Son de Galicia é unha mostra que conmemora o importante labor cultural desenvolvido polas diferentes sociedades corais no desenvolvemento da cultura galega no século XX. Transita pola historia das catro formacións que continúan activas arestora: Toxos e Froles (1914), Cántigas da Terra (1916), Coral De Ruada (1918) e Cantigas e Agarimos (1921).
A exposición, comisariada por Miguel Anxo Seixas, preséntase en 30 paneis acompañada de publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, traxes, decorados, fragmentos de prensa… a través dos que se pode reconstruír unha época especialmente vizosa para a nosa cultura.
Ademais de adentrarse na historia das catro formacións, nesta exposición poderanse coñecer tamén denominadores comúns a todas as sociedades corais da época: o traballo etnográfico de recollida e interpretación da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico, as xiras e viaxes nas que se converteron en embaixadores da cultura galega, os inicios dunha actividade teatral galega e o seu fondo compromiso coa lingua de noso.