O patrimonio compartido? Colaboración aberta e institucións da memoria

Xornada

O patrimonio compartido? Colaboración aberta e institucións da memoria

Mércores 10 e xoves 11 de maio de 2017
Santiago de Compostela
Xornada

O patrimonio compartido? Colaboración aberta e institucións da memoria

Mércores 10 e xoves 11 de maio de 2017 Santiago de Compostela

Se a converxencia dixital das institucións da memoria constituíu o tema arredor do cal os profesionais dos arquivos, as bibliotecas e os museos compartimos reflexións, convocados pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, en maio de 2015, o mundo das tecnoloxías da información e a comunicación convócanos agora para explorarmos o territorio do Crowdsourcing, abastecemento participativo ou colaboración aberta.
Nestas xornadas tentaremos abordar algunhas das cuestións esenciais que esta modalidade de traballo voluntario, habitualmente gratuíto, masivo, comunitario e anónimo suscita para a xestión futura das nosas institucións e do patrimonio cultural que custodian.
Así, se, por unha banda, a colaboración aberta (con todas as súas variantes e modalidades) constitúe a oportunidade que agardabamos para sensibilizar e abrir os nosos centros á participación e ao gozo activo da cidadanía, por outra, ao esvaecer aínda máis as fronteiras existentes entre institucións e países, e entre ambos os dous e aqueles no nome dos cales nominalmente existen, non deixa de formular algúns interrogantes. 
Un deles pode ser a perda do poder de control que supón o monopolio da custodia e da interpretación dos bens culturais. Algo que pode provocar temor entre os seus intermediarios custodios. Outro sería o do límite entre o traballo remunerado, exercido por profesionais, e o gratuíto, desenvolvido polo voluntariado. A colaboración aberta non constitúe unha arma en poder das administracións para aparcar as súas responsabilidades con respecto a uns centros que subsisten en precario?
Naturalmente, hai moitos máis. Ao seu carón, existen numerosas cuestións técnicas, estratéxicas e de enfoque. Cuestións como a dos lindes entre a iniciativa pública e a privada ou, tamén, a das formas de involucrar os centros culturais de pequeno tamaño e reducidos orzamentos en grandes proxectos de carácter transversal. Isto atinxe tamén á creación de proxectos sustentables.
Hai tamén experiencias e casos de éxito que convén analizar e debater. Queremos exploralos nunhas xornadas que conciten non soamente o interese e o debate entre os especialistas senón tamén a opinión dos responsables de calquera iniciativa, por cativa que sexa, que estea a agromar ou a consolidarse tanto no territorio real coma no virtual da web 2.0.


 

Ficha técnica
Xornada.
O patrimonio compartido? Colaboración aberta e institucións da memoria
Data
Mércores 10 e xoves 11 de maio de 2017
Lugar

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705. Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Bieito Pérez Outeiriño
Gabriel Quiroga Barro
Concha Varela-Orol
Inauguración
Rosario Álvarez
Participante
Anabella Barroso Arahuetes
Adelaida Ferrer
Manuel Gago
Carolina García Borrazás
María Teresa García Domínguez
Covadonga Pitarch
Mari Luz Retuerta
Eugenia Serra
Relator/a
Pere Freixa
Tomás Saorín
Organiza
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)

Imaxe da portada: Arquivo do Reino de Galicia. Colección fotográfica. A Coruña: Xardíns de Méndez Núñez, mulleres a empedrar a calzada. [Ca. 1913]. Sig. 5.754