Historias de ida e volta: Outros destinos da emigración galega:
Reunión familiar nun evento da Asociación de Damas Españolas e Panameñas (ADEP), Colón, Panamá, ca. 1975
Avelina Meleda González, natural de Pazos de Arenteiro, Boborás (Ourense), traballaba como modista en Galicia xunto ao seu home, Jesús, que era xastre. Os cartos daban para vivir mais non para aforrar, polo que comezan a facer plans para emprender a súa propia aventura migratoria, tal como viñan facendo os seus veciños e algúns achegados da familia. O destino elixido foi Panamá e o seu marido decide ir abrindo camiño primeiro para probar sorte e máis adiante mandar buscar a Avelina e as súas fillas, Ana e Marilú. O primeiro ano de estancia no Istmo estivo reunindo cartos para pagar a pasaxe (15 000 pesetas). Mentres, Avelina quedaría en Galicia cosendo día e noite e criando as nenas. Despois as tres marcharon en barco a través da Comisión Católica de Migracións.
O destino definitivo foi a cidade de Colón, na marxe da Canle de Panamá. Ao pouco tempo da súa chegada púxose a coser para as mulleres “americanas” (así lles chaman ás estadounidenses), italianas e gregas. Co paso do tempo lograron establecer o seu propio negocio familiar, unha moblaría na que se vendía de todo. Avelina foi, sen dúbida, unha muller emprendedora, sen medo ao traballo e con tempo para integrarse coa colectividade galega en Colón e co resto de españolas que a través da ADEP, entidade da que tamén foi presidenta, realizaban diversas actividades sociais. As fillas de Avelina e Jesús estudaron nun colexio suízo, pois a súa educación era unha prioridade para ela.