid, 1964
1996 | Ramón Cabanillas, Obxecto de estudo. Ramón Otero Pedrayo, Autoría. Afonso Vázquez-Monxardín, Coordinación.
Libro-audio