Capítulo I. A encarga do gardián do tesouro



Esta é a historia dunha encomenda única e da viaxe de varias décadas e miles de quilómetros para cumprila. Unha encarga que une a dous sobranceiros gaiteiros do país, Ricardo Portela e Carlos Núñez, ao redor dun tesouro que estivo a piques de se perder. Acompáñanos ata o 25 de xullo nesta abraiante aventura cultural.

O veterano gaiteiro Ricardo Portela era unha personaxe absolutamente singular. Camiñaba polas rúas de Pontevedra deixando tras de si o aroma desas cousas aínda vivas que xa se tornaron lendarias.

Carlos Núñez coñeceuno con apenas doce anos, no Obradoiro Escola de Instrumentos Populares Galegos da Universidade Popular de Vigo. Carlos formou parte do Grupo Didáctico do Obradoiro, coa misión e difundir os instrumentos e a tradición musical galega.


Wenceslao Cabezas “Polo”, Carlos Núñez e Ricardo Portela en 1987, durante a presentación do disco do Grupo Didáctico do Obradoiro Escola de Instrumentos Populares Galegos fundado por Antón Corral.

O grupo daba concertos de balde en colexios, escolas, asociacións de veciños. Ás veces, o vello gaiteiro Portela acompañaba os rapaces. En ocasións, tocaban en salas frías con públicos mínimos.


Ricardo Portela e Carlos Núñez en Vigo en 1984. Foto: Carlos Corral

Tanto tiña: mesmo nesas duras sesións, Portela interpretaba a Muiñeira de Chantada e a Alborada de Rosalía de Castro “coma se o fixera diante do mesmo emperador”, lembraba admirado Carlos Núñez. Nos anos oitenta a gaita só conectaba cunha minoría iniciada e incondicional: de aquela Galicia buscábase a si mesma noutros lugares. Pero Ricardo Portela tiña claro de onde viña e o que soñaba para a dignificación do gaiteiro.


Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo de Montes, e Ricardo Portela

Para Carlos, e para as novas xeracións do mundo da gaita a principios dos 90, Ricardo Portela representaba o misterioso elo que xunguía o presente cun mundo antigo, case esquecido durante os avatares do século XX. Portela era o herdeiro último das antigas estirpes gaiteiras de Pontevedra e do mítico gaiteiro de Soutelo. Uns intérpretes que tiñan un xeito de tocar arcaico, o toque pechado, e unha riqueza musical moi difícil de transcribir coas ferramentas da música clásica. Portela era o último gardián dun tesouro. E non só iso, aqueles vellos gaiteiros tamén receaban da escrita musical, como se poñer a música no papel fora traizoar o vento e o aire que forma as notas do instrumento.

Ata que un día, a finais de 1991, Ricardo Portela chamou a Carlos á súa casa.
“Poderías transcribirme a miña versión de Aires de Pontevedra?”, pediulle. Era unha petición excepcional.

Ricardo Portela xa era moi maior. E nunca deixara de tocar a gaita. “Prefiro gaita con riscos que riscos sen gaita”, aseguraba. E corría riscos. E non deixaba nada da gaita.

Carlos Núñez sabía que Aires de Pontevedra non era unha peza calquera. Púxose ao traballo. Pero non chegou a tempo.

Pouco despois, en marzo do 92, Ricardo Portela morreu. Unha banda improvisada de gaiteiros despediuno en Viascón interpretando a “Marcha procesional de San Bieito”.


O enterro de Ricardo Portela na Televisión de Galicia

A vida de Carlos Núñez ía cambiar en breve. Estaba a piques de converterse no primeiro gaiteiro global da historia de Galicia, nunha figura de dimensión internacional.

Pero a encomenda de Ricardo Portela, trala súa morte, seguía en pé e Carlos quíxoa levar máis alá: conseguir plasmar por escrito a riqueza dunha tradición que procedía de máis alá da memoria. Unha encarga complexa, para a que non había un camiño trazado. Era preciso emprender unha viaxe, unha aventura cultural que rematou, á fin, décadas despois, coa pandemia da Covid-19.

Durante estes días, convidámoste a acompañarnos para coñecela.


Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +