Evaristo Correa Calderón

Neira de Xusá, 1899 - Trives, 1986

Biografía

----

Evaristo Correa Calderón

Neira de Xusá, 1899 - Trives, 1986

Autoria: Xulio Pardo de Neyra

DOI: 10.17075/adg.933

Nace Evaristo Correa Calderón no lugar de Pipín d’A Pena (Neira de Rei)

O 11 de febreiro de 1899, no seo dunha familia fidalga labrega, xa dedicada a unha máis cómoda actividade emanada do exercicio profesional liberal paterno. O seu pai, un destacado galeno decimonónico —o primeiro que, en Lugo, abriu gabinete tocoxinecolóxico—, era por entón un coñecido rexionalista, creador literario, xornalista, historiador e médico, autor de numerosos textos de diverso xorne, membro das academias médicas española e catalá e xestor do balneario de Guitiriz.
Despois de pasar a nenez polas terras do núcleo de Baralla, onde cos seus amigos Paulino Pardo de Neyra e Casiano Díaz Moreno fundou en 1917 a Irmandade Galega de Baralla, trasládase a Lugo, onde cursa os estudos de ensino medio. En ambas as localidades destacou, entre 1912-1917, como fundador e organizador de variadas empresas xornalísticas (El Eco, El Chiste Semanal, De todo un poco, El Intrépido, El Repórter Infantil de Lugo, El Foot-Ball, El Esport, El Ideal ou Juvenilia). Foi en 1917 cando, en Lugo, acompañando a Antón Villar Ponte, Carballal, Novo, Lugrís e Banet, Correa aparece como un dos máis claros novos valores dun rexionalismo que tocaba fondo. Destacado xa na prensa lucense como director dunha «Páxina Nazonalista» aparecida nas páxinas de La Idea Moderna, Correa participa tanto na fundación da Irmandade da Fala de Lugo como na organización da Primeira Asemblea Nacionalista da historia da Galiza, que tivo lugar en novembro de 1917 no Lugo-Salón, un célebre cinema situado na rúa Aguirre da cidade dos muros romanos.
Nese 1917, Correa aséntase en Madrid co gallo de realizar os seus estudos universitarios. E malia que non conseguirá superalos (será en 1927 cando, valéndose unicamente de dous cursos académicos, se licencie en Xeografía e Historia pola Universidade de Compostela), vincularase a case todas as empresas máis iconoclastas do Gran Madrid das vangardas: ora asistindo aos faladoiros do Café de Pombo, aos do Café Colonial e aos do Salón de Té La Granja del Henar, o Gran Café de Atocha ou o Café del Prado; ora introducindo a súa sinatura en importantes medios xornalísticos como El Turbión, La Esfera, Renovación Española, La Ilustración Española y Americana, El Sol, Los Quijotes, Nueva España ou España. Desde Madrid, entre 1917 e 1921, Correa deseña o primeiro poemario da vangarda galega, «Poemas sinxelos», aparecido nas páxinas d’A Nosa Terra, o voceiro do nacionalismo galego de preguerra. Nesa mesma época, entre 1918 e 1921, o neirés preséntase como o primeiro tradutor de textos foráneos (Khaiam, Darío, Pascoli, Maragall, Cansinos Asséns, Jammes, Wilde e Verlaine) para a lingua galega.
Tras a publicación, en 1922, da colección de relatos Luar (Contos galaicos) , en 1924 decide constituír Lugo como porto do vangardismo da Galiza, fundando para iso a revista de arte Ronsel, onde se deron cita as sinaturas máis destacadas da intelectualidade galega, española e mesmo europea do momento. En 1925, a través do seu «Manifesto a nova generazón galega», que viu a luz no medio El Pueblo Gallego (do que por entón era redactor-xefe), tentou aglutinar a intelligentsia da Galiza co fin de conformar un grupo, a ‘xeración da vangarda’, polo que explicar unha nación claramente diferencial, aberta e dinámica, involucrada cos parámetros máis renovadores do momento e conscientemente orientada cara ao espazo da lusofonía. Xa antes dese ano, Correa aparecera vinculado ao grupo de vangarda portuguesa (o que Tríptico, Seara Nova, Descobrimento e Civilização), agasallando a cultura galega coa noveliña Conceición Singela d’o Ceo, editada nese ano en Compostela pola simbólica Libredón.
En 1928 dá ao prelo o poemario Ontes, onde continuará a esculcar na dimensión neopopularista dunha Galiza novamente vangardista, algo que xa iniciara en 1919 con «Arte popular. Para acompañamento de gaita, o lonxe», texto co que daba inicio ao neopopularismo galego. E tras o seu paso polos distritos docentes de Toulouse (onde colaboraría con Transit, o que o ía levar a asinar o Segundo Manifesto Surrealista parisiense) e Bucarest, logo de se situar co proxecto de La Gaceta Literaria (onde construíu un interese centrado na consolidación compiladora da actividade lírica da Galiza do momento), ao seu regreso a Lugo funda, co seu irmán Antonio, o xornal Vanguardia Gallega, o medio máis interesante e completo da Galiza de preguerra, desde o que se apostaba pola consecución dunha realidade independente propiamente en chave de galeguismo republicano.
Porén, guiado polos consellos de seus amigos Montes e Filgueira Valverde, en xullo de 1936 afíliase a Falange Española e comeza así un periplo altamente reaccionario que o levará, no académico-profesional, a se situar como catedrático de Lingua e Literatura Españolas (1944); no persoal, a se integrar na aristocracia española (cando, nese ano, case coa marquesa de Castellanos e Trives) e, no ideolóxico, a destacar como un dos principais turiferarios do caudillismo fascista máis brillante. A través das súas colaboracións en Escorial e Laureados de España, Correa Calderón aparecerá como unha das sinaturas máis implicadas co réxime fascista do xeneral Franco.
Non vai ser até 1985 cando, de novo, esta vez por consello de Díaz Pardo e Piñeiro, Correa regrese ao cultivo das letras galegas. Será coa organización dun número extraordinario de Ronsel polo que se celebraba o 50º aniversario da experiencia lucense e coa súa posterior tradución ao galego da súa novela De aquí a la primavera. Novela de la montaña gallega cando o marqués neirés decida volver implicarse coa cultura da Galiza. Mais a morte, que se lle presentou de maneira inesperada durante o seu período estival de 1986 no palacio dos marqueses de Trives en terras de Ourense, truncou a nova actividade dun por entón grandemente crítico co éxito electoral do socialismo español de 1982. Foi soterrado no panteón dos referidos marqueses na localidade trivesa.

Como citar: Pardo de Neyra, Xulio : Evaristo Correa Calderón. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=933 DOI: 10.17075/adg.933]

Evaristo Correa Calderón

Neira de Xusá, 1899 - Trives, 1986

Autoria: Xosé Ramón Fandiño

DOI: 10.17075/adg.933

Pioneiro poeta vangardista galego e crítico literario especializado nos grandes escritores da Literatura española

Escritor, crítico literario e catedrático de Literatura española en diversos institutos de ensino secundario, que publicou as súas primeiras colaboracións en xornais e revistas galegas, aportou á literatura autóctona as primeiras mostras do vangardismo poético en lingua galega, que acompañaba dun activismo político de incuestionable tendencia nacionalista, do que daría cabo en 1936, ao estalar a guerra civil e afiliarse a Falanxe Española.

Fillo de Antonio Correa Fernández, prestixioso xinecólogo instalado en Lugo, tamén escritor e numerario das Academias de Medicina e Cirurxía de Madrid e Barcelona, Evaristo Correa Calderón naceu na casa patrucial de resonancias fidalgas de Neira de Xusá na beira decimonónica do ano -1899- que servía de ponte entre os séculos XIX e XX. Aínda moi novo fundou en Baralla o semanario El Eco e en Lugo dirixiu El Chiste Semanal e o tamén semanario De todo un poco, no que publicou os seus primeiros versos, Juvenilia, etc., todos eles intentos xuvenís, pero sendo estudante de bacharelato comezou a colaborar en La Idea Moderna, o daquela máis prestixioso xornal da cidade de Lugo, e adheriuse ao movemento das Irmandades da Fala.

Rematado o bacharelato, en 1917 asentouse en Madrid para cursar a carreira de Filosofía e Letras na Universidade Central e grazas aos contactos familiares, pero sobre todo con Xoán de Forcados, ingresou na mítica Residencia de Estudiantes, tan en sintonía coa Institución Libre de Enseñanza e coa Junta para Ampliación de Estudios, onde entablou amizade con Euxenio Montes, García Lorca, Rafael Alberti, Luís Buñuel, etc. Desde Madrid seguiu colaborando coa prensa galega, entrou en contacto cos cenáculos literarios do momento e imbuíuse da estética vangardista, especialmente do dadaísmo francés. Comezou a redacción dos Poemas Sinxelos, escritos na Residencia de Estudiantes entre 1917 e 1921, que se foron publicando en diversas entregas no xornal nacionalista A Nosa Terra e que supuxeron as primeiras mostras do vangardismo literario de Galicia.

Tras cinco anos en Madrid, en 1922 regresa a Lugo como funcionario do goberno civil e funda Ronsel, a importante revista que aínda que breve no tempo -publicou 6 números de maio a novembro de 1924- foi importante tanto no literario coma no plástico, e na que colaboraron os escritores e artistas vangardistas de primeira liña. Durante parte dos anos 1925 e 1926 exerceu de redactor xefe do xornal El Pueblo Gallego de Vigo, no que fixo populares as súas seccións “Arar y cantar” e “Los trabajos y los días”, artigos recollidos no libro Índice de utopías gallegas, publicado en 1929. Como en Madrid deixara inconclusos os estudos universitarios trasladouse a Santiago para licenciarse en Letras na especialidade de Historia en 1927, ano no que tamén ingresa no Seminario de Estudos Galegos coa lectura do traballo Estampa d´uma cidade galega n-o mil oitocentos carenta e tres.

Facendo valer o título de licenciado e cos informes favorables de Américo Castro, co que partillara inquietudes no Centro de Estudios Históricos, e de López Suárez, disfrutou de axudas da Junta de Ampliación de Estudos para ir en 1927 de lector de español á École de Comerce e á de Instituteurs de Toulouse. Na cidade tolosana colaborou con André Cayatte na revista Tansit, na que publicou o ensaio Rose des vents de la poésie espagnole d´aujourd´hui, e coñeceu a Marcel Bataillon, que o levou a París para presentarlle a André Breton e Louis Aragon, que preparaban un dos seus manifestos surrealistas. En 1930, tamén por acordo da JAE, desempeñou o lectorado de Lingua e Literatura españolas na Universidade de Bucarest, onde comezou a interesarse pola situación da lingua xudea-hispánica nos países balcánicos, á que se continuaría dedicando máis tarde no Instituto de Estudios Sefardís, e sobre a que publicou parcialmente o seu inacabado estudo Corpus paremiológico judeo-español de los Balkanes. A longa traxectoria como profesor de bacharelato iniciouna en 1933 como catedrático de Lingua e Literatura Españolas no instituto de Almería, que continuou desempeñando nos de Lugo, Santander, As Palmas, Valladolid, Salamanca e Alcalá de Henares, onde se xubilou en 1969.

Deixándose influír por presións familiares e consellos de compañeiros de andainas literarias, en 1936, o mesmo 18 de xullo afiliouse á Falanxe e desertou para sempre do seu compromiso co nacionalismo galego e deixou de cultivar a literatura en galego. Así, foi xefe da sección de prensa e propaganda de Lugo, redactor xefe da publicación falanxista Azul, así coma colaborador da folla falanxista madrileña Arriba e da revista Escorial. Neste novo periplo, á parte da dedicación docente, Correa Calderón dedicouse aos estudos de crítica literaria que iniciou cos ensaios Intuición del Romanticismo, (1934) e Teoría de la Atlántida>, publicada primeiro na Revista de Occidente en 1936 e en 1959 como libro co título de Teoría de la Atlántida y otras historias fabulosas. Foron moi valorados os seus estudos sobre Mesonero Romanos, Zorilla, Emilia Pardo Bazán, Valle Inclán, Gómez de la Serna e Larra e foi profundo coñecedor da obra de Baltasar Gracián do que publicou as súas Obras Completas (1944) e Baltasar Gracián. Su vida y su obra (1970). Tamén dirixiu a “Biblioteca Anaya” da editorial do mesmo nome que en 1959 cofundou en Salamanca con Fernando Lázaro Carreter, co que tamén é coautor do libro Cómo se comenta un texto literario (1989).

Como creador literario, a súa obra en galego, ademais dos Poemas sinxelos dos seus primeiros anos publicou Luar. Contos galaicos (1923), Conceición singela do ceo (1924), novela curta con ortografía lusista como Ontes. Poemas (1925) e Margarida a da sonrisa da aurora (1927), conto de fadas para nenos. En castelán publicou en 1955 La noche céltica, basicamente os contos de Luar traducidos, e en 1983 De aquí a la primavera, novela da que estaba preparando a versión galega no momento da súa morte, ocorrida en 1986 en Trives, onde en 1944 casara en segundas nupcias con María Luísa Maldonado e Alvarado, VII marquesa de Castellanos e III de Trives.

Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Evaristo Correa Calderón. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=933 DOI: 10.17075/adg.933]

Bibliografía

- PARDO DE NEIRA, X.: Evaristo Correa Calderón, Xunta de Galicia, colección A Nosa Memoria, 2003.
- PARDO DE NEIRA, X.: Lugo: cultura e República. As manifestacións intelectuais dunha cidade galega entre 1931-1936, Ediciós do Castro, Sada, 2001.
- PARDO DE NEIRA, X.: Evaristo Correa Calderón, a consolidación do nacionalismo galego e a introducción do vangardismo galego na literatura galega, en Boletín Galego de Literatura, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, 2000.
- VV.AA.: Ronsel, edición facsímile, Ed. Sotelo Blanco, Barcelona, 1982.
- CARBALLO CALERO, R.: Historia da Literatura Galega Contemporánea, Ed. Galaxia, 2ª edición, Vigo, 1975.
- VV.AA.: Ronsel, Revista de Arte. Número conmemorativo del cincuentenario de su publicación (1924-1974).

Artigos Evaristo Correa Calderón

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Evaristo Correa Calderón nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1953) 30 días de vida gallega: Glosa: Horizontes cerrados Una romería invernal Nuevas publicaciones Miscelánea informativa Panorama artístico-musical Notas económicas. Galicia. 1ª época (5), 11 .
Mencións: Prisciliano ; Fermín Bouza-Brey ; Manuel Chamoso Lamas ; Evaristo Correa Calderón ; Alberto da Cunha ; Álvaro Cunqueiro ; M. Delphy ; Ramón Menéndez Pidal ; Teixeira de Pascoaes ; Elena Quiroga ; José María Ramos ; Casimiro Torres ;