Material
Historias de ida e volta
O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
Celebración do bicentenario do nacemento de Fernando Blanco de Lema
Detalle
En 1996, con motivo do bicentenario do nacemento deste filántropo, organizáronse numerosas actividades para enxalzar a súa figura e difundir a súa memoria. Unha delas foi a publicación por parte da Xunta de Galicia deste libro no que diversos especialistas no tema dan conta da pegada da súa filantropía no eido educativo da comarca e da riqueza do seu patrimonio. Tamén se inaugurou unha exposición, xerme do actual Museo, con fondos artísticos da Fundación.Nun acto moi emotivo colocouse unha placa conmemorativa na fachada do colexio-instituto e o cronista oficial da vila, Baldomero Cores, impartiu unha conferencia na que glosou a traxectoria do indiano «escultor da súa vida e posuidor dun soño de ouro, esencial con tempo para o debullar da mentalidade deste pobo da Costa da Morte», segundo as súas palabras. Nas seguintes xornadas houbo un ciclo de conferencias e representacións teatrais, seguindo a tradición das actividades culturais que ao longo do século XX levou a cabo a Fundación.
O recordo a figura de Fernando Blanco de Lema sempre está presente nos seus conveciños. Hoxe, calquera persoa que acceda á páxina web oficial do Concello pode visualizar un pequeno vídeo en que se evoca o indiano e a súa acción a prol do avance social e económico de Cee.


