Material
Historias de ida e volta
O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
Home familiar, dos seus e para os seus!
Detalle
Pouco se sabe dos asuntos privados de José García Barbón, agás que volveu solteiro da Habana. Unha figura importante na súa vida foi o seu tío Luciano, guía intelectual que lle marcou o camiño cara a un éxito practicamente asegurado, tendo en conta tamén a condición de traballador constante que o caracterizaba.O tío Luciano era un asturiano que, coma tantos outros, chegou á Habana e traballou como dependente na “plaza vieja”. Empregou os primeiros pesos gañados en negocios produtivos. Aínda que nun principio se afirmaba que era solteiro, parece que varias fontes documentais fan constar que estaba casado con Casimira Díaz de Bustamante, filla dun home moi influente e de gran poder económico na illa de Cuba. Luciano García Barbón chegou a ocupar un dos primeiros postos na listaxe dos máis poderosos propietarios de extensos predios de cultivo e banqueiros privados da cidade da Habana. Foi un dos maiores accionistas do Banco Español en 1856. O Banco Barbón figuraba entre os máis importantes da illa. Tamén fixo unha inxente fortuna, aproveitando o filón de oportunidades xurdidas mediante o tráfico clandestino de escravos africanos pois era, entre outras cousas, propietario de grandes enxeños.
Talvez a curta idade á que partiu José García Barbón cara a Cuba xogou a favor dunha boa integración no seu destino migratorio. Con todo, o paso do tempo non permitiu que esquecese a súa terra natal, nin a familia que quedaba en Galicia. Sempre amosou o seu desexo de levar unha vida familiar. Retornou a Verín en 1884 e despois pasou a residir na cidade de Vigo, pero non o fixo só senón que levou á súa irmá Carlota, viúva e con catro fillos. Alí mercou un enorme predio que bautizou co nome de Vista Alegre e construíu dous palacetes, un para el e outro, de maiores dimensións, para a irmá e sobriños. Sempre fiel protector dos seus, como demostrou poñendo ao seu sobriño Feliciano Salgueiro García Barbón a cargo da empresa de Cabreiroá en 1907.


