María Casares
Voces centenarias
A gran dama do teatro

"Nouturnio". Curros Enríquez.
En 1957, María Casares realiza unha xira por América Latina co Théâtre National Populaire de Jean Vilar. Entre as cidades visitadas figura Bos Aires, onde comparte sentidas xornadas con persoeiros da colectividade galega. Pódese afirmar, con certo risco, que esta gravación de “Nouturnio”, de Curros Enríquez, foi rexistrada neses días. É unha declamación lenta, interiorizada e cunha prosodia galega sorprendente se se considera que a actriz deixou Galicia aos 14 anos.
Duración: 03'43''
Sinatura: GEMC_001-01 .
Fondo: Col. Guillermo Escrigas. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
"Cántiga". Curros Enríquez
Na voz apesarada de María Casares escóitase “Cántiga”, o primeiro poema en galego de Curros Enríquez, no que a emigración e a separación amorosa son os eixes centrais dos versos. Tamén nesta gravación son encomiables a prosodia da actriz e o dramatismo que transmiten as súas palabras. O lugar e a data de gravación coincidirían co anterior rexistro.
Duración: 02'18'''
Sinatura: GEMC_001_02.
Fondo: Col. Guillermo Escrigas. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
"Vivo sin vivir en mí". Teresa de Jesús
En 1963, a discográfica CBS de Bos Aires edita o disco Amor divino. Amor humano. É unha escolma de poesía castelá na voz de María Casares, acompañada polo coro Lagun Onak e a guitarra de Roberto Bergonzi. Seguindo coas palabras recollidas máis arriba e que pertencen a este vinilo, María Casares continúa: “Ademais, nun disco pódese expresar un sentimento profundo, unha sede secreta, un grito afogado que no teatro prestamos aquí e alá ás diferentes criaturas que personificamos, pero no disco clamámolo directamente, sen antefaces, cando eliximos e ordenamos os versos e os poetas ao redor dos nosos sentimentos, da nosa sede, do noso propio grito”. O poema que se ofrece aquí é “Vivo sin vivir en mí”, de Teresa de Jesús.
Duración: 02'30''
Sinatura: ASG-LP-1008
Fondo: Col. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG