Historias de ida e volta: As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba:
Recibo do Centro Galego da Habana polo alugueiro das súas instalacións, 1 de xullo de 1933
A maioría das asociacións microterritoriais galegas creadas na illa de Cuba destinaban os seus recursos económicos (conseguidos co pago das cotas dos socios, con investimentos ou coa organización de actividades festivas) a envialos á súa parroquia ou municipio de orixe e non consideraban necesario ter unha sede social en propiedade. O Centro Galego da Habana, dono dun grandioso edificio no centro da capital cubana, poñía os seus salóns á disposición destas asociacións para levaren a cabo as xuntanzas de socios e socias e diversas actividades culturais. Tamén cedía escritorios ou pequenos despachos, situados nos espazos da súa secretaría, nos que as entidades instalaban as súas oficinas para as reunións das directivas e para gardar a documentación das súas actividades.
A entidade Calo y Viduido, Sociedad de Instrucción, Recreo y Socorros Mutuos, creada na Habana o 20 de agosto de 1920, tiña asinado un contrato de arrendamento co Centro Galego, como a gran maioría das sociedades de ámbito local. Por estes servizos o Centro cobraba un pequeno alugueiro: dous pesos mensuais que se pagaban semestralmente; esta cantidade foi variando co paso do tempo.