A encrucillada da danza na actualidade

Mércores, 26 de abril de 2017
A encrucillada da danza na actualidade

“A danza é a linguaxe oculta da alma”
Martha Graham

Estamos a vivir un momento de profundas transformacións. Os modelos sociais e económicos dan mostra dun esgotamento sen precedentes e, ao mesmo tempo, comezan a emerxer iniciativas e experiencias que apuntan a unha nova maneira de entender as contornas e os contextos nos que vivimos. Evidentemente, a danza participa destes procesos de cambio. O sistema da cultura, tal e como o coñecemos hoxe, necesita revisar e redefinir os seus fundamentos, intereses e responsabilidades para poder seguir tendo un papel na nosa sociedade. Os principais protagonistas deste cambio son, sen dúbida, tanto artistas como profesionais da danza nos seus distintos ámbitos (académico, profesión, xestión, programación...). Por tanto, é fundamental coñecer a situación real da cultura e da danza para ser conscientes dos retos aos que se enfrontan e os recursos cos que contan.

Por todo isto e aproveitando que o 29 de abril se celebra o Día Internacional da Danza, dende a Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega propoñemos unha xornada dedicada á encrucillada da danza na actualidade. Nela, profesionais de nivel estatal e autonómico, establecerán unha reflexión que nos permita abordar a importancia da danza como motor de cambio e crecemento persoal, así como dinamizadora na sociedade en que vivimos.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: