<em>Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2008.- </em>Prevención contra a utilización da dimensión étnica da cultura e propostas para fortalecer as posibilidades e a autonomía das comunidades indíxenas en Iberoamérica. Amelia Valcárcel e Natividad Gutiérrez, catedráticas das universidades de Oviedo e México, respectivamente, abriron con esas reflexións o foro “Cultura e política. Debates contemporáneos”, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Ramón Máiz. As sesións de hoxe estiveron marcadas polas consideracións sobre “Identidades colectivas, pluralismo e democracia”. As dúas previstas para o día 3 abrirán o debate sobre “Universalismo e particularismo na sociedade post-secular”. Cincuenta especialistas e estudiosos asisten a este foro de debate.
<!--more-->
A catedrática da universidade de Oviedo, Amelia Valcárcel, chamou a atención sobre o feito de que a dimensión étnica da cultura supón normativa, indicación do que se debe ou non se debe facer, e enfrontou ese escenario co dos sistemas democráticos e a procura de solucións aceptables para todos. “É anacrónico que a identidade pre-ilustrada se apropie de postulados post-ilustrados para seguir mantendo as estruturas orixinarias”, afirmou antes de lembrar que a cultura é condición necesaria para a democracia pero non garante por sí soa a implantación dos valores democráticos. Sobre a contraposición entre pre e pos-ilustrados chamou a atención sobre o feito de que “os grupos teñen que tolerarse, os indivíduos son libres”.
Natividad Gutiérrez Chong, catedrática de Socioloxía da UNAM de México, falou sobre “Etnonacionalismos e conflitos étnicos en América Latina hoxe”, quere dicir, dos proxectos que cuestionan a forma do Estado-Nación criollo e mestizo e sitúan no primeiro plano a dimensión das etnias indíxenas. Movementos e proxectos non secesionistas, pero si autonomistas, impulsados particularmente polo proxecto que en Bolivia lidera o Presidente Evo Morales. Propostas diversas como diversas son as identidades indíxenas e cunha influencia crecente do papel das mulleres, “sobrecargadas de identidade”, en expresión de Amelia Valcárcel.
Rafael del Águila, catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid, criticou algúns postulados do multiculturalismo e argumentou que non conduce per se á democracia. Pronunciouse por solucións interculturais baseadas no encontro e no diálogo. Afirmou que o ámbito público supón principios compartidos por todas as culturas, o que debe descartar o aplastamento das minoritarias e os incentivos para o choque de civilizacións.
A cuarta e última sesión de hoxe foi protagonizada por Carlos Thiebaut, catedrático de Fuilosofía da Uuniversidade Carlos III de Madrid, que chamou a atención sobre o feito de que “o noso concepto de pluralismo é determinante para entender o espazo público”.
Nas sesións de hoxe interviron tamén, en calidade de retrucantes, Cristina Sánchez, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade Autónoma de Madrid; Carlos Fernández e Jorge Álvarez Yágüez, profesores de Filosofía e ensaístas, e Elena Guitián, profesora de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid.
<strong>O PROGRAMA DO MÉRCORES, 3</strong>
Ás 10 horas chegará o relatorio “Dilemas políticos contemporáneos e a forza do exemplo” con Alessandro Ferrara, catedrátrico de Filosofìa Política na Universidade de roma e Presidente da Asociación Italiana de Filosofía Política, a quen replicará María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Política na Universidade de Santiago.
A sexta e última sesión, a partir das 11´45 horas, abordará o tema "Cultura, política e diversidade" co relatorio de Fernando Vallespín, catedrático de Ciencia Política na Universidade Autònoma de Madrid, que terá como retrucante a Antón Baamonde, profesor, ensaísta e secretario do foro.
Este debate é o sexto e último dos seis organizados polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008).

