Continuando a senda iniciada no pasado ano, no que reflexionamos sobre o ciberacoso na mocidade, dende a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega queremos abrir o debate e a reflexión sobre a xustiza, un dos piares que deben garantir a seguridade e a integridade de mulleres e menores, lonxe da contaminación de séculos de tradición e hábitos sociais do patriarcado.
Un dos motivos e argumentos que acompañaron as mobilizacións feministas nos últimos tempos ten que ver coa violencia de xénero e o seu impacto directo nas crianzas. As reiteradas sentenzas “exemplarizantes” supoñen exemplos explícitos dos ditados da xustiza neste campo, contaminadas pola mentalidade patriarcal: cegas á perspectiva de xénero e invisíbeis para a sociedade pola imparcialidade que se lles atribúe.
A cegueira do patriarcado, que determina moitas decisións xudiciais, e a súa invisibilización son circunstancias que nos retrotraen a tempos que quereriamos imaxinar pasados, nos que o prezo da liberdade dunha muller era a perda da custodia dos seus fillos e fillas. Hoxe en día, a xustiza está a aceptar argumentos acientíficos como a “síndrome de alienación parental” ou as obxeccións á universalidade da custodia compartida, que consolidan o prexuízo das mulleres como seres perversos, que instrumentalizan aos seus fillos e fillas contra a figura paterna.
Os feminismos, partindo da base de que un maltratador non pode ser un bo pai, reivindican outra forma de facer xustiza, que identifique e combata o patriarcado. Que teña en conta a existencia real dunha violencia vicaria e a necesidade de identificar a asunción social de modelos de masculinidades agresivas e violentas. Unha xustiza, ao cabo, que non permita ou facilite a violencia dos proxenitores contra a súa propia descendencia pois que, lonxe de facelo, en numerosas ocasións acaba por xustificar aos agresores, culpabilizando ás mulleres e deixando os seus fillos e fillas en mans de quen os utiliza para exercer un grao de violencia extremo contra delas.