NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega edita unha publicación de homenaxe a Raimundo García, Borobó

Borobó, Raimundo Lozano, J. Sierra ou Ánxel Novo. Eran algúns dos seudónimos e heterónimos baixo os que Raimundo García (Pontecesures, 1916- Santiago, 2003) escribiu as súas novas. O escritor e xornalista cumpriría 101 anos esta semana. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega lembrou coa publicación dixital Homenaxe a Raimundo García Domínguez, Borobó na que se recolle as intervencións dun acto organizado pola Asociación de Xornalistas de Santiago en agosto de 2016.

Esta publicación dixital recolle as intervencións que Gonzalo Rodríguez Mourullo, Siro López, Xulia Campo e Raimundo García Paz, realizaron na casa natal de Borobó en Pontecesures o 28 de agosto de 2016. Un acto que foi coordinado por Luís Menéndez Villalva, presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela co obxectivo de lembrar a quen foi unha figura fundamental na historia da prensa do noso país.

Raimundo García, Borobó
Naceu en Pontecesures o 10 de xullo de 1916 e finou o 28 de agosto de 2003 en Compostela. Polo medio hai toda unha traxectoria xornalística e literaria en medios como El Español, El Correo Gallego, La Estafeta Literaria, o diario Madrid ou o verspertino La Noche, xornal clave na recuperación do galego trala guerra civil no que publicou os seus sonados Anacos e onde deu acubillo aos novos escritores.