f María Casares | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

María Casares

A Coruña, 1922 - Alloue, FRancia, 1996

Biografía

----

María Casares

A Coruña, 1922 - Alloue, FRancia, 1996

Autoria: Arantza Estévez Lavandeira

DOI: 10.17075/adg.733

Unha grande actriz do teatro europeo do século XX

Adaptarse. Un poder que non lle é dado a todo o mundo; é un privilexio. Porque para adaptarse, sen perder con iso, é preciso un certo sentido da existencia; innato, penso; fai falla un ouvido agudo e unha ollada de aguia; fai falla moita comprensión e o desexo de comprender; son necesarios tamén un obxectivo ou obxectivos, unha razón ou razóns; ou ben, simplemente unha ardente vontade de vivir por vivir; ou ben cargas e responsabilidades; hai que ter unha idade en que as raíces poidan prender en calquera parte, ou ben as esperanzas de voltar a atopalas un día onde se deixaron. Fai falta, en fin unha saúde, unha grande vitalidade, circunstancias felices e ¡sorte!.

A actriz María Casares foi unha desas persoas que experimentou plenamente o significado da palabra adaptación. A novas realidades. A novas xentes. A novos espazos. Aínda non cumprira ben os catorce anos cando chegou a Francia fuxindo da barbarie golpista de 1936, por ser filla de Santiago Casares Quiroga, home forte do goberno de Manuel Azaña nos ilusionantes tempos da República. Aquela nena, nacida un 21 de novembro de 1922 na dinámica cidade da Coruña, instalouse xunto a súa nai, Gloria Pérez, en París sen coñecer máis que unhas poucas palabras en francés. María Casares pasaba ser Maria Casarès e durante un tempo soterrou no máis fondo de si mesma toda a bagaxe cultural e, tamén, vital que podía constituír un atranco no seu proceso de reinvención.

Á aprendizaxe dun novo idioma seguiulle o seu mergullo no teatro galo, abraiando os seus mestres de arte dramática con interpretacións dramáticas marcadas cun acento galego que nunca lle puideron arrancar. Correndo detrás de si mesma atopouse debutando no ano 1942 no Teatro Mathurins como primeira actriz, obtén unhas excelentes críticas e seduce profesional e persoalmente a un Albert Camus que aínda non soñaba co premio Nobel.

Chekhov, Dostoievski, Synge, Ibsen, Sartre e, por suposto, Camus foron algúns dos autores dos textos dramáticos cos que María Casares enchía os escenarios dos teatros parisienses na década dos anos 40. Anos difíciles nunha cidade ocupada pola escuridade nazi na que nai e filla, dúas refuxiadas, se atoparon frecuentemente con dificultades para sobrevivir. O cine ofrecía novas oportunidades a unha actriz que pasa pola Comédie Française antes de embarcarse naquela aventura colectiva e ilusionante que foi o Teatro Nacional Popular dirixido por Jean Vilar e de cuxa tripulación formou parte na década dos cincuenta.

Reinvención. Adaptación. Tamén a morte a marcou cando aínda era nova. Primeiro a nai. Despois o pai, un Santiago Casares Quiroga que chega xa enfermo a Francia tras o seu exilio británico. Posteriormente, Camus. Virán tempos de novas viraxes, de Latinoamérica e dun intenso contacto co exilio español, para chegar a Madrid no ano 1976 coa intención de poñer en escena El Adefesio, de Rafael Alberti. Despois de décadas sen cruzar os Pireneos, sentiuse allea ao rebumbio da transición e experimentou unha forte necesidade introspectiva. Cando volve a Francia e á súa espléndida propiedade na vila de Alloue, decide centrarse nas memorias, que publicou co título Residente Privilexiada. Memorias en que debuxa até o mínimo detalle cando narra a infancia nunha Galicia á que nunca voltou.

En Francia recibe os premios Molière e o Nacional de Teatro. O goberno español concédelle a Medalla ao Mérito en Belas Artes e a Xunta a Medalla Castelao. Galardóns que non acode a recoller, delegando esa tarefa noutros. Os actores e actrices galegos póñenlles o seu nome aos premios que conceden anualmente. Amósase encantada pero rexeita vir. O medo a romper as vellas postais. A sensación de que hai tempos que non se poden recuperar. O cine aínda lle tiña reservado bos papeis nos seus últimos anos de vida como en La Lectrice ou Someones Else´s America. Faleceu o 22 de novembro de 1996 preparando a obra El cerco de Leningrado, de José Sanchís Sinisterra. "O teatro morreu", titulou un xornal ao día seguinte. Un dos seus últimos xestos foi legar ao concello de Alloue as súas propiedades, hoxe convertidas na Casa dos Actores "María Casares".

Como citar: Estévez Lavandeira, Arantza : María Casares. Recuperado o 31/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=733

Obra de María Casares

Filmografía de María Casares

Tóda a filmografia de Maria Casares neste documento

Obra sobre María Casares

HEINZE, U. «María Casares», en Mulleres, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1991.
Fonte: Exemplar da biblioteca do CCG
«María Casares. Niña mimada, joven decidida y Madre Coraje», Correo de Galicia, Bos Aires, 1969.
Fonte: Museo do Pobo Galego. Biblioteca Bouza Brey
HERMIDA MONDELO, Sabela: Desarrollo artístico de María Casares dentro del marco existencialista francés, Tese de doutoramento, Universidad Rey Juán Carlos de Madrid, 2013
Fonte: https://eciencia.urjc.es/bitstream/handle/10115/12255/TESIS_28-01-13_LOGOWEB.pdf?sequence=1&isAllowed=y

Referencias bibliográficas

- Heinze, U. “María Casares”, en Mulleres, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1991.
- ORTEGA, F., “En la muerte de María Casares”, Revista Primer Acto, 201 (1997)
- RIVAS, M.: “La mujer rebelde”, en El periodismo es un cuento, Alfaguara, 1997
- SAGARRA, J.: “La fuerza de dejarse la piel”, El País, Madrid, ( 21 de novembro de 1996)
- SALINO, B.: “Maria Casarès, la lumière de la tragédie”, Le Monde, París, (24 de novembro de 1996)

Artigos María Casares

Aviso Listado automático de documentación relacionada con María Casares nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (1/1950) Galicia cada treinta días. Galicia [Bs As 1926]. (443), 5 .
Mencións: María Casares ; Rosalía de Castro ; Eduardo Pondal ; Valentín Lamas Carvajal ; Manuel Murguía ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1961) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (518), 6 .
Mencións: María Casares ; Faustino Santalices Pérez ; Benito Vicetto ;

Libros do ccg sobre María Casares

Aviso Listado automático de documentación relacionada con María Casares nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
O tempo das mareas. María Casares e Galicia.
2016 | Ramón Villares, Presentación. María Lopo, Autoría.
Libro