Voces da ciencia

Voces da ciencia

(I) Fernando Fraga: O químico que acabou tendo o océano na cabeza

Voces da ciencia

Os traballos de Fernando Fraga describiron por primeira vez como o afloramento costeiro é o causante da altísima produtividade das Rías Galegas. Os seus colegas destacan que o doutor Fraga tiña o océano na cabeza.

Fernando Fraga (Santiago de Compostela, 1922 - Nigrán, 2020) doutorouse en 1949 en Química Orgánica na Universidade de Santiago baixo a dirección de Ignacio Ribas Marqués. En 1953 incorporouse ao Laboratorio Costeiro de Vigo do Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC, que tiña a súa sede central en Barcelona. O pai da ecoloxía en España, Ramón Margalef, con quen acabaría traballando man a man, catalizou a súa transformación en investigador oceanográfico. Malia sufrir mareos en alta mar Fraga participou en campañas oceanográficas anuais ata a súa xubilación no Instituto de Investigación Mariñas do CSIC, centro que se independizou do Instituto de Investigacións Pesqueiras en 1978.

A figura de Fernando Fraga é pouco coñecida e recoñecida malia ser un dos grandes nomes da oceanografía química internacional.

Este podcast do Consello da Cultura Galega foi elaborado a partir da entrevista inédita realizada a Fernando Fraga en xullo de 2019, cando este contaba con 97 anos, por Luisa Martínez Lorenzo da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e os investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía Santiago Fraga Rivas e Francisco Rodríguez Hernández. A edición sonora é de Manuel Vicente. Música licenciada en Epidemic Sound. Unha produción da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica para o Consello da Cultura Galega (Divulgacción).

Foto: Fernando Fraga en 1958. Arquivo familiar