----

Isabel Burdiel abre a nova temporada do ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) cunha conferencia sobre as relacións entre historia e literatura na biografía

“Por que deberían os historiadores molestarse en ler novelas?”. Este é un dos puntos de partida da conferencia que Isabel Burdiel, especialista en historia política e cultural, ofrecerá o vindeiro mércores no Consello da Cultura Galega (CCG). Burdiel, que gañou o Premio Nacional de Historia en 2011 cunha biografía sobre Isabel II, é a encargada de abrir a temporada do ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s). A súa conferencia, titulada “Historia, Literatura, Biografía”, xa está dispoñible para consulta no web da institución. A cita terá lugar na biblioteca do CCG o mércores 25 de febreiro ás 17:00 horas.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

As relacións entre historia, literatura e biografía son as grandes áreas de traballo nas que Isabel Burdiel é unha especialista. E as relacións entre elas centran a conferencia que impartirá no CCG a vindeira semana en Galicia. Unha cita en Galicia moi relevante nos seus intereses xa que a día de hoxe está a abordar a revisión da figura de Emilia Pardo Bazán a través das súas novelas.

Na súa intervención, a historiadora valenciana parte do feito de que “aquilo que a historia deixou de contar no seu longo proceso de distinción da literatura (culminado no século XIX) foi o que creou o espazo para a consolidación dun novo xénero, a novela, ao tempo que favorecía tamén ese borroso espazo entre historia e ficción que, inicialmente, se atribuíu á biografía”. Ademais, tamén se achegará aos problemas de ámbito metodolóxico, para os que propón, entre outras cuestións que un historiador se pregunte polas motivacións á hora de facer unha biografía pero tamén sobre o uso e a finalidade de materiais literarios no seu traballo. Para isto, Burdiel botará man da súa experiencia no terreo da biografía, na que destaca o seu estudo do Frankenstein ou o moderno Prometeo de Mary Shelley.

Sobre Isabel Burdiel
Autora de numerosa bibliografía, é especialista en historia política e cultural do liberalismo europeo do século XIX, con especial interese nas relacións entre historia e literatura e nas posibilidades da historia biográfica. Premio Nacional de Historia pola súa biografía sobre Isabel II, actualmente dirixe a Rede Europea sobre Teoría e Práctica da Biografía / European Network on Theory and Practice of Biography.

O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)
O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende 2007. Este seminario, coordinado polo profesor Ramón Máiz, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións máis recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.

Outras noticias que te poden interesar: