Material
Historias de ida e volta
O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
Homenaxe dos emigrantes da Costa da Morte á filantropía de Fernando Blanco de Lema
Detalle
Na fotografía pódese ver a primeira portada (que se repetiría en moitos números da publicación) da revista Alborada, voceiro oficial da asociación de emigrantes Hijos del Partido Judicial de Corcubión, fundada en Bos Aires no ano 1922. Nesta simbólica imaxe os emigrantes elixen varias iconas da vida da súa comarca. Amosa o mar e a terra (a pesca, a agricultura e a gandaría, sectores económicos principais da contorna) e o faro de Fisterra, que ilumina e acubilla os seus habitantes; en primeiro termo e como símbolo da cultura e do progreso da bisbarra aparece o edificio emblemático do legado de Fernando Blanco de Lema, o colexio-instituto que leva o seu nome.No cuño doutra sociedade de emigrantes do partido xudicial, creada na Habana en 1927 co mesmo nome, aparecen os retratos dos dous filántropos máis recoñecidos da contorna: o ceense Fernando Blanco de Lema e o corcubionés José Carrera y Fábregas (que fixo fortuna na Arxentina). Ambos os dous deixaron no seu testamento cuantiosos legados para promover a instrución e a cultura nas súas vilas natais. Para as persoas emigrantes desta terra foron un espello en que mirarse e sentíanse orgullosas deles e agradecidas.


