Julio Camba
Vilanova de Arousa, Pontevedra, Galicia, 1884 - Madrid, España, 1962Autoría: Benito Leiro
Xornalista viaxeiro, cosmopolita. Un dos mellores escritores en Prensa da literatura hispana
Comezou a súa andaina vital no barrio mariñeiro de Vilamaior, parroquia de Caleiro (Vilanova de Arousa) en 1884. Cursou os primeiros estudos na vila natal, onde o pai exercía como practicante de medicina. Apenas cumpridos os dez anos, xa daba clases a nenos e escribía un xornal artesán, coa colaboración do seu irmán maior, Francisco, tamén adiantado na vocación literaria. Foi un rapaz prematuro na forxa dunha rebeldía que, con afán decrecente, o acompañaría sempre.
Despois de principiar o bacharelato en Pontevedra comeza a publicar en xornais galegos como El Eco de Marín, La Idea Moderna, de Lugo, ou Diario de Pontevedra. Exerce como mancebo de farmacia en Vilagarcía e Marín, en cuxas reboticas le todo o que chega ás súas mans. Con quince anos e moi marcado espírito aventureiro, embarcou de polisón rumbo a Bos Aires. Aló contacta con grupos anarquistas que o conquistan para a causa da Idea libertaria. Escribe en La Protesta Humana, El Sol e noutras publicacións de ideoloxía ácrata, e non se priva de dar conferencias, mitins ou mesmo de promover folgas, como a folga xeral revolucionaria que provocou a promulgación da Lei de Residencia de novembro de 1902, contra os estranxeiros perigosos e indesexables. En virtude desa norma, Camba foi expulsado do país con pasaxe a España e puido presumir de ser o único galego ao que lle saíu de balde a viaxe de ida e volta ás Américas.
Logo de pasar unha tempada na súa vila natal, en 1903 marchou a Madrid, onde pretendía continuar a súa traxectoria de escritor ao servizo da causa anarquista. Fundou o semanario El Rebelde e meteuse en problemas que lle valeron causas xudiciais por supostos delitos de opinión. Tamén colaboraba en El País, o principal xornal republicano. O 31 de maio de 1906 o anarquista catalán Mateo Morral atentou cunha bomba contra o desfile da voda do rei Afonso XIII, causando numerosas vítimas entre o público congregado no centro da capital. Camba foi detido e interrogado porque coñecía ao autor do atentado, co que compartía ideoloxía, malia que o xornalista galego nunca incitara á violencia.
Tras este incidente, Camba iniciou o seu afastamento da Idea
anarquista para centrarse na súa carreira profesional. En 1907 pasou a facer parte da redacción de España Nueva, onde publicou «Diario de un escéptico», unha brillante serie de crónicas parlamentarias. En outubro do mesmo ano comezaba a escribir no xornal El Mundo, de recente fundación, onde adquiriu sona e se consagrou como cronista con series como «Palabras de un mundano» e «Veraneo extemporáneo». En outubro de 1908 abandonou El Mundo para deixarse levar polas súas inquedanzas viaxeiras; puxo rumbo a Turquía para ser correspondente en Constantinopla (Istambul). Poucos meses despois volveu a El Mundo, mais sen deixar de viaxar: enviárono a París e Londres, onde deixou pegada de cronista curioso, irónico e costumista.
En febreiro de 1912 fichou por La Tribuna, xornal que o devolveu a París e o converteu nun dos xornalistas mellor pagos do seu tempo. Por problemas coas autoridades galas, marchou á capital de Alemaña, Berlín, onde encetou a serie «Camba en Berlín». Continuou no mesmo xornal ata finais de 1913, cando pasou a formar parte do persoal de ABC. Nada mais comezar a primeira guerra mundial expulsárono de Berlín a Suíza, e fixo campaña en prol da Entente. Esta foi a época da súa carreira profesional na que máis duramente traballou.
Regresou a España en 1916, logo de oito anos no estranxeiro, pero axiña ABC o enviou aos Estados Unidos. Permaneceu un ano en Nova York e publicáronse con éxito os seus primeiros libros recompilatorios: Alemania, Londres e Playas, Ciudades y Montañas, que recollen artigos de El Mundo, La Tribuna e ABC. Camba forxou un estilo propio caracterizado pola síntese, a ironía fina e o paradoxo da súa escrita, que segue influíndo nos columnistas máis acreditados da prensa española.
En 1917 deixa ABC e pasa a El Sol, onde Camba se sentía máis cómodo para defender mellor as súas ideas liberais en prol da Entente. Durante unha década colaborou con este xornal. Cando cansou de Madrid volveu viaxar como correspondente a Berlín, Italia, Londres, Francia e Portugal. En 1928 volveu colaborar con ABC e editouse en Boston (EUA) unha antoloxía de artigos co título La Rana Viajera. A Fundación Carneggie convidouno a visitar os Estados Unidos, onde a Universidade de Columbia organizoulle unha recepción de honra.
Cando se proclama a República (1931) Camba está en Nova York e volve a tempo para asistir ás Cortes Constituíntes. Mais axiña desencántase co novo réxime e publica unha serie de artigos moi críticos baixo o título «Haciendo de República». O xornalista está en Lisboa cando o exército se ergue en armas contra o Goberno republicano. Camba refúxiase na casa natal de Vilanova de Arousa, facendo excursións a Santiago e a outros lugares de Galicia. A partir de 1940 deixa de viaxar con frecuencia, xa non se sente con forzas para facer e desfacer maletas. Reafirma que non lle gusta escribir e confesa odiar o inventor da imprenta, mais estas afirmacións contradinse coa súa ampla e brillante traxectoria literaria.
En 1952 recibe o premio Mariano de Cavia polo artigo «Plumas de avestruz». Ofrécenlle unha cadeira na Real Academia Española, pero rexéitaa. Seguiu colaborando con ABC, restaurando crónicas e artigos dos seus tempos viaxeiros. En 1949 mudouse ao Hotel Palace, onde viviu os seus últimos anos coa única compaña do persoal e dos amigos que o visitaban. O ano do seu pasamento (1962) editouse en Nova York unha antoloxía de artigos cambianos que se titulou Países, gentes y cosas.
OBRA
El destierro [Novela corta]. Madrid: El Cuento Semanal, 1907
Alemania. Impresiones de un español. Madrid: Renacimiento, 1916.
Londres. Impresiones de un viaje. Madrid: Renacimiento, 1916
Playas, ciudades y montañas. Madrid: Renacimiento, 1916
Un año en el otro mundo. Madrid: Biblioteca Nueva, 1917
Aventuras de una peseta. Madrid: Espasa Calpe, 1923
La Casa de Lúculo o el arte de comer. Madrid: Compañía Iberoamericana de Publicaciones (CIAP), 1929
La Ciudad Automática. Madrid: Espasa Calpe, 1932.
Esto, lo otro y lo de más allá. Madrid: Plus Ultra, 1945
…Etc., etc…. Madrid: Plus Ultra, 1945
Haciendo de República. Madrid: Espasa Calpe, 1934
El matrimonio de Restrepo. [Novela corta]. Madrid: La Novela de Hoy, 1924
Millones al horno. Madrid: Espasa Calpe, 1958
Mis páginas mejores. Madrid: Gredos, 1956
Ni fuh, ni fah. Madrid: Taurus, 1957
Obras Completas I y II. Madrid: Plus Ultra, 1948
La rana viajera. Madrid: Espasa Calpe, 1927
Sobre casi nada. Madrid: Espasa Calpe, 1928
Sobre casi todo. Madrid: Espasa Calpe, 1928
Case todas as obras de Camba foron e seguen a ser reeditadas.
Como citar: Leiro, Benito : Julio Camba. Publicado o 25/2/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=621. Recuperado o 31/03/2023
Publicacións periódicas
Primitivo, El (1905-) .
Revista mensual: Propiedad del Orfeón Gallego Primitivo
Correo de Galicia (1908-1945) .
Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Es el periódico regional de mayor circulación en Sud América
Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Es el periódico español de mayor circulación en la Argentina y Uruguay
Galicia [Montevideo 1929-30] (1929-1930) .
Cultura Gallega - Información - Noticias
Artigos Julio Camba
CAMBA, J. (3/1920) La Emigración es un Bien .... Eco de Galicia. 1ª (115), 14.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
CAMBA, J. (6/1944) La sardina. Acción Gallega. 2ª (10), 8.
Ver narrativa Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;