Historias de ida e volta: O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos :
Escolas García Hermanos, por unha escola aberta que amplíe horizontes para os brigantinos máis novos (inauguradas o 2 de setembro de 1914)
Os irmáns García Naveira, como outros indianos enriquecidos, aproveitaron a prosperidade propia para promover o desenvolvemento educativo, cultural, social e material do seu lugar de orixe. Un exemplo ben representativo foi a construción e o mantemento das escolas para os nenos e nenas das clases máis desfavorecidas de Betanzos. As escolas García Hermanos eran coñecidas como escolas do asilo, pois estaban a carón deste. O edificio tiña instalacións independentes para cada sexo, tanto as aulas como os espazos de recreo. Os horarios tamén estaban diferenciados e procurábase que os varóns saísen con media hora de antelación con respecto ás rapazas.
As materias que se impartían ían enfocadas a coñecementos elementais de lectura, escritura, doutrina cristiá e nocións de historia sagrada, ademais de gramática castelá, ortografía e aritmética. Se o orzamento o permitía, o ensino estendíase a materias referidas ao comercio, a industria e as artes. O alumnado recibía vestimenta e calzado gratuíto, ademais dunha comida diaria. Distribuíanse tamén premios entre os máis aplicados e con menos de vinte faltas de asistencia; tratábase, así, de evitar o absentismo escolar, tan común na época, xa que os fillos de familias labregas dedicaban máis tempo aos traballos agrícolas que á adquisición de novas aprendizaxes.
Para ingresar como alumno ou alumna requiríase:
«1.º Tener la edad mínima de cuatro años, poder hablar correctamente, moverse con libertad y valerse por sí mismo en la comida.
2.º Ser pobre, natural de este partido, no padecer enfermedad contagiosa ni de exterior repugnante, ó que exija medicación y cuidados especiales, y acreditar haber sido vacunado. Se dará siempre preferencia a los huérfanos».
A partir de 1915 foron incluídas as clases nocturnas para ambos os sexos, tamén gratuítas. O horario era de 18:00 h a 20:00 h, nas aulas de ensinanza primaria e baixo as directrices dos mesmos docentes que impartían as clases diúrnas.