Material
Historias de ida e volta
O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
Materialización da nobreza e xenerosidade de Fernando Blanco de Lema. Cee, 2010
Detalle
Na súa propia loita pola supervivencia e seguridade económica na illa de Cuba, Fernando Blanco notou que a falta de instrución educativa e as dificultades para emprender calquera negocio próspero ían da man. O seu proxecto de creación dun colexio de primeiro e segundo ensino foi un signo de conciencia sobre os efectos derivados da ausencia da preparación para calquera persoa. A primeira noticia que a veciñanza de Cee tivo acerca das súas intencións de beneficiar a rapazada da comunidade foi a súa negativa a vender a súa casa natal, polos anteditos motivos de construción dun centro escolar. A pesar de que non retornou en vida a Galicia, nunca esqueceu as súas orixes e sempre axudou os conveciños que chegaban á Habana, desorientados e sen recursos para manterse mentres atopaban un traballo.A imaxe dá conta da esplendorosa obra realizada grazas ao legado deste filántropo inesquecible para a comunidade ceense. Esta edificación albergou todo tipo de estudos para que o éxito dos seus alumnos e alumnas fose máis fácil.
A cerimonia da colocación da primeira pedra tivo lugar o 20 de xaneiro de 1881 e a conclusión das obras o 6 de maio de 1884. Este ultimo acontecemento non significou o comezo da actividade docente, que foi inaugurada o 2 de outubro de 1886 cun discurso pronunciado por Dionisio Barreda.


